DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesionais externos informará e orientará na maduración das ideas emprendedoras

A Universidade pon en marcha un novo servizo para impulsar a creación de iniciativas de negocio

Promovidas polo estudantado, o PDI e a recentemente creada comunidade Alumni-UVigo

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 05/03/2021

Hai dez anos nacían os Premios Incuvi Emprende, unha preincubadora para as ideas empresariais postas en marcha polo alumnado. Co paso dos anos e tras dar acubillo a ducias de proxectos, esta convocatoria foise ampliando de cara á consolidación destas ideas ata convertelas en negocios viables. Pero moitas das propostas presentadas a estes premios quedaban fóra e sen un paraugas institucional que lles permitisen seguir adiante. Para tratar de prestarlles apoio, a Área de Emprego acaba de poñer en marcha o Servizo Universitario de Creación de Empresas do Estudantado (Sucede). A finalidade é, como explica Maruxa Álvarez, responsable área, “apoiar o desenvolvemento de iniciativas de negocio promovidas polo estudantado, así como polo colectivo de PDI e pola recentemente creada comunidade Alumni-UVigo”. 

Trátase de que as persoas interesadas poidan contar co apoio dun profesional externo que os informará e orientará na maduración das súas ideas emprendedoras. A idea deste novo servizo xorde, remarca Maruxa Álvarez, “como resposta ás consultas recibidas ao longo dos últimos anos, sobre todo por parte de estudantes e persoas recentemente egresadas, de recibir asesoramento sobre unha posible idea de negocio”. Así mesmo, este servizo tamén pretende acoller todas esas iniciativas que, se ben non foron beneficiarias dunha das axudas Incuvi, os seus equipos promotores aínda queren apostar pola súa posta en marcha”. Para facer posible estes nova ferramenta, a Universidade de Vigo conta co apoio económico do Consorcio da Zona Franca de Vigo, “que dende un principio apoiou a idea e que, conscientes da importancia de seguir fomentando a educación en emprendemento, comprometeuse a colaborar tamén con este novo proxecto”.

Uso do servizo 

Para facer uso de este servizo, as persoas interesadas terán que cubrir un formulario que estará dispoñible na web e envialo para solicitar unha cita a través do correo electrónico a sucede@uvigo.es. As persoas usuarias serán atendidas por un mentor externo á Universidade de Vigo con moita experiencia no asesoramento e formación de persoas emprendedoras. “Nas sesións conxuntas este profesional axudaralles a avaliar os recursos e capacidades dispoñibles para que poidan comezar o proxecto. Así mesmo, daralles información sobre o contorno emprendedor mais apropiado para axudarlles  a crecer”. Establécese un máximo de tres sesión de asesoramento por proxecto, o cal poder variar en función do seu grao madurez e necesidades. 

Docentes con perfil emprendedor

O servizo Sucede non só estará á disposición do alumnado e persoas egresadas, senón que tamén abre as súas portas ao persoal docente e investigador. Lembra Maruxa Álvarez que neste “século do emprendemento” o profesorado tamén “é quen de desenvolver habilidades para que tanto eles como o seu alumnado poidan dar resposta aos desafíos que nos presenta a tan cambiante sociedade”. Neste sentido, considera “fundamental” que a figura do persoal docente tamén teña “esa dose de emprendemento, que lle permita detectar e potenciar habilidades propias do emprendemento nos cidadáns do futuro que este momento están nas súas aulas”.

Paralelamente, para fomentar esas competencias emprendedoras nas aulas, nos próximos meses crearase, a través de Escola de Aberta de Formación Permanente, unha “rede de docentes emprendedores” coa finalidade de que os docentes sexan axentes promotores do emprendemento nas aulas. “Sabemos que en calquera titulación pode haber estudantes con habilidades e inquedanzas para o emprendemento e que só coas convocatorias dos programas de emprendemento da Universidade non se pode chegar de maneira eficaz a estes”. Para formar parte desta rede, o profesorado terá que recibir unha formación en emprendemento para “axudarlles a identificar os estudantes con potencial emprendedor e para poder dar os primeiros consellos para guialos e informalos dos servizos que lles ofrece a propia Universidade”.