DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para escolas, facultades, centros e institutos de investigación

A Universidade lanza a quinta edición do Distintivo de Igualdade

O prazo de presentación de candidaturas remata o 12 de decembro

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/11/2024

Tras catro edicións previas, nas que 13 centros acadaron este recoñecemento, a Universidade de Vigo lanza unha nova convocatoria do Distintivo de Igualdade, un selo que recoñece aquelas escolas, facultades, centros e institutos de investigación que destaquen na promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A finalidade desta iniciativa é impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres en todos os centros docentes e de investigación da UVigo a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realicen co fin de impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, dentro dos seus ámbitos de competencias. Nesta edición, as propostas as candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 12 de decembro. Os centros que sexan seleccionados pasarán a unirse a unha lista que actualmente está composta polas facultades de Filoloxía e Tradución, de Educación e Traballo Social, de Ciencias Xurídicas e do Traballo, de Ciencias Económicas e Empresariais e Dereito; as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, de Enxeñaría de Telecomunicación; e o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo; o Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina, o CINBIO e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic. A estes sumáronse na edición 2023 o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), a Facultade de Comunicación e a Facultade de Comercio. 

Un recoñecemento público e un compromiso de seguir avanzando 

O Distintivo de Igualdade consiste nunha insignia para expoñela publicamente na facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo distinguido, e nunha redistribución de crédito de 3000 euros para que a dirección da facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo o utilice en desenvolver políticas de xénero no centro, durante o ano contable no que se resolva a convocatoria.  

Para acadar distintivo é preciso que os centros obteñan unha puntuación igual ou superior a 80 puntos de acordo a unha serie de criterios que serán valorados en cada caso por unha comisión que contará con representación das diferentes áreas do coñecemento. Entre outros aspectos, terán en conta se os plans de estudo das titulacións recollen materias que tratan a igualdade entre mulleres e homes ou inclúen a perspectiva de xénero na docencia ou se existen liñas de investigación e transferencia que incorporen a perspectiva de xénero ou xeran coñecementos científicos con perspectiva de xénero. Tamén se avaliará o número de persoas expertas ou implicadas na promoción da igualdade de xénero, así como o número de actividades de promoción e sensibilización en igualdade, que se realizaron nos últimos seis anos e o seu impacto. Outro aspecto a ter en conta serán o grao de paridade nos órganos de goberno electos e de libre designación, tendo especial relevancia a non reprodución do chamado «traballo doméstico académico». Finalmente tamén se valorará o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna e externa do centro, especialmente na web, así como as políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero ou, de ser o caso, de novo persoal investigador e os resultados obtidos, xunto coas medidas promovidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade entre o PDI, o PTXAS e o alumnado. A estas criterios tamén se suman outras actividades e accións desenvolvidas polo centro que amosen o grao de implantación do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da UVigo e das políticas de igualdade da institución, así como outras propostas que desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva que se considere de utilidade para a valoración desta convocatoria, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.