DUVI

Diario da Universidade de Vigo

sfsfafa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/02/2023

Despois de sete edicións, o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM-UVigo Mariano Lastra Valdor refírese, desde Punta Arenas (Chile) e a tres días de chegar a Isla Decepción, ás campañas antárticas como “unha oportunidade de ouro para todos, que sempre compensa desde o punto de vista científico”. Xunto ao tamén catedrático e ao profesor titular do mesmo departamento, Jesús Souza Troncoso e Jesús López Pérez, respectivamente, ambos investigadores do Centro de Investigación Mariña, e ao doutor pola UVigo e investigador posdoutoral na Universidad de Cádiz, Iván Franco Rodil, Mariano Lastra integra a expedición da UVigo, que entre o 17 de febreiro e o 17 de marzo, desenvolverá unha nova campaña científica na Antártida, ao abeiro do proxecto de investigación Radiant, financiado con 50.000 euros polo plan nacional de I+D. 

“Radiant está asociado á 36ª Campaña Antártica Española e é unha secuela dos proxectos anteriores. Durante catro semanas, do 17 de febreiro e ata o 17 de marzo, na base Gabriel de Castilla de Isla Decepción realizaremos un experimento de manipulación do medio natural. Quentaremos substratos, macroalgas que están varadas alí nas praias das illa, a diferentes temperaturas, para ver temas de descomposición da materia orgánica, emisións de CO2, liberación de nitróxeno e fósforo. Ademais da temperatura, como novidade este ano, imos introducir a variable da radiación ultravioleta, durante un número de horas, para tratar de estudar que efecto combinado ten a temperatura e a radiación ultravioleta na descomposición da materia orgánica”, detalla Lastra. A realización deste novo experimento, responde, segundo os científicos da UVigo á existencia dunha hipótese xeral de que canto menos xeo, tanto espacial, como temporal hai, máis iluminación chega ao fondo, “o que fai que todo o que sexan organismos fotosintéticos teñan máis tempo para desenvolverse, para proliferar. Isto afecta, tanto a fitoplancto, como ás algas e hai máis produtividade primaria, que pode vir ben a algunhas especies clave, como o krill e todo o que é a cadea alimenticia, e logo ás macroalgas para crear grandes superficies e grandes tamaños. E esta é a parte nós analizamos, a ver que sucede aí”, detalla Lastra, sobre este proxecto de investigación básica, que complementado agora co experimento da radiación ultravioleta permite incluír o burato na capa de ozono no marco conceptual da investigación.

Simbiose antártica e apoio familiar

Tras aterrar nas últimas horas en Punta Arenas, Lastra, Troncoso, López e Franco xa están preparados para voar ata a Isla Rey Jorge, desde onde serán traslados por un barco búlgaro ata a base Juan Carlos I e posteriormente ata Isla Decepción. “Este ano, e isto é unha novidade, non nos leva o Hespérides, senón un barco búlgaro, que deixará a cada grupo de investigación no seu sitio. Outro cabalo de batalla é que sempre adamos curtos de barcos con capacidade polar e aínda que o Hespérides é fantástico, hai que renovar a flota, o que creo que xa está a facer e o novo e vai supoñer un cambio interesante”, explica Lastra. 

Logo de sete campañas antárticas no seu caso; tres en bases e outras no Hespérides desde a década de 1990 no caso de Souza Troncoso, e tres no de López e Franco, Mariano Lastra recoñece que, “xa non podemos pecar de inocentes. Coñecemos aquilo case, case mellor que os membros do Ejército de Tierra, que é o organizador da campaña, e van só unha vez, e nós xa temos aquilo moi repetido: sabemos cando se pode navegar, cando hai que quedar na base, como ir vestido, o importantes que son os partes meteorolóxicos, etc.”. Nunha base que non é moi grande e na que este ano, á ducia de investigadores e aos dous integrantes do Ejército que estarán na base, cómpre sumar, “aínda que eles montan os seus iglús de fibra” ao pelotón de zapadores que se encargan da construción dun novo laboratorio, Lastra asegura que “nunca tiven ningún problema de convivencia , semella que a xente dá o mellor de si mesma nesas contornas, que son moi peculiares e nas que manter o grupo unido é a clave”. Botando a vista atrás, Lastra asegura que é a primeira a campaña que recorda con especial cariño. “Dáste de conta que estás illado, que non vai vir o 7º de Cabalería a rescatarche, que os proxectos veñen con persoal moi axustado e todos temos que estar pendentes do noso traballo e do dos demais para que todo o mundo saque adiante as tarefas, apoiándose uns aos outros. Ese tipo de simbiose antártica é habitual”. 

Parte fundamental para o desenvolvemento do traballo na Antártida é, segundo recoñece e agradece o catedrático da UVigo o apoio “ao 100%” da súa familia. “Pasas mes e medio fóra en época de colexio. A miña familia está afeita e papa está asociado a campañas de cando en vez e por ese lado moi ben, porque me apoian e senón fose por eles non habería campaña”, explica.

Da Antártida a Corrubedo na procura de comparacións 

Durante as catro semanas que os investigadores da UVigo permanecerán na Antártida, continuarán coas mostraxes nunha ducia de praias nas que están a traballar desde o ano 2004. “Imos repetir medicións do estado morfodinámico da praia: ver a pendente, amplitude da intermareal, todas estas variables ; canto CO2 se está a emitir por parte do substrato; cantos nutrientes está a liberar a praia, etc. A análise dunha campaña é interesante, pero cando es quen de acumular varios anos a medio prazo, case podemos falar de décadas, o valor deses datos é moi superior. Imos repetir o que fixemos outros anos e como ao Ministerio lle pareceu ben, imos estar este ano e tamén o que vén”, confirma Lastra.

A Antártida non é o único escenario no que os investigadores do CIM da UVigo desenvolven o seu traballo, que ten unha prolongación no complexo dunar de Corrubedo, no concello de Ribeira. “ En Corrubedo replicamos ao detalle o que facemos na Antártida, para non ir a cegas e non só por ensaiar a metodoloxía e o protocolo do experimento, senón tamén para poder comparar, a efectos de publicar, o que ocorre en latitudes intermedias, co que ocorre en latitudes polares. Aínda que non está incluído no proxecto, tiramos para adiante e fixémolo en Corrubedo e posiblemente o repitamos, porque houbo unha tormenta, que coincidiu cunha marea viva e o que tiña que durar 15 días durou 10, porque o mar varreunos toda a zona de experimentación”, detalla Mariano Lastra, que agarda poder regresar a Corrubedo, logo de volver da Antártida, “porque, aínda que é un esforzo extra é interesante e compénsanos”, asegura.

Logo de varios de traballo, o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo confirma que xa puideron obter algunhas conclusións interesantes, que lles permitiron publicar tres artigos en revistas destacadas, así como iniciar unha tese de doutoramento. “Estes resultados foron suficientes para que Ministerio aceptase de novo a nosa proposta, pero estes proxectos sempre son moi axustados de orzamento e case nunca financian persoal. Nós sempre pedimos un técnico ou un doutorando e nunca nolo dan”, confirma Lastra, razón pola que a cantidade de material que teñen no día a día non se pode procesar.