DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permitirán a posta en marcha de 43 novos proxectos

A Universidade eleva a 4,5 millóns de euros as axudas conseguidas no Plan Estatal de Investigación

Se ben a subida foi xeral, no ámbito tecnolóxico duplicáronse as subvencións concedidas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/12/2021

Preto de 4,5 millóns de euros para pór en marcha 43 novos proxectos de investigación. Este é o balance que deixa para a Universidade de Vigo a última convocatoria de axudas da Axencia Estatal de Investigación, unhas cifras que desde a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia cualifican como “excelentes” xa que supoñen un incremento de arredor de 800.000 euros sobre a anterior convocatoria, correspondente ao ano 2019 e na que se conseguiran 3,7 millóns  de euros cos que desenvolver 33 proxectos. 

“En xeral todos os ámbitos aumentaron ou manteñen o número de proxectos obtidos, pero destaca, sobre todo, a capacidade consolidada de captación de fondos competitivos dos centros de investigación do SUG (atlanTTic, Cinbio e CIM) que suman máis da metade do total de financiamento acadado e o incremento importante no ámbito tecnolóxico, que duplicou o número de axudas concedidas, liderado polo eixo atlanTTic - Cintecx”, salienta a vicerreitora Belén Rubio, quen explica que a cifra total de proxectos solicitados non deixou de medrar nos últimos anos, acadando nesta ocasión o centenar de solicitudes nos diferentes programas (Retos, Xeración de Coñecemento, Investigadores novos...). O crecemento é xeral e prodúcese tamén no eido xurídico-social e nas humanidades, “que historicamente non optaban a eses fondos competitivos e onde o número de solicitudes realizadas medra cada ano”,  explica a vicerreitora, para quen a promoción da convocatoria do plan nacional foi un dos obxectivos prioritarios do seu mandato, deseñando para isto diferentes accións, entre elas un seminario sobre as claves do éxito á hora de pedir un proxecto ou outro sobre xestión de datos nos proxectos. “A nosa intención é seguir promocionando e apoiando aos investigadores e investigadoras na súas solicitudes futuras”, destaca Rubio, ao que engade que se tratará tamén de incentivar a solicitude de proxectos aos investigadores máis novos (distinguidos, Ramon y Cajal, etc).

Desde a Vicerreitoría de Investigación destácase como un dos aspectos máis relevantes desta convocatoria o impulso dos diferentes centros de investigación -atlanTTic, Cinbio, Cintecx e CIM- da Universidade de Vigo, de onde proveñen o 23% do total das axudas solicitadas. Tiveron unha taxa de éxito do 91%, conseguindo 21 proxectos dos 23 solicitados, o que supón case o 50% dos proxectos concedidos á Universidade de Vigo.

Máis de un millón de euros para atlanTTic

Para atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a convocatoria nacional supón o ingreso de máis de un millón de euros, financiamento co que pór en marcha nove proxectos de investigación. " É unha proba máis da alta calidade da investigación que vimos realizando en tecnoloxías de telecomunicación e, neste caso concreto, en 5 G, envellecemento saudable, privacidade e seguridade, mobilidade (satélites e drons), electromagnetismo, radar e criptografía cuántica", explicou o seu director, Martín Llamas.

Tal e como destaca o director do centro, entre os proxectos subvencionados hai traballos de moi distinto perfil, desde aqueles que tratan de dar resposta aos principais desafíos que trae consigo a tecnoloxía 5G, ata outros pensados para dar servizos e aplicacións para un envellecemento saudable, pasando por outros que buscan mellorar os actuais escáneres de seguridade ou aqueles que se dirixen a solucionar diferentes problemáticas relacionadas coa aprendizaxe automática.

900. 000 euros para Cinbio

No caso do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, o seu director, Miguel Ángel Correa, salienta tamén que se trata duns resultados moi positivos “que nos indican que estamos no camiño correcto” e, ademais, permiten, “non só mellorar a visibilidade do centro a nivel nacional, senón tamén seguir construíndo unha comunidade científica onde os seus éxitos se baseen na excelencia e na produtividade”. Conseguiron en total seis novos proxectos de investigación financiados con máis de 800.000 euros, un financiamento que lles permitirá consolidar as liñas de investigación de dous grupos senior do centro -o grupo de Materias Magnéticos liderado por Verónica Salgueiriño e o grupo de Física Aplicada II liderado por Jose Luis Legido-. Tamén cabe sinalar que varios dos investigadores e investigadoras líderes destes proxectos son unha clara aposta do centro pola captación de novos talentos tanto nacionais como internacionais, cunha prometedora carreira científica, entre eles Begoña Puértolas, Lakshminarayana Polavarapu e Lucas Besteiro no ámbito da nanotecnoloxía ou Juan Fernández no ámbito da neurociencia.

800.000 euros para Cintecx

Desde o Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, a súa directora, Concepción Paz, salienta que estes resultados –máis de 800.000 euros de financiamento para catro proxectos- “son sen dúbida unha proba de que desde o noso centro continuamos polo camiño formulado hai xa uns anos cando acadamos a acreditación da Xunta de Galicia como centro de investigación, un fito que se logrou grazas á total implicación de todos os grupos e persoal investigador”.  A todo isto a responsable do centro engade que as axudas económicas dos distintos proxectos, “xogan o papel de aval do noso saber facer investigador” e supoñen tamén novos folgos para continuar fieis á súa estratexia de posicionamento diferenciador en Galicia, “sen deixar ao marxe os escenarios nacionais e europeos”.

Entre os exemplos dos proxectos concedidos aos grupos de Cintecx, poden citarse traballos que velarán pola mellora da xestión da calidade das augas e cumprimento dos estándares fixados pola Directiva Marco da auga; outro sobre a redución do impacto ambiental e sanitario de afluentes hospitalarios mediante oxidación avanzada; outro sobre dispositivos biomédicos e, outro, sobre investigación experimental e numérica para mellorar a refrixeración de baterías e compoñente electrónicos en vehículos eléctricos.

200.000 para o CIM

No CIM, Centro de Investigación Mariña, conseguiuse financiamento por valor de algo máis de 200.000 euros para pór en marcha dous novos proxectos, un no que se tratará de medir o efecto da radiación solar e a temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios de porto Foster en Illa Decepción, na Antártida, dirixido polo profesor Mariano Lastra, e outro no que se fará unha estimación do censo efectivo e a depresión consanguínea utilizando datos xenómicos, de Armando Caballero.