Na sexta edición duns encontros nos que participan nove centros de formación artística
Terra e territorio inspiran as creacións que alumnado de Belas Artes e Deseño desevolven xunto a estudantes de toda Galicia
A terra, como materia e como lugar, constitúe o eixe temático da sexta edición da residencia de artistas emerxentes Encontros de Mariñán, que ao longo desta semana leva un grupo de estudantes das facultades de Belas Artes e Deseño a desenvolver proxectos artísticos en colaboración con alumnado de sete centros formativos de diferentes puntos de Galicia. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), xunto cos nove centros implicados, e coa colaboración da Deputación da Coruña, esta residencia reúne 40 estudantes no Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa de Bergondo, onde traballan no desenvolvemento dunha serie proxectos artísticos que na tarde deste xoves presentarán ao público, nunha xornada de portas abertas.
Dirixida a crear sinerxías entre os distintos centros de formación artística superior de Galicia, este encontro reúne, xunto ao alumnado da UVigo, a estudantes das EASD Antonio Faílde, Ramón Falcón, Pablo Picasso e Mestre Mateo, do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e do CIFP Imaxe e Son da Coruña. “É unha experiencia moi positiva, de moita intensidade”, recoñece o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do estudantado do campus neste encontro xunto co docente da Facultade de Deseño Román Corbato. Nese senso, pese a que as e os estudantes participantes foron seleccionados por un proxecto previo, estes vanse transformando ao da semana, como froito desa interacción “con alumnado de ámbitos artísticos máis ou menos próximos”. De feito, o encontro arrancaba este luns cunha xuntanza, “na que falan dos seus proxectos e empezan a establecer sinerxías”, sinala Barcia, que incide no “activador” que resulta para o estudantado poder “alimentarse no propio proceso creativo” das achegas de creadoras e creadores doutros eidos ás súas propostas.
Materia e lugar
Cada edición toma como referencia a traxectoria dun artista e a conmemoración do Ano Castelao e o feito de que se lle dedique neste 2025 o Día das Artes Galegas a Isaac Díaz Pardo motivaron que os promotores deste encontro buscasen unha temática que conectase ambas figuras. “Pensamos na terra, como materia, pero tamén como territorio”, sinala Barcia do eixe temático a partir do que as e os participantes comezaron a idear os seus proxectos artísticos. Isto motiva que nestas xornadas, o alumnado se atope desenvolvendo intervencións artísticas a partir da propia terra recollida na contorna de Mariñán, mais tamén que outros “estean traballando a partir dos sons que captan no lugar”, apunta este docente do traballo que desenvolven sete estudantes do campus.
Concretamente, para esta edición dos Encontros de Mariñán foron seleccionadas as alumnas do Grao en Belas Artes Saray Martín e Noela Paz e as estudantes do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea Sara Piñeiro, Cristina Rodríguez e Judit Vaquero, xunto con Laura Domínguez e Román Pereira, do Grao en Deseño.
Unha semana de encontros e de traballo coxunto
Alén do traballo que as e os participantes desenvolven ao longo desta semana, no programa destes encontros insírense tamén outra serie de actividades, como as conferencias de Felipe Senén, Din Matamoro, Mónica Alonso, Miguel Anxo Seixas e Xosé Díaz ou sesións musicais. Esta residencia acolleu así mesmo este mércores a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e celebra este xoves ás 19.00 horas a súa xornada de portas abertas, pechándose a actividade na mañá do venres cunha xornada de conclusión e entrega de diplomas.
