DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebrará un acto de recoñecemento ao protagonista das Letras Galegas

Tres catedráticos para homenaxear ao “professor” Ricardo Carbalho Calero

Participarán María Victoria-Carballo Calero, Jesús de Juana e María do Carmo Henríquez

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 19/11/2020

A pandemia provocada polo coronavirus fixo que este ano o Día das Letras Galegas non puidese desenvolverse como en edicións anteriores. Co obxectivo de non rematar 2020 sen conmemorar esta efeméride, o campus de Ourense celebrará o xoves 26 de novembro un acto no que tres catedráticos da UVigo, María Victoria-Carballo Calero, Jesús de Juana e María do Carmo Henríquez, falarán desde diferentes perspectivas sobre o homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, o profesor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas Ricardo Carbalho Calero. O acto, non aberto ao público, retransmitirase en directo a través da UVigo TV.  

A vertente histórica, lingüística e humana

A homenaxe levará por título Professor Carvalho Calero antes, agora e sempre. “É tradición que cada ano o campus de Ourense homenaxee á persoa elixida para o Día das Letras Galegas. Este ano estaba previsto facelo en primavera pero tivemos que obrigatoriamente retrasalo pola situación sanitaria. Aínda así non queremos deixar pasar a oportunidade de divulgar a persoa homenaxeada nesta ocasión e decidimos organizar este coloquio”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense. A idea deste recoñecemento, detalla, “é xuntar a tres catedráticos da universidade que dalgún xeito están vinculados co homenaxeado para falar del”. Así, Jesús de Juana, catedrático emérito de Historia Contemporánea, abordará a vertente histórica do profesor ferrolán; María do Carmo Henríquez, catedrática xa xubilada de Lingua Española e alumna de Carvalho Calero, centrarase na vertente lingüística, e María Victoria-Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea e filla do homenaxeado, achegarase á súa vertente humana.

O acto desenvolverase como un coloquio entre as e os participantes e será presentado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Celebrarase o xoves 26 ás 19.00 h no salón de graos Vicente Risco do Edificio de Ferro pero a asistencia a el está limitada ás persoas intervintes na propia homenaxe, non podendo asistir público. As persoas interesadas poderán seguir o evento en directo a través da UVigo TV.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) foi, tal e como salientan desde a Real Academia Galega, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. Desenvolveu unha traxectoria vital moi vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972, na USC, no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.