DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sinatura dun convenio entre a Universidade de Vigo e a Brilat

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/06/2022

Promover a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Brigada Galicia VII-Brilat no desenvolvemento de títulos propios ou de actividades formativas non oficiais, na organización de conferencias e seminarios, en iniciativas de extensión universitaria e de voluntariado ou en labores de asesoramento científico e técnico. Eses son os obxectivos do convenio subscrito entre a institución académica e o Ministerio de Defensa para o desenvolvemento de actividades, docentes, de investigación ou de cooperación, que este venres presentaban en Pontevedra o vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e o xeneral xefe da Brilat, Luis Cortés.

“O propósito deste convenio é realizar actividades conxuntas en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as dúas institucións”, salientou Soto no acto simbólico de sinatura deste acordo de colaboración, que presentou como unha vía para potenciar as “colaboracións eventuais” que a UVigo xa mantiña coa brigada con sede en Figueirido. De catro anos de duración, este convenio implicará á creación dunha comisión mixta de seguimento, que será a encargada de concretar en que accións se traduce un “convenio moi aberto”, feito co obxectivo de “tender portes” cunha institución coa que, lembrou Soto, a Universidade ten xa colaborado en iniciativas como expedicións á Antártida ou no deseño de dispositivos tecnolóxicos.

“Danos un marco xeral de actuación”, engadiu Cortés, que destacou que, do mesmo xeito que está “presente na vida de Pontevedra”, era necesario que a Brilat “tivese un espazo na Universidade”. Non en van, “a educación é a arma máis poderosa que se pode usar para cambiar o mundo”, subliñou o xeneral, que incidiu na importancia que ten para a brigada poder traballar conxuntamente coa institución universitaria na formación do seu “principal activo, que é o noso persoal”, así como na transferencia de coñecemento e no desenvolvemento científico e tecnolóxico. Deste xeito, concluíu, as unidades militares poderán ter “a maior gama de posibilidades para facer fronte desde a unha pandemia, ao volcán da illa da Palma ou a calquera evento militar ao que haxa que enfrontarse”. 

Múltiples vías de colaboración

Aínda que o obxectivo é que o convenio permita “traballar conxuntamente en calquera ámbito”, no acordo incídese na posibilidade de que a Brilat poida prestar “apoio a investigadores e estudantes”, á vez que á Universidade poida brindarlle á brigada “un asesoramento científico técnico que creo que pode ser importante”, salientou Soto. Do mesmo xeito, o vicerreitor sinalou tamén o interesante de que permita organizar conferencias ou seminarios “que poidan dar luz sobre aspectos que hoxe en día son relevantes na consolidación dun espazo de entendemento entre o Ministerio de Defensa e a sociedade civil”. 

Nesa mesma liña, Cortés destacou as posibilidades que abre este convenio á hora de que o alumnado que se atopa desenvolvendo os seus TFG “poida traballar co persoal da Brilat nunha serie de áreas”, na colaboración en seminarios ou no intercambio de información, á vez que lembrou que a brigada xa vén traballando coa Universidade de Vigo “en moitas áreas”. Como exemplo, o xeneral xefe lembrou a colaboración que desde hai anos manteñen as unidades de voluntariado da Facultade de Fisioterapia no Concurso de Patrullas Tui-Santiago, que desenvolverá a vindeira semana unha nova edición.