DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas

Última cita do curso para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos

Trátase da XVIII edición dunha iniciativa promovida pola Vicerreitoría do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/05/2024

A partir deste luns 6 de maio e ata o venres 10, as diferentes facultades e escolas do campus, a Casa das Campás e o Pavillón Universitario contarán cun punto no que depositar equipos informáticos, electrodomésticos, teléfonos móbiles e outra serie de aparatos, no marco da XVIII Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos). Promovida pola Vicerreitoría do campus, trátase da segunda e última edición no presente curso académico dunha actividade que ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria respecto da importancia dun correcto tratamento como residuos deste tipo de aparellos, dado o carácter contaminante dalgúns dos seus compoñentes. Ao longo destes cinco días, as e os integrantes da comunidade universitaria poderán empregar estes puntos de recollida para depositar diferentes aparellos ou compoñentes informáticos, coa excepción de lámpadas ou baterías. Rematada esta semana, os RAEE reunidos nos diferentes puntos serán trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.

Inserida no compromiso do campus coa sustentabilidade, esta iniciativa permite reunir tanto equipos obsoletos dos diferentes centros como unha serie de aparellos de uso persoal da comunidade universitaria. De feito, na anterior edición desta semana, levada a cabo en decembro, recolléronse máis de 900 quilos de RAEE, entre os que se atopaban un centenar de equipos informáticos e monitores.