DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuria Bouzas estudou a simboloxía asociada ao cabelo ao longo da historia 

Unha tese afonda en como a arte utilizou o pelo na construción de estereotipos de xénero

Na arte contemporánea retómanse estas asociacións para xerar “discursos que aborden a igualdade” 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/06/2022

O seu valor simbólico, a súa corporeidade e a súa capacidade de adaptación a múltiples contextos fixeron do pelo un elemento empregado de forma recorrente ao longo da historia da arte. Na súa tese de doutoramento, Nuria Bouzas revisou a simboloxía asociada ao cabelo na creación artística e noutras manifestacións culturais de diferentes épocas, para logo pór o foco no seu uso na arte contemporánea. A partir dunha “revisión analítica e comparativa” de preto de 250 obras, Bouzas puido constatar a existencia de “determinadas tradicións relacionadas co uso do pelo na construción de estereotipos” ligados á representación feminina, presentes tanto en obras clásicas coma contemporáneas. Ao longo da historia, explica, o cabelo foi empregado na arte para “reforzar” ideas como “o estereotipo da muller fatal”, de cabelo longo, alborotado e de tonalidades vermellas. Non obstante, a pesar de que “moitos deses conceptos e simboloxías asociadas ao pelo permanecen na imaxinación colectiva”, a “carga simbólica” deste elemento fai tamén que sexa empregado na arte contemporánea, sinala, “para xerar discursos que aborden a igualdade de xénero”.

Dirixida pola profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán, a tese El pelo como elemento de especulación artística en la creación contemporánea tiña como obxectivo xeral realizar unha revisión “da simboloxía e os usos do pelo a longo de diferentes épocas históricas”, abranguendo tanto a arte como disciplinas como a antropoloxía, a socioloxía ou o deseño. Deste xeito, a tese que levou a cabo no doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea ía máis aló de estudos previos que abordaban o uso do pelo na arte de “maneira fragmentada”, co propósito de “comprender a utilización deste elemento, con múltiples significacións, ás veces incluso contraditorias”, na práctica artística actual. De feito, a tese desta artista e investigadora complétase, como explica, cunha “guía que engloba a práctica totalidade de obras de arte que versan sobre este elemento na actualidade”. 

Simboloxías que permanecen

Dada a súa pertenza ao corpo humano, o pelo tense amosado como un “material versátil á hora de traballar artisticamente”, do que Bouzas destaca a idea da “fisicidade” como unha das súas características que fixeron deste un dos “mellores elementos” para abordar “múltiples temáticas relacionadas co ser humano, como a corporeidade, a sexualidade, a identidade, a memoria, a relación entre o corpo e o espazo que este habita ou as relacións persoais e sociais”. Nese senso, incide en que, a pesar desa capacidade de adaptación, o uso do arte mantivo unha serie de “simboloxías asociadas” ao longo do tempo. Ese é o caso, sinala, do uso do cabelo longo como “símbolo erótico e feminino”, a vinculación do pelo solto coa idea de liberdade ou do vello facial ou corporal co masculino. Do mesmo xeito, o cabelo despeiteado ligouse “á loucura e fealdade”, mentres que o seu rapado empregouse como símbolo de “control e homoxeneización” e, en moitos conflitos bélicos, como representación “dunha forma de castigo ou humillación”.  

Moitas destas simboloxías, engade Bouzas, retómanse na arte contemporánea “como crítica”, mais tamén como “reforzo” nalgúns casos, “de ideais de beleza, estereotipos femininos ou diferencias sexuais e de xénero”. Neste punto, Bouzas sinala como exemplos a serie fotográfica Imaxe Alterada (1981), de Christopher Makos e a obra de Lorna Simpson Wigs (1994-2006), definidas polo uso da perruca “como un medio para profundar na construción de estereotipos” e pór de relevo a idea do xénero como unha “construción cambiante”. 

Dos estereotipos prerrafaelistas...

“A utilización do pelo como material creativo motivou, ao longo da historia, infinidade de simboloxías orais, escritas e plásticas”, engade Bouzas, que aborda na súa tese en como este foi adaptando co paso do tempo as súas significacións aos cambios sociais e culturais. Neste percorrido histórico, Bouzas sinala o período prerrafaelista como unha época na que o cabelo, representado sempre unido ao rostro, “comeza a ter unha maior importancia”. Deste período, a investigadora destaca como os artistas “servíronse da simboloxía atribuída ás diferentes tonalidades do cabelo como medio para potenciar determinados estereotipos femininos”, como a idea da “muller pura e virxinal” ligada aos cabelos áureos ou o uso do pelo vermello na “construción do estereotipo de muller fatal”. 

...ás novas simboloxías das vangardas

Será a partir das vangardas cando o pelo adquira “unha nova dimensión”, tanto na arte como en disciplinas como a publicidade ou o deseño de moda, apunta Bouzas. Neste punto, a investigadora sinala o seu uso recorrente, principalmente pola súa vinculación co erotismo, por parte do surrealismo, movemento durante o cal o cabelo “sepárase do corpo e empeza a empregarse como material propiamente artístico”, co que “plasmar inquietudes sexuais, oníricas ou de construción dunha identidade artística antiburguesa e anticonvencional”.

O uso do pelo posibilitou nesta época “a creación de novas linguaxes e métodos discursivos”, mais, a pesar de que foi un elemento empregado tanto por homes como por mulleres, serán as artistas, como explica Bouzas, as que protagonicen neste período “a maior parte das contribucións e indagacións sobre a simboloxía” asociada a este elemento. Como exemplos, a investigadora sinala a creadoras como a francesa Dora Maar, autora en 1935 dunhas fotografías publicitarias que constitúen “probablemente unha das primeiras obras nas que se emprega o cabelo de forma simbólica”, ou a alemá Meret Oppenheim, que nunha obra de 1936 emprega o pelo “para recubrir obxectos cotiás”, xerando un “xogo de dobres significados” que dá mostra do seu potencial para abordar temáticas “como a atracción, a repulsión ou a sexualidade, sen referilas directamente”. Como figura de referencia deste movemento, Bouzas sinala á canadiana Mimi Parent, quen na Exposición Internacional Surrealista de 1959 presentou obras como unha gravata ou unha camisa realizadas co seu propio pelo, nas que se servía da “simboloxía fetichista asociada o cabelo” para “pór en cuestión a definición de xénero”.

Interese artístico e investigador

Como recoñece Bouzas, o interese, compartido coa directora da súa tese, pola temática que centrou a súa investigación vincúlase tamén a súa propia produción artística. “As obras que estaba realizando por esa época exploraban timidamente o uso do pelo na configuración de identidades e, sobre todo, a súa representación gráfica do pelo como un elemento constituínte doutros elementos, coma, por exemplo, a vexetación”, explica a xa doutora, que recoñece o seu interese como artista por esa “capacidade adaptativa” do pelo, así como “o contraste atracción-repulsión que se crea cando pasa a formar parte doutros elementos e contextos que non son o corpo humano”.