DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seguindo as directrices do programa Horizonte Europa

A Unidade de Igualdade publica dúas guías para axudar a incorporar a perspectiva de xénero á investigación

A dimensión sexo/xénero axudará xerar un coñecemento científico "de maior calidade e excelencia"

Tags
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/01/2022

Non é a primeira experiencia da Universidade de Vigo neste eido, pero si a primeira vez que se plasman nunha guía unha serie de recomendacións e ferramentas para incluír a perspectiva de xénero na investigación. A Unidade de Igualdade acaba de poñer a disposición de toda a comunidade universitaria, a través da súa web, dúas guías, unha destinada á inclusión da dimensión de sexo/xénero nos centros de investigación e outra centrada aos proxectos de I+D.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, explica que a raíz da nova convocatoria Horizonte Europa, así como doutras de carácter nacional, “todo proxecto de investigación precisa incorporar a perspectiva de xénero e, cando non sexa posible, xustificar a súa ausencia”. Polo tanto, esta nova norma “obriga a todo o persoal investigador a facer un exercicio de reflexión sobre como facer esta incorporación á temática que investigan” e para isto contan, a partir de agora, con estas dúas guías. Segundo Gómez, “pretenden ser unha ferramenta, modesta e mellorable, a fin de axudar nese camiño no que todas e todos estamos a aprender sobre a ampliación da mirada no ámbito da investigación incorporando a dimensión sexo/xénero a todo o proceso de investigación, dende o deseño, o obxecto de estudo, as metodoloxías ata o impacto do mesmo, a fin de producir un coñecemento científico de maior calidade e excelencia”.

Medidas e propostas

Como se recolle nos documentos “na actualidade, aínda perdura unha importante desigualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e académico. Isto xera un obstáculo na carreira científica das nosas investigadoras e académicas, ademais de provocar unha ameaza ao progreso do coñecemento. Os datos amosan que unha das causas máis importantes da exclusión das mulleres do mundo científico, entre outras (sexismo, chans pegañentos, teito de cristal, hostilidade ou misoxinia), é o conflito inherente entre a profesión académica e a fenda de coidados”. Para mudar este contexto, as guías achegan propostas, recursos e suxestións. No caso dos proxectos, recoméndase a formación do persoal nesta materia; impulsar liñas de investigación específica cuxo obxecto de estudo inclúa a mirada feminista; amosar sempre os datos desagregados por sexo e por xénero; coidar a participación das mulleres nos grupos de investigación evitando a chamada «división sexual do traballo académico» ou promover o equilibrio de xénero na toma de decisión e nos postos de responsabilidade. 

Para os centros de investigación, as recomendacións pasan por avaliar a igualdade de xénero no centro; implantar e seguir plans de acción en igualdade; seleccionar e recrutar sen nesgos de xénero; apoiar o desenvolvemento profesional das investigadoras; mellorar o equilibrio entre a vida laboral e persoal dos científicos e das científicas; establecer medidas para evitar as violencias machistas, incluído o acoso, no centro de traballo ou impulsar a inclusión da análise de sexo/xénero en todas as fases do proceso investigador.

Unha longa traxectoria neste eido

A directora da Unidade de Igualdade lembra que “na nosa Universidade levamos anos realizando accións nesta liña de traballo”, coa organización, por exemplo, dun seminario formativo e unha presentación coa coordinadora da Guía práctica para la inclusión de los contenidos de género en la investigación, María Caprile, “un dos primeiros recursos que ofrecía ferramentas metodolóxicas concretas no ano 2011”. Entre 2011 e 2013 tamén se organizou a Xornada de Innovación Educativa en Xénero. Investigación e Docencia, “que se converteu nun foro e nun punto de encontro para compartir experiencias e boas prácticas do PDI da nosa Universidade e do resto do Estado na introdución da perspectiva de xénero na investigación e na docencia, que logo continuaría coa actual Xornada Universitaria Galega en Xénero (XUGeX), que desenvolvemos de forma coordinada os tres servizos de igualdade das universidades galegas desde hai sete edicións. Neste encontro, xa consolidado, hai un espazo específico para a investigación con perspectiva de xénero”.

Ademais destas actividades, engade Gómez, tamén se realizaron accións formativas concretas nos últimos anos, coa participación, por exemplo, de expertas como a catedrática Capitolina Díaz, así como múltiples actividades ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo. Polo tanto, recalca a directora da Unidade de Igualdade, “estas guías súmanse a unha longa traxectoria de traballo que pensamos que se pode complementar con estas dúas guías que ademais responden a demandas específicas que recibimos do persoal investigador e adecúanse ao marco establecido por Europa para as novas liñas de financiamento da investigación”.