DUVI

Diario da Universidade de Vigo

toam poessión

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 20/06/2022

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda, e que, en grande medida, protagonizou a lembranza do profesor e ex vicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións. Para el foron as primeiras palabras que pronunciou o reitor e que antecederon un discurso no que lembrou como xurdiu H2040, a formación que representa, os logros acadados nos seus primeiros catro anos de goberno, “intensos e marcados pola pandemia”, e os obxectivos xerais para os vindeiros catro, un período no que, tal e como explicou o reelixido reitor, a institución tratará de facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, “cada vez máis necesario”, incorporar alumnado doutras latitudes.

Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e na que os doce integrantes do novo equipo do goberno xuraron os seus cargos, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade. Alfonso Rueda referiuse, neste sentido, ao papel “paradigmático da UVigo como motor conectado á contorna”, ao tempo que lembrou a implicación de Manuel Reigosa na creación e no desenvolvemento da institución académica viguesa, referíndose a el como un interlocutor “esixente e dialogante”. 

A toma de posesión de Reigosa contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e do de Santiago de Compostela, Antonio López, así como do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. A eles sumáronse entre o público numerosas autoridades, desde exreitores como Luis Espada ou Alberto Gago, ata o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do RC Celta de Vigo, Carlos Mouriño; a  presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os delegados da Xunta en Vigo e Ourense, Marta Fernández Tapias e Gabriel Alén; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; o delegado do goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, ou o bispo da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro.

Balance de catro anos e retos de futuro con Manolo Ramos na memoria 

O discurso de Manuel Reigosa estivo marcado, en especial durante a primeira parte, na que se centrou en facer balance do seu primeiro mandato, pola lembranza do seu compañeiro de equipo de goberno, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos Cabrer, falecido a véspera da xornada electoral, celebrada o pasado mes de maio. “Quedamos sen alguén que nos guiaba. Manolo era a fortaleza, a capacidade de traballo, o alicerce”, dixo o reitor, que se amosou convencido de que Ramos os seguirá guiando nesta nova etapa, “aínda que sen el, todo será máis difícil”. Tras retrotraerse hai catro anos, cando H2040 “gañou por sorpresa e cun forte apoio”, o reitor rememorou o máis destacado do seu mandato entre os anos 2018-2022, “nos que fixemos moitas cousas das que estou orgulloso”, dixo. Nun período que estivo en boa parte determinado pola pandeima, o  reparto de dispositivos Mifi entre o alumnado universitario con dificultades para acceder a Internet e a posta en marcha dunha liña específica de bolsas para familias afectadas por ERTE,s e ERE,s, foron dúas das actuacións que o reitor lembrou e ás que  sumou a posta en servizo do Campus Remoto, Moovi e Campus Integra, así como a realización de numerosas de probas de detección do virus a través de pooling-PCR entre os membros da comunidade universitaria. 

A captación de fondos a través de proxectos internacionais, de actividades de I+D, de proxectos competitivos colaborativos empresa-universidade e de infraestruturas, foi outro dos aspectos destacados por Manuel Reigosa no seu discurso de toma de posesión, no que cifrou en 24,2 millóns de euros a cantidade captada en 2021; 22.9 en 2020; 18,3 en 2019 e 18,5 en 2018. En canto á retención de talento, o reitor cifrounas en 39, destacando ademais as 16 da convocatoria Ramón y Cajal. As case 2000 publicacións en Web of Science (JCR) con autoría UVigo no ano 2021, foi outra das cuestións destacadas por Reigosa no seu discurso, no que tamén lembrou o posto acadado pola institución académica viguesa no ránking de Shanghai das mellores universidades do mundo, que a sitúa no tramo 501- 600. 

Os logros acadados nos últimos anos no ámbito das sostibilidade,  “coa axuda da Xunta, que as financiou ata nun 80%”, lembrou o reitor, e que se substanciaron nas instalacións de xeotermia operativas no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra, así como as de aerotermia e fotovoltaicas, foi outra das realizacións ás que se referiu Manuel Reigosa na súa intervención. Mención expresa tamén fixo o reitor ás que considera principais realizacións no ámbito da igualdade, como a creación da Cátedra Feminismos 4.0, a posta en servizo de salas de lactación nos tres campus, a aprobación da medida positiva para o recoñecemento da produción científica de mulleres que deran a luz, a posta en marcha dun sistema de subministración de produtos de hixiene feminina, a denominación dos edificios administrativos do campus de Vigo con nomes de mulleres destacadas e a aprobación do distintivo de Igualdade a centros e concesión das dúas primeiras convocatoria.

Finalizado o balance, o reitor centrou a súa intervención en debullar as propostas para o período 2022-2026, no que, consonte ao Plan Estratéxico, o equipo de goberno centrarase en traballar por “unha universidade comprometida coa igualdade, coa lingua e a cultura galega e internacional”. Recambio xeracional, mellora e reequilibrio do persoal, mellora da experiencia universitaria, reformulación da xestión e unha universidade atractiva para o estudantado, ademais de investigadora e innovadora, sostible e igualitaria, son os eixos que determinarán a acción de goberno do novo equipo confeccionado por Reigosa. Nun escenario futuro de caída demográfica en picado a partir do ano 2028, que “obriga a procurar alumnado doutras latitudes”, dixo o reitor,  e de xubilacións do persoal da UVigo, Manuel Reigosa avogou pola urxente renovación do PDI, un proceso para o demandou “sentido, porque un PDI non se improvisa e cómpre maduralo”, dixo. Así, o novo reitor lembrou algunhas das medidas a aplicar para facer efectivo o recambio xeracional e que pasan pola consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación, un adianto na saída de prazas ou o impulso a programas propios de formación pre e posdoutoral, un plan de promoción do persoal investigador ou plans de formación para o profesorado. 

Reigosa tamén se detivo en debullar algúns dos retos para mellorar a capacidade investigadora e innovadora da UVigo, como o incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, mentres que no ámbito da transferencia, aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta. Especial mención fixo o reitor no seu discurso á Estratexia de atracción e de consolidación de talento para o fortalecemento docente e investigador da Universidade de Vigo 2022-2030, baseada na formación, atracción, retención e consolidación, co obxectivo de reverter o envellecemento, reequilibrar o xénero e con accións transversais para resolver os desequilibrios, así como á incorporación da UVigo á alianza de universidades europeas ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), unha rede de institucións que ten como finalidade crear, dende un punto de vista holístico, unha estratexia conxunta de educación superior. 

Tras agradecer aos membros da comunidade universitario que “votaron ‘si’ por respecto institucional e tamén aos que se achegaron a votar por Manolo”, que fixeran  posible un apoio a súa candidatura que cualificou de “abraiante”, o novo reitor rematou o seu discurso de toma de posesión agradecendo “o traballo arreo” realizado polo equipo de goberno que o acompañou na primeira lexislatura e co que enfrontará un novo mandato á fronte da UVigo. 

Un camiño “de coñecemento e innovación” ao servizo de Galicia

“A Universidade de Vigo é un paradigma de conexión cunha cidade e cunha zona de influencia, cunha comunidade e cos seus desafíos, sen deixar de ter un pé na excelencia e na xeración de talento” salientou no seu discurso o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que definiu ao novamente proclamado reitor como “un interlocutor dialogante, esixente para defender a súa institución, pero sempre disposto a chegar a acordos que beneficien a Galicia”. Reigosa “coñece a universidade de portas cara dentro e sabe do seu potencial de portas cara fóra”, salientou o presidente galego, que lembrou que o reelixido reitor foi na década de 1970 un dos asinantes “daquela solicitude impulsada por pais e nais para crear unha universidade no sur de Galicia” e mantivo desde entón, salientou, a súa implicación cunha institución que hoxe “representa un terzo do sistema universitario galego nas súas principais variables”. A UVigo, lembrou Rueda, lidera “o número de solicitudes de patentes a nivel nacional e galego”, constitúe un “puntal” en áreas “como a enxeñaría, as ciencias e as ciencias sociais e xurídicas” e supón un “pulmón de talento e innovación” para o tecido industrial do sur de Galicia. De cara ao inicio do seu segundo mandato, o presidente autonómico trasladoulle ao reitor o apoio da administración galega para facer fronte a retos como o relevo xeracional ou a incorporación de alumnado internacional, ao tempo que subliñou que a este segundo mandato precédelle “unha senda de coñecemento, de innovación e de talento ao servizo da Universidade de Vigo, do sur de Galicia” e do conxunto da comunidade autónoma. 

“A universidade é un espello no que debemos mirarnos, pero, a cambio, o seu reflexo debe devolvernos mozos e mozas preparados para enfrontar a actual realidade económica e laboral”, salientou o presidente, para quen o Sistema Universitario de Galicia (SUG) constitúe un “motor conectado á realidade” que permite que a comunidade “avance con máis fortaleza e máis benestar”. Nese senso, Rueda incidiu no apoio da Xunta ás tres universidades do SUG, reflectido no plan de financiamento para o período 2022-2026, dotado con 3200 millóns de euros, “o máis ambicioso da historia”. Á súa vez, o presidente salientou o “balance máis que satisfactorio” que deixa a renovación do mapa de titulacións, que posibilitou a posta en macha na UVigo de tres novos graos e 13 mestrados desde 2017 e que permitirá a implantación de seis novas titulacións o vindeiro curso. Así mesmo, Rueda lembrou tamén que “na excelencia do noso sistema investigador están moitas das claves do noso futuro”, o que levouno a destacar o programa de centros de excelencia (Cigus) da administración autonómica, que achegou á UVigo 4,9 millóns de euros nos últimos dous anos. 

Toma de posesión dos 11 vicerreitores e o secretario xeral

Xunto ao reitor xuraron o cargo o resto do seu equipo. O primeiro en “prometer fielmente as obrigas do cargo con lealdade a El-Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado” foi o secretario xeral Miguel Ángel Michinel. Tras el viñeron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, María Belén Rubio; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago; a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; a de Internacionalización, Maribel del Pozo; o de Relacións coa Empresa, José María Martín Moreno; a de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval; a de Extensión Universitaria,  Susana Reboreda e as novas vicerreitoras dos campus: Elena Rivo do campus de Ourense e Eva María Lantarón do de Pontevedra.