DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Filoloxía e Tradución acolleu unha mesa redonda con representantes de CRTVG E TVE

A Universidade busca na televisión pública un aliado para lograr novos avances en temas de accesibilidade

Maribel Doval, “aspiramos a ser unha universidade inclusiva, e penso que estamos no bo camiño”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/05/2022

Todas as alianzas son poucas para lograr unha Universidade e, en xeral, unha sociedade máis inclusiva. Con esta idea de partida, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este martes unha mesa redonda na que compartiron espazo e ideas representantes do equipo de goberno -en funcións neste intres-,  da facultade, do alumnado de doutoramento que está a traballar neste temas, da Compañía de Radio Televisión de Galicia, CRTVG e de Televisión Española, TVE. Todos compartiron ideas e expuxeron o que se está facer nestes intres, cada un desde os seus propios ámbitos, en temas de accesibilidade. Falouse de lingua de signos, de subtitulados, de audio descrición, de adaptacións de textos para lectura fácil… e fíxose cun obxectivo claro: “conseguir novas alianzas que redunden nun beneficio para todos”, tal e como explicou a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, en funcións, Maribel Doval.

Xunto á vicerreitora participaron na mesa redonda o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; a xefa da Unidade de Accesibilidade de TVE, Laura Feyto, e a estudante de doutoramento da Universidade de Vigo Sonsoles Facal, especialista en Lectura Sinxela e adaptadora do programa Sinxelo da CRTVG. “Queremos dar visibilidade aos temas de accesibilidade que se fan na Universidade de Vigo, que sexa unha primeira pedra coa que seguir construíndo unha universidade cada vez máis inclusiva”, destacou a profesora Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística, que se encargou da presentación da mesa xunto á vicedecana Beatriz Rodríguez.

Máis de cen estudantes no Plan de Atención á Diversidade, Piune

“Estamos no que podemos chamar unha mesa de alianzas, na que contamos coa participación do equipo de goberno en funcións, representantes da facultade, estudantes de doutoramento que están a traballar neste temas e dúas institucións tan importantes como Televisión de Galicia e Televisión Española”, explicou a vicerreitora, quen salientou que, neste intre, a Universidade de Vigo ten matriculados máis de 250 alumnos e alumnas que teñen unha discapacidade igual ou superior ao 33% . “Non hai estudantes de primeira, segunda e terceira división, todos teñen os mesmos dereitos e tamén as mesmas obrigas. Todos teñen o dereito a acceder aos contidos e a demostrar nunha avaliación o que aprenderon, en igualdade de oportunidades, e isto que parece tan obvio, non sempre é así”, subliñou a vicerreitora, quen fixo fincapé en que, se ben os avances que se acadaron no eido da accesibilidade son moitos, queda aínda moito treito por percorrer. “Aspiramos a ser unha universidade inclusiva, e penso que estamos no bo camiño, pero, polo momento aínda non o somos ao cen por cen”, explicou Doval, ao que engadiu que, nestes intres, hai máis de cen estudantes que, “por razóns moi diversas” forman parte “voluntariamente” do Plan de Atención á Diversidade, Piune.

20 anos de investigación e un novo perfil profesional: validador

Tamén desde a UVigo a profesora Lourdes Lorenzo fixo fincapé na necesidade de seguir realizando actividades coas que visibilizar que Universidade de Vigo aposta decididamente pola accesibilidade en todas as súas facetas. “Aquí hai moitos grupos de investigación que levan 20 anos traballando neste tema e, chegado este momento, pensamos que é moi importante darlle difusión”, recalcou a docente, salientando a importancia de traballar “desde abaixo”, man a man coas entidades sociais, cos festivais de cine inclusivo… “Entre todos temos que facer un esforzo para que todas as iniciativas que se están a levar a cabo en temas de accesibilidade vaian encaixando”.

Como docente, Lorenzo afondou tamén no nacemento dun novo perfil profesional, os validadores, que teñen que ser persoas cunha discapacidade, “chámase unha persoa xorda, cega ou con síndrome de down, por citar algún exemplo” e, nesta liña, salientou que a Universidade está traballando para formar a estes novos profesionais. “Xa de cara ao curso que vén a idea é organizar novas actividades baixo o paraugas do que será a primeira Semana da Accesibilidade da Universidade de Vigo”, adiantou a docente.

Xaime Arias: “este ten que ser un tema de país"

En materia de accesibilidade, a colaboración Universidade de Vigo - Televisión de Galicia vén de longo, tal e como destacaron tanto Lorenzo como o propio Xaime Arias, quen falou, entre outros aspectos, das accións G de responsabilidade social corporativa da televisión pública galega, así como do proxecto Sinxelo, espazo informativo que botou a andar o pasado mes de febreiro e que permite que os servizos informativos da TVG emitan diariamente vídeos accesibles na súa web e redes sociais en formato de ‘lectura sinxela’ para persoas con discapacidade ou con necesidades especiais.

Nesta iniciativa, tal e como explicou Arias,  están implicadas a propia Lourdes Lorenzo, experta en tradución audiovisual, e Sonsoles Facal, estudante de doutoramento e impulsora da tradución de libros infantís a ‘lectura sinxela’, que foi outra das participantes na mesa. “Tivemos que crear todo de cero porque ninguén fixera nada parecido”, explicou Arias, salientando a importancia de implicar nestes proxectos aos colectivos afectados, “na accesibilidade ten que ser así, si ou si. Como televisión pública somos un escaparate máis para todo este tipo de iniciativas, pero este ten que ser un tema de país”, recalcou Arias, quen aproveitou para demandar o financiamento necesario para seguir avanzando nestes temas.