DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha guía e catro unidades didácticas, dirixidas a estudantado de primaria e secundaria

Unha serie de recursos educativos achegarán á cidadanía o arboreto e a xiloteca do campus

Nas próximas semanas, serán visitados por preto de 500 estudantes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/05/2025

Contribuír á educación ambiental do estudantado de primaria e secundaria é o obxectivo dun conxunto de recursos didácticos centrados na xiloteca, unha colección conformada por 441 pezas de madeira de 93 especies situada na Escola de Enxeñaría Forestal, e do arboreto do campus, integrado por preto de 350 árbores de 50 especies. Promovidas pola Vicerreitoría, co apoio do Consello Social da UVigo, trátase dunha guía da xiloteca e de catro unidades didácticas, concibidas como unha ferramenta de apoio ao currículo escolar, que busca promover o respecto pola biodiversidade e a aprendizaxe activa en contacto coa natureza.

Estes recursos reúnense á súa vez nun espazo web e foron presentados este martes na EE Forestal, nun acto que contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a directora da escola, Ángeles Cancela; o director da Área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e a directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo (OMA), Delfina Couce. O obxectivo destes materiais, sinalou a vicerreitora, é “dinamizar e pór en valor, como un recurso de formación, este patrimonio que ten o campus”, favorecendo a realización de visitas por parte dos centros de ensino, que permitan “estimular no alumnado un amor pola natureza e o coñecemento do campus e da EE Forestal”. 

Estes materiais, engadiu, serán empregados polos preto de 500 estudantes da contorna de Pontevedra, procedentes tanto de diferentes institutos como de centros de primaria, que nas próximas semanas participarán nunha serie de visitas á xiloteca e a á ruta do arboreto, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite coñecer os seus exemplares máis significativos. Cancela, pola súa banda, destacou a importancia que ten para a EE Forestal esta xiloteca, “que para nós é tamén un laboratorio dentro do centro”, tendo en conta ademais que en España só existen outras catro coleccións deste tipo; mentres que Couce subliñou que estes recursos permiten achegar “unha visión do que é o medio ambiente e a importancia da súa conservación ao alumnado e á poboación en xeral”. 

Posta en valor das coleccións universitarias

Estes recursos didácticos, que se suman á guía do arboreto elaborada en 2019, coincidindo coa creación da base de datos na que están xeolocalizadas as 350 árbores existentes no campus, insírense no obxectivo da Vicerreitoría de “potenciar as coleccións universitarias” existentes en Pontevedra, sinalou Torres. Con esa idea, estes materiais reúnense nunha web que ten como obxectivo “pór en valor todo este traballo e facelo accesible para todos”, como explicou o egresado da Facultade de Comunicación Rafael Sierra, responsable do deseño dun portal ao que se irán incorporando novos contidos. 

De feito, apuntou Torres, o obxectivo é que aos materiais sobre a xiloteca e o arboreto se sumen o curso seguinte os centrados na colección de material audiovisual coa que conta a Facultade de Comunicación, que, explicou, “estamos catalogando” actualmente.

Recursos para estudantes de primaria e secundaria

Un dos materiais presentados nesta xornada foi a guía didáctica da xiloteca, impulsada en 2014 e conformada a día de hoxe por 346 táboas de madeira procedentes de 77 especies de frondosas e 95 pezas pertencentes a 16 especies de coníferas, xunto con apartados dedicados a derivados da madeira e pezas singulares. O listado de especies que a conforman, xunto con contidos sobre o papel dos bosques, a estrutura macroscópica e microscópica das árbores ou os ámbitos da aplicación da dendrocronoloxía, a rama da ciencia que estuda os aneis de crecemento das árbores, forman parte dos contidos desta publicación. A esta súmanse dúas unidades didácticas centradas na xiloteca e outras dúas dedicadas ao arboreto, unha delas dirixidas a estudantado de primaria e outra a alumnado de secundaria, como explicou o enxeñeiro forestal Luis Ángel Gómez, responsable do seu deseño. “A idea é que os nenos e nenas, unha vez visitan estes recursos, poidan repasar co seu profesorado os coñecementos adquiridos”, explicou, a través dunha serie de actividades que permiten “traballar moitos conceptos”, desde o cambio climático, a contaminación ou a conversación da biodiversidade, ata a flora e a fauna.