DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi desenvolvida polo enxeñeiro ambiental luso Joaquim de Jesus

Unha tese avalía o uso de estímulos acústicos e luminosos como barreira para protexer comunidades de peixes

O estudo centrouse en tres especies autóctonas da península ibérica ameazas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 09/11/2021

Incrementar o coñecemento sobre as reaccións condutuais de peixes ante estímulos acústicos e luminosos e contribuír ao desenvolvemento de barreiras condutuais selectivas baseadas nestes estímulos e especificamente dirixidas a varias especies autóctonas da península ibérica ameazadas. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento realizada polo enxeñeiro ambiental luso Joaquim de Jesus.

A tese, titulada Avaliação do comportamento de espécies piscícolas Ibéricas de água doce perante estímulos acústicos e luminosos e o seu contributo para o desenvolvimento de uma barreira comportamental para peixes, estivo dirixida polos profesores doutores Amílcar António Teiga Teixeira e Rui Manuel Vitor Cortes. Foi realizada no marco do Programa de Doutoramento de Auga, Sostibilidade e Desenvolvemento do Campus Auga, programa do que a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, onde Joaquim de Jesus é responsable técnico do Laboratorio de Ecoloxía Fluvial, é unha das universidades socias.

Segundo explica o xa doutor, os sistemas baseados en estímulos sensoriais destinados a orientar o comportamento da fauna piscícola, como as barreiras ou os sistemas de guía, poden ser “unha ferramenta moi eficaz para protexer e salvagardar as comunidades de peixes ameazadas”, por exemplo por unha presa. Con eles, engade Joaquim de Jesus, “é posible proceder a un cambio no comportamento destes grupos faunísticos dunha forma previamente establecida, manténdoos afastados de zonas perigosas ou para guialos a áreas de maior confort”. Para acadar este fin, o investigador sinala que é necesario ter, ademais dun coñecemento exhaustivo das especies, coñecementos para “definir rigorosamente o estímulo a utilizar, en todos os seus aspectos: intensidade, frecuencia, duración, reversibilidade, tecnoloxía dispoñible, impacto no medio, efecto esperado en especies obxectivo e non obxectivo”.

Na súa tese de doutoramento, Joaquim de Jesus probou o uso de estímulos acústicos e luminosos en tres especies autóctonas ameazadas pola fragmentación de ríos na península ibérica: un salmónido, a troita de río (Salmo trutta) e dous ciprínidos endémicos, o pantano do Duero (Pseudochondrostoma duriense) e o barbo común (Luciobarbus bocagei). Unha análise profunda, tanto do estado da arte como do estudo das especies seleccionadas, permitiu, indica o autor do estudo, a selección dos estímulos sonoros e luminosos empregados na tese. Os estímulos acústicos utilizados, detalla, caracterizáronse por diferenzas na tipoloxía de frecuencias, con estímulos sonoros de banda ancha (varrido de ata 2000Hz) e estímulos sonoros baseados en tons puros (140Hz). Tamén no caso dos estímulos luminosos procedeuse ao uso de frecuencias de diferentes intensidades de luz estroboscópica (350 e 600 escintileos/minuto).

Comportamento condicionado polas características das especies

Respecto aos estímulos acústicos, o investigador sinala que os resultados identificaron que a especie salmónida non amosou ningún comportamento repulsivo e, pola contra, exhibiu un alto comportamento repulsivo aos estímulos luminosos, especialmente á luz estroboscópica coa frecuencia de 600 escintileos/minuto/día. No caso das especies ciprínicas, engade, observouse un comportamento repulsivo alto en relación aos estímulos acústicos e en particular ao varrido e, en cambio, un comportamento repulsivo débil ou moderado en relación á luz estroboscópica. “Tamén se puido comprobar que o estímulo acústico baseado no ton puro de frecuencia fixa (140Hz) non causou ningún estímulo repulsivo nas tres especies estudadas, podendo admitirse a existencia de fenómenos de habituación e tolerancia, con diminución da conduta repelente”, apunta Joaquim de Jesus. Tendo en conta os resultados ante os estímulos acústicos, o xa doutor sinala que “se pode admitir a posibilidade de establecer unha barreira condutual acústica e selectiva coa que repeler especies ciprínicas sen cambiar o comportamento das especies salmónidas”.

Polo que respecta aos resultados ante os estímulos luminosos, o enxeñeiro ambiental luso indica que a luz estroboscópica de 350 escintileos/minuto resultou efectiva para o Salmo trutta (aínda que menor que a frecuencia de 600 escintileos/minuto), cunha eficiencia moderada para o Pseudochondrostoma duriense e sen ningún efecto repulsivo para Luciobarbus bocagei. “Podemos concluír que a especie Salmo trutta presenta alta sensibilidade visual a ambos os estímulos probados, mentres que as especies Luciobarbus bocagei e Pseudochondrostoma duriense presentaron sensibilidade visual baixa ou moderada, respectivamente”, detalla o autor do estudo. Con estes resultados, Joaquim de Jesus indica que “admitimos a posibilidade de establecer unha barreira conductual selectiva a partir da luz estroboscópica selectiva coa que repeler ás especies de salmón, sen por iso alterar o comportamento das especies ciprínicas”. Na investigación experimental realizada, o enxeñeiro ambiental cualifica ademais como “reseñable a falta de calquera evidencia de fenómenos de habituación en experiencias onde se observou comportamento repulsivo, xa sexa con estímulos acústicos ou con estímulos luminosos”.

Diferenzas de comportamento como as sinaladas, comenta o investigador, poden relacionarse coas características morfolóxicas e fisiolóxicas de cada familia de peixes. “A ausencia de estruturas auditivas accesorias no salmónido e, en consecuencia, a baixa sensibilidade auditiva e a alta agudeza visual dada a súa condición de depredador visual e oportunista parecen xustificar os resultados para esta especie “, detalla Joaquim de Jesus. Doutra banda, engade, o comportamento trófico dos ciprínidos e a preferencia por hábitats bentónicos máis profundos e menos iluminados, especialmente de Luciobarbus bocagei, contribuirían para a xustificación da súa a baixa agudeza visual a favor doutros sentidos como o oído. “A diferenciación condutual verificada entre especies/familias nos experimentos levados a cabo nesta tese, xa sexan relacionados con causas xenéticas, tróficas ou ambientais, son aspectos de destacado interese para a análise no desenvolvemento de sistemas condutuais selectivos, co propósito de condicionar e/ou orientar comportamento das especies obxectivo”, sinala por último o autor do traballo.