DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambas convocatorias están abertas ata o 25 deste mes de febreiro

A Unidade de Igualdade destina 19.000€ para actividades que promovan a sensibilización en materia de xénero

Cada proposta pode recibir ata 2000 para cubrir os gastos da súa organización

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/02/2021

A perspectiva de xénero na docencia do ensino superior é una das estratexias fundamentais para promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes. Esta é unha das premisas da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e, para levala a cabo, conta con múltiples recursos didácticos, guías temáticas e varios programas de axudas, tanto para a organización de actividades docentes como de sensibilización para o alumnado, a comunidade universitaria ou o público en xeral.

Dúas destas convocatorias acaban de abrir o prazo de solicitude, por unha banda para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e, por outra, para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero. As axudas poden solicitarse ata o 25 de febreiro e poden chegar ata un máximo de 2000 euros por actividade, por exemplo conferencias, xornadas, obradoiros, seminarios, ligas de debate, exposicións ou representacións teatrais. Todos estes eventos deben desenvolverse antes do 15 de novembro de 2021.

Actividades docentes

As axudas para actividades docentes están pensadas para propostas vinculadas á practica académica con contidos que axuden a incorporar a transversalidade de xénero na formación do alumnado e que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición das súas competencias profesionais e o seu desenvolvemento persoal. A Unidade de Igualdade destina a estas axudas unha contía total de 10.000 euros, sendo o máximo para cada actividade de 2000 euros. Pode solicitalas calquera membro do PDI con docencia asignada no Plan de Ordenación Docente.

Actividades complementarias

O obxecto desta convocatoria é ofrecer axudas para a organización de conferencias, xornadas ou exposicións que se promovan dende calquera instancia da Universidade de Vigo e teñan como finalidade contribuír á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e estean dirixidas fundamentalmente á propia comunidade universitaria ou tamén á sociedade en xeral. Poderá solicitar esta axudas calquera membro da comunidade universitaria que poña en marcha algunha destas actividades, sempre e cando estas se desenvolvan antes do 15 de novembro. O orzamento total desta convocatoria é de 9000 euros e as axudas servirán para subvencionar gastos de viaxe, pagamento de conferencias, traslado de obras artística, aluguer de equipamentos de son, dereitos de exhibición, etc. Ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros e poden solicitalas calquera membro da comunidade universitaria.