DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas de benvida que se suceden nestes días nos tres campus

A Universidade recibe o seu novo estudantado amosándolles todo o que ofrece fóra das aulas

O encontro reuniu este xoves en Pontevedra máis de 450 estudantes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/09/2025

O vindeiro luns 8 de setembro bota a andar o curso académico 2025/2026, o que motiva que as diferentes facultades e escolas celebren nestes días unha serie de actos dirixidos a presentarlles os estudos que cursarán os próximos anos. Mais, alén da actividade académica, a Universidade de Vigo pon a súa disposición múltiples actividades e servizos, que máis de 450 estudantes de novo ingreso puideron coñecer este xoves na segunda das xornadas de benvida que a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade promove nestes días nos tres campus. Ao longo da mañá, responsables de diferentes servizos achegáronlles información e asesoramento de todo aquilo que a institución académica pode achegarlles alén das aulas, nun encontro que busca que, “desde o primeiro día, coñezan os servizos, instalacións e actividades que lles ofrece a Universidade”, salientaba a vicerreitora Natalia Caparrini, quen puxo tamén de relevo o alto grao de ocupación das prazas de novo ingreso, “superior ao 100%”, co que a UVigo arranca este novo ano académico.

Esta xornada informativa e lúdica ten como obxectivo que o alumnado “coñeza o que é a vida universitaria”, recoñecía Caparrini, quen destacaba o “éxito de participación” que esta iniciativa rexistra cada ano. Tras desenvolverse este mércores en Ourense, preto de 460 novos estudantes do campus pontevedrés pasaron esta mañá pola Escola de Enxeñaría Forestal, co propósito de obter información sobre bolsas e axudas, transporte, voluntariado, mobilidade, atención á diversidade, emprego e emprendemento ou sobre a programación cultural e deportiva da UVigo. Do mesmo xeito, as e os asistentes puideron coñecer, entre outros, a oferta do Centro de Posgrao e Formación Permanente e do Centro de Linguas ou o labor da Unidade de Igualdade, da Biblioteca Central do Campus, da Área de Normalización Lingüística e das asociacións e delegacións estudantís, así como recoller as axendas para o novo curso, elaboradas coa axuda económica do Consello Social da UVigo.

Alto grao de interese polas titulacións da UVigo

O Pavillón Universitario do campus de Vigo acollerá este venres, entre as 10.00 e as 13.00 horas, a última destas xornadas de acollida, que preceden ao arranque dun curso académico que a UVigo inicia cunha taxa de ocupación “superior ao 100% nos tres campus”, salientou Caparrini. A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade apuntou que este xoves comezaba o sexto chamamento á matrícula da CIUG, con “moi poucas prazas” vacantes para o alumnado de novo ingreso, o que lévaa á prever que este curso “vai ser un éxito” en materia de matriculación. “Creo que isto demostra que a xente coñece cada vez máis a Universidade e está máis interesada en seguir os seus estudos na UVigo”, concluíu Caparrini.

A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, amosábase tamén “moi satisfeita cos datos de matrícula” das diferentes titulacións que se ofertan en Pontevedra, “no que só hai un grao no que quedan unhas poucas prazas libres”, o de Enxeñaría Forestal, “que agardamos que poidan cubrirse nos chamamentos que se van producir ao longo deste mes”. Lantarón puxo en valor a “singularidade” das titulacións que se ofertan no campus, varias delas únicas en Galicia, como uns dos motivos deste “éxito” en termos de matriculación, á vez que lembrou que o campus estrea neste curso os novos mestrados en Creación Artística Contemporánea e Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, así como o doutoramento en Investigación Sanitaria. 

Ilusión e nervios nesta nova etapa

“Coñecer un pouco o funcionamento da Universidade e cales son as actividades que podes realizar” foron os motivos que achegaron ao campus estudantes como Saínza Quintiá, nova alumna do Grao en Educación Infantil. “Encántanme os nenos e dende pequena quixen traballar con eles”, sinala esta alumna pontevedresa, quen se amosa “moi animada” coa posibilidade de estudar unha titulación “na que as materias están enfocadas ao que realmente me gusta”. Con ese obxectivo de “coñecer que me pode ofrecer a Universidade” e as actividades que se desenvolven no campus visitaba tamén Ana García a que será a súa escola os próximos anos. “Non sabía moi ben que escoller, pero coa axuda de meu pai e polas miñas afeccións, como a escalada, atopei Enxeñaría Forestal. Creo que escollín ben”, sinalaba esta viguesa. Jara Fernández, pola contra, recoñecía ter claro “desde o bacharelato” o seu interese polo Grao en Belas Artes, mais tamén que inicia esta nova etapa “un pouco nerviosa, porque non sei moi ben que me vou atopar”. De aí que esta alumna residente en Cangas destaque o positivo dunhas xornadas que permiten “coñecer as instalacións e como funciona a Universidade”.