DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángel Casal estudou os beneficios do ‘BrainGym’ en usuarios de residencias xeriátricas

Unha tese analiza os efectos dun programa baseado no movemento en persoas maiores con deterioro cognitivo

O estudo confirmou que é viable a súa aplicación, pero non que xere beneficios cognitivos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/01/2021

Nacido no ámbito educativo co propósito de solucionar problemas de aprendizaxe, o BrainGym é un método de exercicio físico baseado no movemento cuxo uso foi estendéndose a outro tipo de poboacións, como as persoas maiores. Analizar os seus posibles beneficios á hora de retardar o deterioro cognitivo de anciáns e anciás era o obxectivo central da investigación que Ángel Casal desenvolveu con usuarios e usuarias de tres residencias xeriátricas para a súa tese de doutoramento. Os resultados deste estudo, explica, confirman a viabilidade da aplicación deste método rexistrado con esta poboación, así como as melloras que xera en aspectos físicos, mais non que este achegue beneficios no referido ao deterioro cognitivo, unha patoloxía, sinala, que presenta “unha alta porcentaxe da poboación das residencias”. 

Segundo sinala Casal, o BrainGym é un método baseado no uso do movemento e a postura corporal que ten como obxectivo, segundo sinalan os seus autores, “restablecer un funcionamento cerebral óptimo”. Nacido inicialmente para abordar problemas como dislexia ou falta de concentración, os seus autores sosteñen tamén, explica o investigador, “que é unha actividade apropiada para persoas maiores que padezan déficits cognitivos”. A “escasa bibliografía” existente no referido á súa aplicación con poboación residente en centros xeriátricos, a diferencia “doutros programas de ximnasia cerebral” cos que comparte obxectivos, levaron a este investigador e preparador físico a tratar de confirmar na súa tese os seus posibles beneficios neste colectivo. Nese senso, comprobar a súa viabilidade e coñecer os seus efectos sobre o deterioro cognitivo, o gasto enerxético e a calidade de vida desta poboación foron os obxectivos centrais da tese Efecto del programa Brain Gym® sobre población anciana institucionalizada, que Casal, que desde 2013 desenvolve o seu labor profesional como preparador físico en residencias xeriátricas, levou a cabo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigador principal do grupo HealthyFit José María Cancela. 

Melloras no eido físico, non no cognitivo

A investigación levouse a cabo coa participación de 50 persoas, residentes en tres centros xeriátricos da Fundación San Rosendo, emprazados nos municipios pontevedreses de Nigrán, A Cañiza e Covelo, todas elas maiores de 65 anos e que presentaban diferentes niveis de deterioro cognitivo. Para este estudo, as e os participantes, dividíronse en dous grupos, un experimental, que levou a cabo 20 sesións de actividade física con BrainGym, nas que se integraron 20 dos 26 exercicios que conforman este método, “adaptados en función da capacidade funcional dos residentes”; e un grupo de control que continuou realizando as “actividades de exercicio físico que xa levaban a cabo en cada centro”. 

Os resultados desta investigación permitiron constatar, en primeiro termo, “a viabilidade do desenvolvemento deste programa en poboación anciá institucionalizada”, adaptando os exercicios as súas características, dada ademais a “alta adherencia e participación” que foi capaz de xerar. No referido aos seus efectivos positivos, o programa provocou melloras “na capacidade funcional do tren inferior, unha redución do medo a caer, un incremento da actividade física e unha mellora na compoñente mental da calidade de vida”, medida esta última a través dun cuestionario que permite coñecer a “percepción subxectiva por parte do residente” de aspectos como o seu estado de saúde ou emocional. Non obstante, a comparación dos resultados do grupo experimental e de control amosa “que non existiron diferencias significativas” entre ambos, “destacando unicamente”, sinala, que no grupo que levou a cabo as sesións con BrainGym rexistrouse “un maior gasto enerxético”.

De feito, no referido ao grao de deterioro cognitivo, o conxunto da mostra amosou un “comportamento parello”, explica Casal. Nese senso, o investigador, que conta tamén con experiencia no deseño e desenvolvemento de programas de actividade física dirixidos á terceira idade, conclúe que o BrainGym “non xerou os efectos agardados” nesta investigación, ao non detectarse melloras na función cognitiva das e os residentes, nin tampouco nos aspectos referidos a compoñentes físicas do cuestionario dirixido a coñecer a percepción dos propios participantes da súa calidade de vida.

Unha liña na que profundar

A raíz dos resultados, engade, “faise necesario profundar máis nesta liña de investigación, co obxectivo de contrastar os resultados obtidos e incorporar novas pautas que poidan xerar beneficios na poboación anciá con deterioro cognitivo". Estas novas pautas, engade, deberían estar orientadas a aumentar intensidade do exercicio, que neste caso podería definirse como “media-baixa”, incrementar a duración do programa, desenvolvelo dun xeito máis individualizado ou “incluír un maior número de actividades cognitivas complementarias”.