DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No edificio Redeiras, organizado polo grupo GEAAT da UVigo

Un simposio reúne en Vigo aos maiores especialistas en comercio de cerámicas da Antigüidade Tardía na costa atlántica

Mañá venres o encontro trasladarase á illa de Ons, onde se visitarán varios xacementos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/06/2025

Os maiores especialistas no comercio de cerámicas da Antigüidade Tardía ao longo de toda a costa atlántica participan esta semana en Vigo nun simposio organizado polo grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Universidade de Vigo. A cita arrancou no serán deste mércores  no edifico Redeiras cun acto de apertura que contou coa participación de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, con quen a Universidade colabora en tarefas de arqueoloxía desde hai cinco anos,.e Adolfo Fernández,investigador responsable do grupo GEAAT.

Eles foron os encargados de darlle a benvida oficial a Vigo aos arredor de 25 especialistas chegados desde Reino Unido, Francia, Portugal e España que participan nunha xuntanza que toma o relevo dun primeiro encontro celebrado en Newcastle en 2014. Tras a apertura tivo lugar a conferencia inaugural, para o que se contou coa participación Paul Reynolds, investigador ICREA da Universitat de Barcelona, un dos especialistas en ceramoloxía antiga máis recoñecidos, que afondou nas relacións comerciais a longa distancia entre o Atlántico e o Mediterráneo oriental. 

Un comercio que implicaba aos principais portos do Atlántico

A xornada de hoxe xoves desenvolverase de xeito íntegro no edificio Redeiras, onde se sucederán relatorios de investigadores e investigadoras do Reino Unido  (Universidades de Newcastle e Glasgow e Consello de Conservación do Patrimonio Irlandés); Francia (INRAP e Burdeos); Portugal (Universidade Nova de Lisboa, Coimbra e Porto), e España (Universidade de Vigo, Santiago de Compostela, Cádiz, Barcelona e CSIC). “Entre todos sumamos un importante coñecemento sobre as cerámicas producidas e comerciadas entre os principais portos do Atlántico, como o mesmo Vigo, Cádiz, Burdeos ou Lisboa”, explica desde o GEAAT a investigadora Alba Rodríquez Novoa, ao que engade que se conta tamén con especialistas noutros campos, tales como o estudo dos vidros, as técnicas físico-químicas aplicadas á arqueoloxía e á historia, “que axudarán a complementar a visión de conxunto sobre os séculos estudados”. 

Visita a Canexol e ao castro do Castelo dos Mouros

Mañá venres a xuntanza trasladarase ao Centro de Visitantes da Illa de Ons. Pola mañá desenvolveranse diferentes conferencias centradas, neste caso, no comercio tardoantigo desde outras perspectivas, incluíndo as fontes escritas, os vidros e a arqueometría e, xa pola tarde, realizarase unha visita aos xacementos que o equipo escava  na illa: as factorías de salga de Canexol e o castro do Castelo dos Mouros.

Ao abeiro do proxecto Atlantrade, liderado por Adolfo Fernández

O encontro está organizado dentro do proxecto Atlantrade: Relacións comerciais na costa atlántica durante a Antigüidade Tardía, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria de Proxectos de Xeración do Coñecemento do ano 2022, con Adolfo Fernández Fernández como investigador principal.

“A reunión marca a metade do proxecto. Ata o de agora  centrámonos en estudar conxuntos materiais de Vigo que estaban inéditos”, explica Rodríguez Novoa, ao que engade que a segunda metade se destinará a publicar os resultados e interpretalos, “para o que reunións científicas como esta, onde podemos estar en contacto con outros especialistas na materia, vai ser  clave”.

Ademais da propia organización do encontro, os expertos e expertas do grupo GEEAT da Universidade de Vigo participan no simposio impartindo distintos relatorios. No caso do responsable do grupo, Adolfo Fernández, presenta hoxe xoves unha ponencia sobre o comercio tardo-romano na costa atlántica e, esta tarde, presentará xunto a Alba Rodríguez e João Veloso (Universidade Nova de Lisboa) algúns dos resultados acadados no xacemento vigués da parcela de UARC, Unidade de Actuación Rosalía de Castro.

Por outra parte, neste caso xunto a Ricardo Costeira (Universidade de Coimbra), Fernández presentará tamén unha visión xeral do abastecemento de cerámica tardoantiga no sur do reino suevo -cidades de Conimbriga e Braga-. Maña venres participará nunha mesa redonda con expertos da Universitat de Barcelona centrada nos últimos avances sobre as producións anfóricas tardoantigas do occidente peninsular.