DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso insírese no Programa de Formación Permanente do Profesorado da UVigo

Un taller mellorará a efectividade e calidade do discurso dos docentes nas aulas

Segundo os seus organizadores a clave está na voz, no corpo e na actitude

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
María Álvarez DUVI 19/11/2021

“Empregar as emocións, un liderado motivador e a habilidade para comunicar dentro dun equipo de traballo son os piares principais para unha comunicación efectiva na aula”. Así o afirma Alfonso Rivera, un dos docentes que impartirá a partir do 30 de novembro o curso A arte de conectar. Comunicación eficaz e liderado. Este taller está dirixido ao profesorado que desexe achegarse aos principios dunha comunicación coherente e potenciar, deste xeito, as súas capacidades para conseguir acercarse máis ao seu público, o alumnado. Estas clases de carácter presencial insírense dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo e o prazo para inscribirse na plataforma Bubela remata o 25 de novembro.

O obradoiro será impartido por Belén Varela, avogada especialista en organización e dirección de persoas, e Alfonso Rivera, actor, director e pedagogo teatral con experiencia en diferentes cursos de interpretación e expresión corporal nalgunhas das máis prestixiosas universidades do Reino Unido e Turquía. Este último explica que “a capacidade de comunicación é unha das grandes claves para lograr transmitir os contidos de forma óptima e crear un ambiente de traballo san e motivador. Hoxe en día as metodoloxías de comunicación, así como do proceso ensino-aprendizaxe, evolucionaron moito e, sen dúbida, é fundamental que o profesorado siga actualizándose”.

A docencia, unha aprendizaxe sen fin

No corpo e na disposición “están a determinación, o poder da proxección da voz e a capacidade de inspirar confianza”, indica Alfonso Rivera. Polo tanto, cando os profesores e as profesoras posúen “unha actitude proactiva, xenuína e sincera” o seu público sínteo, sostén. Ademais, se se empregan “técnicas de comunicación relacionadas coa mellora da conciencia corporal, vocal ou espacial, o docente poderá sacarlle brillo a ese diamante que todos levamos dentro”. Non obstante, Rivera considera que o erro máis frecuente que cometen os docentes veteranos é unha certa “despreocupación pola súa renovación como profesionais” e, por outra banda, no caso do profesorado máis novo, engade que o máis importante é que “perdan eses medos que teñen e que traballen na confianza en si mesmos”. Así, Rivera entende que a reciclaxe neste eido profesional é algo inherente ao posto, xa que “vivimos nuns tempos nos que os dogmas impostos derrubáronse para dar paso a un novo paradigma da aprendizaxe por competencias, promovendo especialmente a capacidade de autoxestión”.

Comunicar co corpo máis que coas verbas

Unha comunicación de alta calidade, sostén Rivera, “inclúe aspectos técnicos como a voz, o corpo ou a estrutura do que dicimos”, á hora de falar en público o que se conta, o que se sinte e o que se fai ten que ter unha coherencia, é dicir, “a mensaxe ten que ser íntegra, conter valores e xerar unha visión que cative aos oíntes”. Neste senso, recalca que, así como as palabras se entenden nun contexto concreto, coas disertacións ocorre o mesmo e todos os seus elementos teñen que estar en sinerxía e mostrar o mesmo sentimento e concepto. Polo tanto, grazas aos contidos deste curso, os e as asistentes poderán comezar a empregar o seu corpo coma unha ferramenta máis do seu discurso, xa que, segundo Rivera, “este ábrenos unha gran canle para que o entendemento e a construción, tanto dun proceso de aprendizaxe como dunha relación persoal ou dun proxecto de colaboración, sexa máis efectivo”.

As 20 horas de docencia das que consta esta actividade repartiranse entre o 30 de novembro, 2, 9, 14 e 16 de decembro en horario de 16.00 a 20.00 horas. Por outra banda, a pesar de estar dirixido ao Persoal Docente e Investigador (PDI), de quedaren prazas dispoñibles, poderán participar outros colectivos da Universidade que estean interesados nos contidos impartidos.