DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión de lanzamento do proxecto europeo HEI4Future, liderado pola UVigo

Socios de sete países debaten en Vigo os mellores xeitos de traspasar á sociedade a I+D+i que se fai nas universidades

Cursos, programas de mentorización e apoio a start-ups son tres dos eixes básicos nos que xa se está

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Emprender
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/09/2022

Cursos nos que se promova o espírito empresarial, novos programas de mentorización, innovadoras liñas de apoio a start-ups… Estes son algúns dos temas nos que están a traballar os socios de HEI4 Future, un proxecto europeo financiado con 1,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT, co obxectivo de deseñar novas estratexias que axuden a converter as capacidades tecnolóxicas que xorden nas institucións de ensino superior en novos produtos e servizos que contribúan ao avance da sociedade. Xunto á Universidade de Vigo, que lidera o proxecto, participan neste programa institucións de ensino superior de Dinamarca, Italia, Albania, República Checa, Portugal e, desde o pasado mes de agosto, tamén Ucraína. Este martes e mércores celebran na cidade olívica a reunión de lanzamento do proxecto, hoxe fixérono no espazo Incuvi e mañá trasladaranse ao edificio Redeiras.

O reitor Manuel Reigosa foi o encargado de dárlles a benvida. “Estamos moi orgullosos de tervos a todos aquí”, indicoulles o máximo responsable da UVigo, quen fixo fincapé na importancia de “seguir traballando para conseguir cousas que poidan axudar a mellorar o mundo no que vivimos”, salientou o reitor, ao tempo que gabou a elevada calidade do equipo de traballo que está a participar neste proxecto. Xunto a Reigosa saúdonos tamén o coordinador xeral do proxecto, o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing e investigador de Ecobas Pablo Cabanelas, quen fixo fincapé en que o obxectivo final deste traballo é “centrarse nas capacidades emprendedoras e de innovación das institucións de ensino superior a través de procesos co-deseñados, de innovación aberta e habilidades brandas”.

Se ben xa se celebrara unha primeira xuntanza o pasado mes de xullo en Barcelona, este é o primeiro encontro no que se reúnen presencialmente todos os socios do proxecto: a University of Elbasan Aleksandr Xhuvani, de Albania; a University College of Northern Denmark, en Dinamarca; o Fondazione Politecnico di Milano, en Italia; a Universidade de Lisboa e PowerHub, z.u., unha empresa da República Checa. Contouse ademais coa participación de Marta Lorusso,  da sección Urban Mobility do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, con sede en Barcelona, que foi a encargada de abrir o programa do encontro.

Que se está a facer desde a UVigo?

A Universidade de Vigo, coma beneficiaria principal, é a responsable de coordinar o proxecto e, a maiores, ten a responsabilidade da comunicación, un esforzo conxunto e coordinado co resto dos membros do consorcio. Alén disto, o equipo da UVigo estase tamén a encargar de diferentes actividades de promoción do emprendemento, creación de grupos de innovación educativa baseados en contornas dixitais, programas de formación en competencias emprendedoras, actividades de transferencia de tecnoloxía, recompilación de boas prácticas e mobilidade internacional, entre outras. 

Con esta finalidade xa se están a executar múltiples actividades, tanto da man do equipo de Ecobas encargado do proxecto –Grupo de investigación de organización do coñecemento-, como das diferentes oficinas e servizos implicados nesta iniciativa. Nesta liña, a reunión contou coa participación entre outras, da vicerreitora de Internacionalización, Maribel Del Pozo, e a decana da Facultade de Comercio, Consuelo Currás, así como a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, Mª José Moure, desde onde se está a traballar na posta en marcha de diferentes cursos; da directora da OTRI, Ángeles López, que colabora na posible posta en marcha de novos programas de mentorización, ou da directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, que intervirá no apoio a start-ups das tres áreas temáticas do proxecto: mobilidade, saúde e produción.

A maiores de todas estas actividades, o equipo responsable do proxecto participará tamén cun posto propio na feira Pont-Up Store 2022 que arranca este venres na cidade de Pontevedra, onde se fará unha presentación institucional do proxecto, ademais de colaborar nalgunha outra actividade.

Que se pretende conseguir?

Durante os dous días que dura o encontro os 20 socios do proxecto que participan na xuntanza tratarán de avanzar nos diferentes paquetes de traballo e nos indicadores a obter nesta primeira fase do proxecto. “Queremos formar a arredor de 140 estudantes en novas competencias con vistas á innovación e ao emprendemento; titorizar e mentorizar a 10 estudantes; formar a 30 persoas do colectivo de Persoal Docente e Investigador con vistas á innovación e ao emprendemento e titorizar seis e, en paralelo, o mesmo para o Persoal de Administración e Servizos”, explica o profesor Pablo Cabanelas, quen tamén falou de xerar estruturas e mecanismos de apoio novos e/ou mellorados para a transferencia do coñecemento e emprendemento, e pór en marcha novas asociacións.

Ata xuño de 2024

O proxecto ten dúas fases, a primeira prolongarase ata o vindeiro 31 de decembro e, unha vez revisados os indicadores establecidos, ampliarase automaticamente ata xuño de 2024. 

Trátase do primeiro proxecto da UVigo realizado man a man coa EIT, organismo creado no 2008 co obxectivo de fortalecer a capacidade de innovación dos países da Unión Europea.