Nunha xornada organizada pola Vicerreitoría de Extensión o 29 de outubro en Redeiras
A Universidade amósase como un espazo de análise crítica ante os desafíos da (des) orde mundial
Expertos en relacións internacionais, dereitos humanos e cooperación protagonizarán a sesión
Máis aló do seu compromiso co coñecemento e coa formación integral, a universidade debe consolidarse como un espazo privilexiado para o diálogo, a paz e a transformación social. Un papel que aparece recollido, tanto no artigo 41 da Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, como tamén no artigo 3 da LOSU, que establece que o sistema universitario debe rexer por principios como a xustiza social, a inclusión e a sustentabilidade ambiental, económica e social.
Afondando neste labor, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo, a través da Área de Equidade Cooperación, organiza este mércores 29 de outubro, entre as 18.00 e as 20.00 horas, no edificio Redeiras, a xornada Desafíos da (des) orde mundial. A Universidade como espazo de análise crítica, diálogo e transformación, que contará coa participación de persoas expertas en relacións internacionais, dereitos humanos, cooperación e socioloxía. Gratuíta e destinada á comunidade universitaria e ao público en xeral, as persoas que queiran participar na xornada deberán inscribirse.
Participantes e obxectivos
Jesús A. Núñez Villaverde, codirector do Instituto sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), especialista en seguridade internacional, construción da paz e prevención de conflitos, con especial atención ao mundo árabe-musulmán, será un dos participantes na xornada, que será presentada polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa. Pola súa banda, Alberto Estévez Suárez, analista sobre control de comercio de armas; consultor de Amnistía Internacional e alumni honorífico pola UVigo en 2025, en recoñecemento a súa dilatada traxectoria en dereitos humanos e control de armas, tamén participará na xornada xunto a Natalia Monje, xornalista e historiadora e coordinadora de Comunicación da ONG Ecos do Sur. A profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e Administración e Filosofía da UVigo, con ampla experiencia no eido da cooperación ao desenvolvemento, Virginia Romero Sobral, completa a relación de persoas que intervirán na sesión.
“A xornada ten como finalidade ofrecer unha análise crítica da actual orde xeopolítica mundial, centrada nos principais conflitos e ameazas á paz global. Ademais, preténdese visibilizar o impacto dos intereses da industria de armamento e da desinformación, especialmente a través das loiadas e dos discursos de odio, na configuración do panorama internacional”, sinala Henar Quintas, directora da Área de Equidade e Cooperación. Así mesmo, destaca Quintas, coa celebración desta xornada, búscase fomentar a reflexión sobre o papel transformador da universidade como espazo de coñecemento, diálogo e acción “para construción de sociedades máis pacíficas e comprometidas coa xustiza global”.
