DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsadas pola Biblioteca coa colaboración da Vicerreitoría de Investigación

A Universidade organiza múltiples actividades para promover o acceso aberto ao coñecemento científico

Serán do 19 ao 25 de outubro e diríxense a toda a comunidade universitaria

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 15/10/2020

Do 19 ao 25 de outubro celébrase mundialmente a Semana Internacional do Acceso Aberto, unha iniciativa anual para promover o acceso libre e igualitario ao coñecemento científico e, por primeira vez na historia da institución, a Universidade de Vigo vaise sumar este ano a esta iniciativa coa organización de diferentes actividades programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e dirixidas a toda a comunidade universitaria. 

“Trátase de promover e promocionar o movemento en favor do acceso aberto entre a comunidade universitaria e sensibilizala da importancia de abrir o coñecemento á cidadanía”, explica Carmen Barros responsable de Investigo, o repositorio institucional da UVigo, unha ferramenta posta en marcha en 2016 co obxectivo de reunir a produción científica da institución académica viguesa nun espazo institucional de acceso aberto e no que se compilan as teses, artigos de revistas, libros, comunicacións ou relatorios dos membros da comunidade universitaria que queren poñer a disposición do público o seu coñecemento. 

A crise sanitaria fai “máis necesario que nunca” o acceso aberto 

O movemento Acceso Aberto –Open Access-  iniciouse hai xa 20 anos e ten como lema central promover o acceso libre e gratuíto á información científica dispoñible en liña, permitindo a reutilización legal deses contidos, garantindo o dereito dos autores/as a ser debidamente recoñecidos e citados. Neste sentido, desde a Biblioteca Universitaria destacan que a sociedade se atopa nun intre de grandes desafíos ambientais, sociais e económicos e a actual crise sanitaria puxo de manifesto a urxencia de compartir o coñecemento a nivel global, eliminando as barreiras legais e económicas que impiden o seu acceso. Neste contexto, destacan como “máis necesario que nunca” impulsar accións que permitan que as publicacións, os datos e os resultados científicos sexan máis accesibles para facer efectivo o dereito da cidadanía ao coñecemento científico.

Dous seminarios webs e máis cousas

O programa de actividades para celebrar esta semana internacional inclúe dous seminarios web, pensados especialmente para o persoal investigador, pero abertos tamén a calquera persoa que poida estar interesada nestas temáticas. “Trátase de dar a coñecer ferramentas como Investigo e outros servizos de asesoramento que a Biblioteca Universitaria pon a disposición do persoal investigador para dar máis visibilidade á súa produción científica”, explica Héctor Castro, da Sección Soporte á Aprendizaxe e á Investigación da biblioteca.


O primeiro seminario será o mércores 21 ás 12.00 horas e leva por título Publicar en aberto na UVigo: rutas, políticas e ferramentas. Será impartido pola propia responsable de Investigo, Carmen Barros, quen, ademais de explicar as características do repositorio e as vantaxes que ofrece para o persoal investigador, tratará  tamén de familiarizar ás persoas que asistan con diferentes cuestións básicas relacionadas co acceso aberto ás publicacións científicas, así como as múltiples vías do acceso aberto, o marco legal e os requirimentos dos organismos de financiamento a nivel nacional e europeo.

O segundo taller web está previsto para o venres 23 á mesma hora e, nesta caso, impartirao Ignasi Labastida, xefe da Oficina de Difusió del Coneixement do CRAI da Universitat de Barcelona. Nunha charla titulada Dúas décadas despois de Budapest, cara a onde vai o acceso aberto?, o experto afondará no estado actual no marco da ciencia aberta, os acordos transformativos, o Plan S, as plataformas de publicación e as tendencias de futuro do movemento de acceso aberto.

A maiores destes seminarios, publicarase tamén o informe elaborado pola Área de Bibliometría da Biblioteca Universitaria As publicacións científicas na Universidade de Vigo en Acceso Aberto e unha infografía sobre o Acceso Aberto na UVigo.

A tendencia é que as políticas de acceso aberto sexan obrigatorias

Actualmente a Ciencia aberta ocupa un espazo propio no novo Plan Estatal de Investigación Científica, así como nas novas directrices que  Horizon Europe está a preparar. “A Comisión Europea e as principais axencias de financiamento científico públicas e privadas están implantando políticas de acceso aberto obrigatorias, para facer que este sexa o modo habitual de comunicar a investigación”, explica Carmen Barros, quen tamén fai fincapé en que isto choca co sistema de comunicación científica tradicional, baseado na publicación en revistas de subscrición “no que os grandes grupos editoriais reteñen os dereitos de explotación das obras, dificultando o acceso e a reutilización dos contidos incluso para os propios autores”, engade Castro.

Nesta ocasión, a Semana Internacional do Acceso Aberto celebrarase baixo o lema Abrir con Propósito: emprender accións para construír equidade e inclusión estruturais.