DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso de ideas promovido no marco da rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia

Universidade e AJE-Pontevedra premiarán as mellores ideas de negocio ligadas á economía social e ao Campus Crea

O prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 13 de outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/09/2021

No marco da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, a Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra impulsan o concurso Crea economía social 2021, dirixido a premiar as mellores ideas de negocio baseadas nos principios da economía social e ligadas tamén a unha das catro áreas do Campus Crea. Ata o 13 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de propostas para as catro categorías deste concurso, ás de mellor idea de negocio en artes, comunicación e creatividade; en educación, innovación social e xestión pública; en deporte, saúde e benestar e en medio ambiente e natureza. Dirixido a fomentar e incentivar a cultura emprendedora nas áreas do Campus Crea, a participación neste certame está aberta a calquera persoa cunha idea de emprendemento centrada na economía social e pensada para a súa implantación en Galicia, sempre e cando non se trate dunha empresa xa constituída formalmente. 

Como recollen as súas bases, este concurso pretende fomentar o espírito emprendedor a través da creatividade das e os participantes “sobre a base dun enfoque integral”, que integre cuestións sociais, económicas, medioambientais ou culturais. Como se destaca nesta convocatoria, o propósito desta iniciativa é motivar tanto ao estudantado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus, como ás persoas emprendedoras en xeral, “a que apliquen os seus coñecementos e experiencias co obxecto de desenvolver servizos e produtos que sexan viables economicamente e, á vez, socialmente útiles”. 

O concurso Crea economía social 2021 xorde da colaboración entre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra), dúas institucións, como sinalan desde a organización do certame, “comprometidas co progreso da comunidade e con espertar o interese das persoas por explorar novos eidos, como neste caso incentivar a cultura emprendedora”. Nese senso, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, pon de relevo o interese para a institución académica de “colaborar cunha asociación empresarial como AJE e traballar conxuntamente no deseño de actividades que contribúan a potenciar o emprendemento no campo da economía social”. O obxectivo desta iniciativa, engade Soto, é “que a través do Campus Crea poidamos fomentar sinerxías que dalgunha forma poñan en valor o tecido empresarial da provincia”, contribuíndo “a extraer o talento que se atopa tanto nos emprendedores como na propia Universidade”.

Aberto o prazo de presentación de ideas 

Ata ás 14.00 horas do mércores 13 de outubro dispoñen de prazo ás persoas interesadas para presentar as súas ideas, que deberán enviar a contacta@creaeconomiasocial.com, ben a través do formulario que poden descargar da web do concurso, ben a través dun vídeo de non máis dun minuto de duración, no que se recolla unha descrición da idea de negocio, da necesidade que cubre e do produto ou servizo que ofrecería. 

A través dese mesmo correo electrónico as persoas que desexen participar neste certame disporán así mesmo cun servizo de apoio, que lles axudará a resolver as súas dúbidas antes de presentar a candidatura. Segundo recollen as bases, outorgarase un premio de 250 euros á mellor idea en cada unha das catro categorías, así como un accésit a aquela proposta que acade a segunda maior puntuación en cada apartado, que terá como premio a cota de balde en AJE durante un ano, o que lles permitirá beneficiarse de todos dos servizos que esta entidade ofrece aos seus asociados.