DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elaborada pola investigadora do Grupo Ephyslab Danica Ciric

Unha tese deseña un atlas global de precipitación e fontes de humidade no mes de máximas choivas

No seu estudo analiza en detalle o mar Mediterráneo e a conca do río Danubio

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 01/03/2019

Un atlas global de precipitación e contribución das fontes principais de humidade no mes de precipitación máxima. Este é un dos principais resultados da tese de doutoramento presentada este curso académico pola investigadora do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo Danica Ciric. No seu estudo analiza tamén en detalle as choivas extremas no mar Mediterráneo e na conca do río Danubio.

A tese foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense co título Linking extreme precipitation events and the associated moisture transport e realizada baixo a dirección de Luis Gimeno e Raquel Nieto. Sobre o interese do traballo realizado, a súa autora sinala como “a investigación do transporte de humidade a partir de fontes de humidade detectadas tanto a escala global como rexional nas últimas décadas é un dos temas máis estudados e importantes en hidroloxía e ciencias do cambio climático”. O papel da cantidade de humidade transportada para a xeración de precipitación continental, detalla, e máis en particular para a xénese de eventos extremos nas áreas terrestres circundantes ou máis afastadas, “é crucial para comprender a frecuencia e intensidade das precipitacións intensas e/ou inundacións posteriores ás mesmas”, apunta a investigadora serbia. Ante a previsión de que os eventos extremos poden volverse máis frecuentes e graves no futuro, Danica Ciric subliña como “a investigación, a monitorización e a estimación dos extremos de precipitación, tanto a escala global como rexional, son cruciais e de igual importancia”.

Na súa investigación, a xa doutora pola Universidade de Vigo empregou o modelo lagrangiano Flexpart con datos do European Centre para Medium-Range Weather Forecasts, para un período de estudo de 37 anos, desde 1980 ata 2016. Sobre o atlas froito do traballo realizado no Grupo Ephyslab, ao que Danica Ciric chegou cunha Bolsa Erasmus Green-Tech Balcáns para realizar o seu doutoramento hai tres anos e medio, a investigadora sinala como “proporciona unha visualización exhaustiva do papel que ten o transporte de humidade desde as principais fontes globais na ocorrencia das precipitacións extremas en áreas continentais a escala global”.

A elaboración do atlas, detalla Danica Ciric, titulada en Enxeñaría do Medio Ambiente no seu país de orixe, é froito da expansión a escala global da análise da contribución das principais fontes de humidade á precipitación extrema continental. Segundo explica, os resultados mostran que, por exemplo, na costa atlántica europea, desde a península ibérica ata a península escandinava, a fonte preferente é o océano Atlántico Norte, mentres que para Europa do Norte ata Eurasia e para África do Norte a fonte preferente da humidade é o mar Mediterráneo. A fonte do Atlántico Norte, engade, estende a súa gran influencia sobre a conca do río Amazonas, mentres que a fonte de humidade do Atlántico Sur prevalece sobre a maior parte do leste de Sudamérica e sobre África Central. Para Sudáfrica, a fonte preferente é a corrente de Agulhas segundo recolle a tese de doutoramento.

Mediterráneo e Danubio

No seu estudo, a investigadora tamén afonda na ligazón das precipitacións extremas na rexión do Mediterráneo e na conca do río Danubio (como subárea da mesma) e a humidade transportada desde a propia conca do mar Mediterráneo para a xeración da precipitación anómala que finalmente devén en eventos extremos. “Nesta tese investigouse o mar Mediterráneo como fonte principal de humidade para producir a precipitación continental co propósito de estudar a súa influencia sobre a precipitación media e extrema en todas as súas áreas continentais circundantes”. Os resultados, detalla a investigadora, “amosaron que o patrón espacial da contribución da choiva da fonte mediterránea é similar para os anos de precipitación extrema en comparación coa climatoloxía”. Con todo, engade, “prodúcense diferenzas significativas a nivel local, especialmente en calquera rexión europea onde o Mediterráneo non sexa unha fonte regular de humidade para a precipitación climatolóxica pero si unha fonte importante en anos de precipitacións extremas”.

Para o estudo, comenta Danica Ciric, tamén se elixiu para investigar a conca do río Danubio, xa que é a segunda conca hidrográfica máis longa de Europa. “Detectáronse as súas principais rexións fontes de humidade e comprobouse que as contribucións das fontes tamén son diferentes ao longo do ano, sendo durante o inverno a fonte dominante o mar Mediterráneo e no verán a propia conca do Danubio”. No seu traballo a investigadora tamén realizou un ranking dos eventos extremos de precipitación sobre a conca co obxectivo de analizar a contribución das fontes de humidade á xeración de precipitacións extremas. Usando os resultados deste ranking realizou dous traballos con puntos de vista independentes, o primeiro sobre o evento detectado máis intenso, que ocorreu o 23 de setembro de 1996, e o segundo sobre os 100 primeiros eventos desta listaxe.