DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se axudou a 120 empresas deste ámbito a desenvolver a súa competitividade empresarial

Sherpa do Mar remata singradura co lanzamento de 12 iniciativas empresariais innovadoras do sector mariño-marítimo da Eurorrexión

Abarcan diversos ámbitos -acuícola, portuario, conserveiro, turístico...- e aplican tecnoloxías punt

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 31/03/2022

Liderado polo grupo Rede, Campus do Mar e a Oficina de I+D da Universidade de Vigo, o proxecto europeo Sherpa do Mar púxose en marcha en 2019 co obxectivo de crear e consolidar un ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no contexto mariño-marítimo. Tres anos despois, o obxectivo está cumprido. Así se expuxo este xoves no evento de peche e divulgación de resultados deste proxecto, unha xornada na que se explicou que, grazas aos recursos xerados a través da cooperación transfronteiriza, foi posible lanzar ao mercado 12 novas iniciativas empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo da Eurorrexión favorecendo, á súa vez, a xeración de emprego, o apoio a 20 empresas para desenvolver a súa competitividade empresarial a través de actividades innovadoras e a elaboración de diagnoses personalizadas de desempeño innovador a 120 empresas de Galicia e norte de Portugal con actividades relacionadas co mar.

A xornada, retransmitida vía streaming, tivo lugar na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela e nela contouse coa participación do catedrático de Organización de Empresas e coordinador do grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez, e a directora da Área de Servizos de GAIN, Patricia Fernández Liz. Tal e como explicou Vázquez, con Sherpa do Mar o que se fixo foi tentar aproveitar todos os recursos que había, “que xa eran moitos e moi capacitados”, para impulsar o emprendemento tecnolóxico, a creación de start-ups que engadisen ao tecido empresarial un elevado nivel de coñecemento. “Fíxose un esforzo en tres campos fundamentais: aproveitar o que xa había, estimular o esforzo nun ámbito tecnolóxico moi concreto para configurar masa crítica nunha contorna global e traballar cóbado a cóbado co norte de Portugal”, explicou o responsable do grupo Rede. “Tiñamos claro que queriamos intensificar a nosa actuación nas actividades intensivas en coñecemento e identificamos como un aspecto absolutamente esencial a busca de sinerxías cos nosos irmáns portugueses”, engadiu Vázquez, quen se amosou “especialmente orgulloso” de como foi o proxecto.

Retos que van da dixitalización ao ecoturismo, pasando pola seguridade e a trazabilidade alimentaria

Estes 12 proxectos empresariais lanzados ao mercado son a cara máis visible dos resultados  de Sherpa do Mar. Son 12 proxectos emprendedores, valorizados e acelerados no programa Sherpa Journeys, de base tecnolóxica e que achegan solucións innovadoras ás necesidades actuais do ámbito mariño-marítimo. “Abarcan sectores diversos, como o acuícola, o portuario, o conserveiro ou o turístico e aplican tecnoloxías punteiras a retos como a dixitalización, o uso sostible de recursos, a seguridade, o ecoturismo ou a trazabilidade alimentaria”, apuntou a responsable do proxecto, Andrea Ogando, investigadora do grupo Rede, quen explicou que todos estes proxectos se presentaron esta mesma semana nunha xornada celebrada en Portugal.

O abano de empresas que saen ao mercado baixo o selo de Sherpa do Mar son Abzu, unha plataforma de operacións portuarias baseada na tecnoloxía blockchain que permite aforrar tempo e diñeiro nas operacións portuarias de forma pioneira. ActiveAlgae, onde traballan con algas pouco comúns para empregalas na industria cosmética sempre co obxectivo de minimizar o impacto ambiental. Basemar, firma que achega unha solución para sinalizar os viveiros de mariscos, unha baliza de sinalización marítima con fondeo ecolóxico. Pola súa banda, Bima permite dixitalizar e modernizar a metodoloxía de traballo dos sector marítimo-pesqueiro e Bioprana parte dun cóctel de microorganismos que aceleran a descomposición da materia orgánica e ofrece numerosas vantaxes á industria acuícola (menor impacto ambiental, maior sostenibilidade e benestar animal...).

De cara a evitar o impacto económico e medioambiental que causan os arredor de 1500 contedores que se funden cada ano nos mares e océanos, xurde Cobs, un dispositivo de localización instantánea que permite identificar estes contedores e evita o seu afundimento. Fish & Food Technology vai dirixida a mellorar a trazabilidade dos produtos da pesca, e Kersship, un novo motor propulsor para buques, permite unha maior autonomía enerxética, reduce as emisións e evita riscos de colisión. MytUniSex dedícase á produción intensiva de mexillón unisex todo o ano, de cara a satisfacer a demanda de mexillóns do xénero Mytilus, de gran valor comercial no mercado e moi apreciados polo consumidor.

A listaxe de empresas complétase con Sailing for Science, ecoturismo mariño baseado na sostenibilidade; Subgo, unha iniciativa que, apoiada na realidade virtual crea experiencias inmersivas nos fondos mariños, sempre da man da divulgación científica e a educación ambiental, e ValBioSea, dirixida a avaliar o potencial das algas invasoras presentes nas costas galegas e separar os seus compostos bioactivos para que poidan ser usados na industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica sen atentar contra a biodiversidade do medio mariño.

Múltiples recursos de apoio ao emprendemento e a transferencia

En canto aos recursos xerados, a responsable do proxecto explicou nesta xornada que se conseguiu achegarlle ao sector do mar “unha extensa diagnose da situación sobre as prácticas de emprendemento e intraemprendemento focalizado na creación de empresas de base tecnolóxica ou actividades intensivas en coñecemento”.  No ámbito do emprendemento, o maior logro foi, segundo Ogando, unha metodoloxía dinámica (Sherpa Journeys) de deseño de itinerarios adaptados ao proceso emprendedor de cada proxecto, sostida sobre un sistema de medición de indicadores e extrapolable a outras rexións e sectores. No caso específico da transferencia, o proxecto foi quen, a xuízo da súa responsable, de crear un mapa de coñecemento que pon en valor os recursos dispoñibles no ámbito científico-técnico facilitando a transferencia da academia ao ámbito empresarial e á sociedade. “Esta mapa compila máis de 100 rexistros de unidades de investigación da Eurorrexión dedicadas a áreas científicas relacionadas co mar”, explica Ogando.

Centrándose no que a promoción empresarial se refire, Sherpa do Mar creou unha ampla base de datos pública, que recolle máis de 60 proxectos emprendedores do ámbito mariño-marítimo. “É unha base de datos que favorece a visibilidade destas iniciativas e promove o emprendemento de alto valor engadido nun sector maiormente tradicional”, apuntou Ogando.

Valorando opcións que poidan dar continuidade a esta iniciativa

O  proxecto europeo Sherpa do Mar arrancou no verán de 2019 cun orzamento total de 997.184 € - inserido na convocatoria Poctep 2019- e nel participaron como socios, ademais da propia Universidade de Vigo, que exerceu como coordinadora: o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), as universidades de Santiago e da Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar. Unha vez rematado, desde o consorcio están a elaborar un plan de sostenibilidade no que se explorarán e valorarán diferentes opcións que poidan dar continuidade a esta iniciativa.