Impulsada en 2022, vén de acadar a súa renovación para os próximos catro anos
A Unesco certifica á continuidade ata 2030 da Cátedra Educación Transformadora
Trátase da única Cátedra Unesco na UVigo
Impulsada no ano 2022 por máis de 50 investigadores e investigadoras de diferentes centros do campus de Pontevedra e doutras facultades e escolas da Universidade, a Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade da UVigo vén de acadar a súa renovación ata o ano 2030. Este organismo de Nacións Unidas aprobaba recentemente a continuidade, por un segundo período de catro anos, dunha iniciativa que engloba actividades de investigación, formación e transferencia centradas na educación transformadora, o desenvolvemento sostible e a cidadanía global. Integrada a día de hoxe por máis de 70 docentes de diferentes ámbitos, trátase da terceira Cátedra Unesco outorgada á UVigo ao longo da súa historia e a única que continúa vixente.
“Afrontamos esta renovación como un reto ilusionante e unha responsabilidade, coa vontade de seguir consolidando un proxecto con impacto académico e social”, salienta a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña, directora dunha cátedra que ten na catedrática Margarita Pino á súa coordinadora adxunta. Os profesores Miguel Cuevas, como secretario, e Katia Rolán, como secretaria adxunta, completan o equipo responsable dunha cátedra que ten a súa sede na Escola de Enxeñaría Forestal e que foi incorporando novos membros ao longo destes catro anos, “o que reflicte o interese e o compromiso crecente co proxecto”, recoñece Fariña.
“Somos plenamente conscientes de que tanto a concesión como a renovación dunha cátedra Unesco son procesos esixentes, o que reforza aínda máis o valor deste logro”, engade a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor, que lembra que a comisión estatal selecciona só dúas candidaturas ao ano para someterse ao proceso de avaliación por parte da Unesco. Desta volta, tanto o traballo realizado nos seus primeiros catro anos como os obxectivos a futuro foron avaliados para outorgar unha renovación que supón “un recoñecemento ao traballo realizado e un importante estímulo para seguir avanzando”.
Balance do traballo feito e retos futuros
Convivencia, democracia e resolución de conflitos; educación e igualdade de xénero; sustentabilidade social e ambiental; patrimonio material e inmaterial e benestar e saúde son os eixes desta cátedra de carácter interdisciplinar, que promoveu nestes anos diferentes eventos científicos e divulgativos. Entre eles, Fariña destaca os dous congresos internacionais realizados, que define como “iniciativas clave, non só polo seu alcance, senón tamén polas publicacións derivadas destes”. Do mesmo xeito, salienta o labor en materia de cooperación con diferentes países de América Latina, tanto no ámbito da investigación como da docencia, ao tempo que lembra que esta cátedra “reforza o compromiso da Universidade cos valores promovidos pola Unesco”, contribuíndo a trasladar "ese compromiso á sociedade, difundindo non só coñecemento, senón tamén principios e valores”.
No referido aos obxectivos para este novo período de catro anos, Fariña sinala retos como “consolidar un modelo integrado, que combine investigación, formación, difusión e compromiso social arredor da educación transformadora”. Con esa idea, o labor da cátedra centrarase en varias liñas estratéxicas, que abranguen o impulso de “intervencións educativas innovadoras”, a análise e difusión de boas prácticas pedagóxicas, “reforzar a capacitación de docentes, investigadores e institucións mediante formación e proxectos colaborativos” ou promover un “papel activo do alumnado como cidadanía global, crítica e responsable”. Do mesmo xeito, buscarase fortalecer a cooperación internacional e “ampliar alianzas” con América Latina, a través da colaboración con outras cátedras Unesco e con redes Unitwin, auspiciadas tamén por este organismo de Nacións Unidas e integradas por universidades e centros de investigación.
Entre as accións previstas, destaca o impulso “dun congreso bienal de educación transformadora” e dunha rede Unitwin de carácter internacional, así como o desenvolvemento de “iniciativas comunitarias centradas na igualdade de xénero, a sostibilidade ambiental e a loita contra a desinformación”. En conxunto, conclúe Fariña, “o reto é consolidarse como un referente global en educación transformadora”, para o que será preciso, recoñece, “contar co apoio sostido de institucións públicas e privadas”.
