DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel realizaron propostas para a problemática do lixo espacial

Tres estudantes da UVigo gañan o Desafío Aeronáutico 2022

O certame está convocado polo Colegio Oficial de Ingenieros Aeronáuticos de España

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/09/2022

En maio deste ano, mentres estudaban cuarto curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial na Universidade de Vigo, Nicolás González, Borja Pascual Cao e Roberto Rodríguez decidiron participar no certame Desafío Aeronáutico 2022, convocado polo Colegio Oficial de Ingenieros Aeronáuticos de España. Nel convidábase a alumnado universitario e pre-colexiado a analizar e propor solucións á problemática do lixo espacial. O certame vén de rematar e o equipo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense acadou o primeiro posto.

Dúas fases de concurso

A edición deste ano do certame centrouse no desafío que supón o feito de que “o lixo espacial espacial tense convertido nunha ameaza cada vez máis acuciante”, estimando a Axencia Espacial Europea que na órbita terrestre hai uns 900.000 residuos de 1 a 10 cm de diámetro e arredor de 34.000 residuos maiores a 10 cm, sendo coa tecnoloxía actual só detectables estes últimos. Esta problemática empeora coa paulatina demanda de constelacións de satélites cada vez maiores e o lanzamento de satélites de pequeno tamaño, creándose certas órbitas “populares” que están claramente saturadas, segundo recollía as bases do concurso. “Mentras cursabamos o segundo cuadrimestre de cuarto do grao, chegounos esta convocatoria. Como o tema sobre o que trataba era a problemática do lixo espacial e as dificultades que presenta (normativa, misións de recollida, prevención...) e era un tema co que estabamos familiarizados, picounos a curiosidade e decidimos participar”, explica o equipo da UVigo.

Para abordar este desafío o certame propuxo dúas fases para os equipos participantes, compostos cada un deles por tres estudantes. Na primeira, desenvolvida en maio, tiveron que realizar unha presentación na que en 30 diapositivas abordasen os riscos asociados ao problema do lixo espacial sobre a actividade espacial nos próximos anos e na que analizasen as medidas mitigadoras que se están desenvolvendo en diferentes niveis de actuación. O equipo da UVigo foi un dos dez seleccionados por un xurado que valorou a calidade do exercicio de síntese da información incluída, a claridade expositiva, o aspecto didáctico da presentación e o tratamento visual dos temas tratados. A segunda fase do certame tivo lugar o pasado 16 de setembro no Instituto de la Ingeniería de España, en Madrid. Os equipos clasificados non coñeceron ata ese momento os detalles desta segunda proba, na que dispuxeron de dúas horas para preparar a presentación dunha idea que logo defenderon diante do xurado e do resto de equipos.

“Tivemos que presentar unha idea innovadora/novas liñas de traballo nos campos previamente estudados na presentación da primeira fase. Nós centrámonos na recollida activa do lixo espacial (concretamente nos satélites de maior tamaño)”, explican os membros do equipo da UVigo galardoados. No seu caso, detallan, propuxeron “un sistema semellante ao arpón da ESA pero no canto de ter un cable unindo o arpón e o noso satélite, o arpón sería lanzado contra o satélite obxectivo e, unha vez que impactase, abriríase (mediante o uso de materiais de memoria de forma) unha vela solar (situada na parte posterior do arpón) que resultaría no descenso e de órbita do satélite obxectivo”. O equipo, resume, decantouse “por propor un sistema de recollida baseado nun arpón da ESA, pero engadímoslle unha vela solar que se abre polo uso de materiais de memoria, de forma que funcione de ‘paracaídas’, baixando o satélite/obxecto en desuso”. As principais vantaxes da súa proposta, comentan os xa egresados da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “son que permitiría retirar varios obxectivos por misión e nun menor tempo total”.

Aprendizaxe

Rematada a competición, Roberto Rodríguez destaca sobre o resultado obtido que “por suposto estamos moi contentos de ter gañado o certame, xa que é un recoñecemento a todo o traballo e esforzo dedicado a este proxecto”. A participación no certame, engade, “podemos dicir que nos axudou a puír as nosas habilidades á hora de preparar unha boa presentación e exposición nun tempo límite moi axustado” e “permitiunos tamén entrar en contacto e coñecer outros estudantes de grao/mestrado da rama aeronáutica/aeroespacial coas nosas mesmas inquedanzas, o que nos axudará a seguir mellorando e prosperando tanto na nosa carreira profesional coma persoal”. Sobre esta experiencia, Borja Pascual Cao recalca que “foi moi positiva”, subliñando como “ademais de mellorar a nosa técnica de traballar baixo presión, de como expor”, puideron adquirir coñecementos “no campo do lixo espacial” e coñecer "xente do sector e a súa maneira de traballar e abordar problemas". Por último, Nicolás González comenta que “todo en conxunto foi unha experiencia enriquecedora e a conclusión final foi que somos tan capaces como cualquera alumno doutra universidade para enfrontarnos a un problema e propor unha solución axustada ás necesidades do sector”. Así, subliña, “toda a segunda fase do concurso foron novas experiencias para nós”, desde traballar baixo presión na proposta dunha idea ata expola diante dun xurado “formado por personalidades do sector”.