DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvida xunto a estudantes do CIFP Carlos Oroza

A Subdelegación do Goberno recoñece a campaña sobre violencia machista en espazos de ocio do alumnado da Facultade de Comunicación

Cunha entrega de diplomas e a presentación dos proxectos realizados

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/05/2024

No marco dunha iniciativa impulsada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, unha vintena de estudantes da Facultade de Comunicación traballaron nos últimos meses de 2023 no deseño dunha serie de campañas publicitarias que tiñan como obxectivo concienciar e axudar a identificar as diferentes manifestacións da violencia machista que poden darse en locais de ocio. Nesta tarefa, este grupo de alumnas e alumnos do Máster en Dirección de Arte en Publicidade traballou conxuntamente co estudantado do CIFP Carlos Oroza, que acollía este mércores o acto de entrega de diplomas aos e ás participantes nesta iniciativa, no que puideron coñecerse tamén as propostas deseñadas para diferentes públicos obxectivos. Concretamente, tras compartir sesións de traballo co alumnado do ciclo de grao medio de Servizos en Restauración do Carlos Oroza, o alumnado da UVigo desenvolveu unha serie de materiais dirixidos á mocidade, a responsables de locais de hostalería, a futuros profesionais do sector, a persoas maiores de 65 anos e ao público masculino en xeral.

O seu traballo foi recoñecido nesta xornada nun acto que contou coas intervencións da secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a decana da Facultade de Comunicación, Emma Tores, e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Unha iniciativa con vontade de continuidade 

Inserida nas actividades de prevención, sensibilización e concienciación da Subdelegación do Goberno, este proxecto tiña como obxectivo pór o foco na problemática específica da violencia machista en espazos de ocio, como bares ou discotecas. Desenvolvida coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) no marco da materia Planificación estratéxica, esta iniciativa levou en primeiro termo ao alumnado da facultade a manter un encontro con responsables da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller e con docentes do Carlos Oroza, para logo compartir unha “sesión de intercambio de ideas” con 35 estudantes deste centro, que previamente abordaran esta temática nas aulas coa profesora Tareixa Fernández. Tras uns encontros que permitiron tanto definir as temáticas como as liñas argumentais das campañas, o alumnado organizouse en equipos de traballo, responsables do deseño das campañas para os diferentes “públicos obxectivos identificados”, como explica Torres.

“Foi unha experiencia moi positiva”, recoñece a decana e coordinadora na Universidade dun proxecto no que o alumnado deseñou diferentes tipos de materiais, como gráficas publicitarias, un manual dirixido a que futuros profesionais da hostalería “saiban como terían que actuar ante unha situación de violencia” ou pezas audiovisuais, realizadas co alumnado do Carlos Oroza. “Os resultados son espectaculares”, recoñece Torres dunha actividade que supuxo “moita carga de traballo” para o alumnado, pero que lles permitiu “traballar como profesionais” á vez que contribuíu “á súa concienciación como mozos e mozas nun tema socialmente tan importante”. 

Despois de que os primeiros resultados se presentasen no acto promovido pola Subdelegación de Goberno con motivo do 25N, o acto deste mércores serviu tanto para amosar os resultados finais do seu traballo como para abordar a posibilidade de levar a cabo algunha destas campañas. Alén disto, as diferentes institucións implicadas amosaron tamén a súa vontade de dar continuidade a esta iniciativa que, como explica Torres, o vindeiro curso tratarase de integrar na convocatoria de proxectos de ApS da Universidade, así como implicar tamén ao alumnado do Máster en Comunicación en Medios Sociais no deseño do plan de medios dixital para as campañas.