DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de maio

A Universidade convoca as bolsas de mobilidade para o alumnado dos mestrados

Tags
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 11/05/2021

Coa finalidade de contribuír a paliar os gastos ocasionados pola mobilidade do alumnado dos estudos oficiais de mestrado da Universidade de Vigo, abre unha nova convocatoria de bolsas para os estudantes matriculados neste curso.

Estas axudas serven para sufragar os gastos derivados da realización de actividades de contido formativo dos mestrados oficiais impartidos pola Universidade de Vigo, que se teñan que desenvolver nunha localidade diferente á da sede. Trátase dos títulos: nanociencia e nanotecnoloxía; lingüística aplicada; valoración, xestión e protección do patrimonio cultural; investigación química e química industrial; xenómica e xenética e enxeñaría de minas.

Para solicitar unha destas axudas é requisito necesario estar matriculado no ano académico 2020/2021, na totalidade dos créditos do 1º curso no momento de realizar o desprazamento subvencionado. No caso do mestrado en Xenómica e Xenética, os estudantes deben estar matriculados a tempo completo dun mínimo de 60 créditos ou os que queden para finalizar os estudos. Ademais, os solicitantes non poden estar en posesión doutro título de mestrado oficial. As actividades subvencionables deben ter lugar entre o 1 de setembro de 2020 e o 11 de setembro de 2021. No caso dos mestrados cunha duración de 2 cursos o desprazamento poderá realizarse ata o 30 de outubro.

O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 24 de maio. 

Criterios de selección

Será a comisión académica de cada mestrado a que avaliará as solicitudes recibidas, tendo preferencia o alumnado que inicia estudos de mestrado. A puntuación de cada solicitude dependerá da nota media do expediente académico dos estudos que lle dan acceso ao mestrado (45%), do interese do desprazamento (35%)  e do currículo relacionado cos seus estudos (20%). A cada persoa solicitante só se lle poderá conceder axuda para unha actividade agás no caso dos mestrados cunha duración de 2 cursos nos que se poderá obter unha axuda por cada curso académico. Excepcionalmente no caso de non esgotar o orzamento previsto para cada titulación poderase conceder axuda para mais actividades, en función da puntuación, ata o esgotamento do orzamento.