DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus oferta formación en voz, teatro terapéutico e como expoñer(se) en público

Tres cursos cos que aproveitar as posibilidades do teatro para mellorar a docencia e a aprendizaxe

Serán impartidos por membros de Sarabela

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/02/2023

A Vicerreitoría do campus, co apoio da Deputación de Ourense, pon en marcha un ciclo de cursos abertos destinados a aproveitar as posibilidades do teatro para mellorar a docencia e a aprendizaxe. Nados no marco das Aulas de Teatro Universitario do campus de Ourense e con docencia de Sarabela Teatro, neles traballarase arredor da voz, o teatro terapéutico e como expoñer(se) en público. Na inscrición, que é de balde, teñen prioridade os membros da comunidade universitaria.

“A idea é que a nosa aula de teatro amplíe o seu ámbito de actuación e aproveitar as posibilidades do teatro como ferramenta educativa en diversos eidos, co obxectivo de que a totalidade da comunidade universitaria se poida ver beneficiada”, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. Nesta primeira edición, indica, “Sarabela Teatro propúxonos pór o foco en tres aspectos da persoa que poden suscitar o interese dos membros da comunidade universitaria, tanto persoal docente e investigador, como persoal de administración e servizos e alumnado”.

Do mesmo xeito, Fernando Dacosta, director das Aulas de Teatro Universitario do campus de Ourense desde Sarabela Teatro, explica que estes cursos abertos foron “pensados para a comunidade universitaria e teñen o propósito de ser un instrumento útil para a docencia”. O teatro, sinala, “é fin en si mesmo, é unha arte específica e, ao tempo, compendio de artes que pasan polo corpo e a voz, o movemento e o canto, o racional e o emocional”. Con estas oferta formativa, engade, “trátase de abrir unha parte das técnicas teatrais, aquelas que serven como instrumento para a docencia, á comunidade universitaria”.

Unha proposta cada mes

O primeiro dos cursos é o de Voz. “A voz é un medio fundamental para comunicarnos nas aulas; salvagardar as cordas vocais, aprender a utilizar ao noso favor a respiración ou o diafragma, procurar vocalizar ben, é importante para evitar patoloxías relacionadas coa voz e para ter unha boa comunicación”, comenta Fernando Dacosta. Neste caso a docente será Fina Calleja e a formación desenvolverase os días 15, 22 e 27 de febreiro.

Teatro terapéutico é a segunda das opcións formativas propostas. “Cada vez hai máis demanda doutros xeitos de facer terapia con persoas que o precisan por diversas causas e o teatro terapéutico pode axudar ao docente (futuro ou actual) a tratar diversos casos nun grupo, nunha aula”, sinala o director das Aulas de Teatro Universitario de Ourense. Neste curso, engaden desde a súa organización, prantéxase “que podemos aprender de nós mesmos xogando a ser outros ou outras?”, apuntando que “o xogo dramático e a improvisación poden ser ferramentas de coñecemento persoal, sempre que esteamos dispostas ou dispostos a xogar en todos os sentidos e con todos os sentidos”. Con docencia de Sabela Gago, o curso terá lugar os mércores 1, 8 e 15 de marzo.

Por último, ofértase a actividade Expoñer (se) en público, na que se procurará mellorar as capacidades comunicativas das e dos participantes, axudando a coñecer as claves e as técnicas para falar en público. “Descubriremos as ferramentas para unha boa e exitosa comunicación”, explican desde a organización da actividade. Elena Seijo será a docente deste curso, que terá lugar os días 12, 19 e 26 de abril. “As exposicións en público son cada vez máis frecuentes, na etapa discente e na docente estamos e estaremos constantemente tentando comunicar o noso discurso a un grupo determinado. Facelo de xeito claro, conciso, sen ruído na comunicación é un dos obxectivos deste terceiro obradoiro”, apunta Fernando Dacosta.

Estes cursos desenvolveranse na antiga capela do campus, en horario de 19.00 a 21.00 horas, e a matrícula, que se realiza a través do Campus Activo da Uvigo xa está aberta ata esgotamento de prazas. As taxas son gratuítas, tendo prioridade na inscrición as persoas pertencentes á comunidade universitaria.