DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura este xoves dun novo convenio marco entre as dúas entidades

A Universidade renova a súa colaboración coa empresa Viaqua para o desenvolvemento do Campus Auga

Abrangue actividades académicas, de investigación e transferencia en temática de interese común

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 14/10/2021

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Marcos Martín González, director da empresa Viaqua, asinaron este xoves un novo convenio marco de colaboración entre as dúas institucións. O convenio dá continuidade ao existente anteriormente e o seu obxecto é “a posta en marcha dun conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e de investigación universitaria", centrándose as accións nas titulacións deste ámbito e no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Tras a sinatura do convenio, o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para nós é unha enorme satisfacción asinar de novo este convenio que nos permite profundar nas tarefas docentes e investigadoras relacionadas coa auga”, recalcando o papel deste recurso natural como “fonte de coñecemento, de calidade de vida e de desenvolvemento”. No marco do proxecto Campus Auga, Manuel Reigosa destacou que para a institución académica “é moi importante contar con Viaqua como un socio, un socio necesario, un socio desexado para todas as iniciativas que se van a desenvolver en torno ao Campus Auga, o campus de especialización do campus de Ourense”. Ademais das achegas económicas e de medios, o reitor comentou que o convenio inclúe “sobre todo moito traballo conxunto en moitas actividades, tanto no eido docente como investigador como de transferencia”, agradecendo a Viaqua esta colaboración.  

Pola súa banda, o director de Viaqua salientou que para a empresa “é un pracer volver a subscribir este convenio coa Universidade de Vigo para fomentar o desenvolvemento de coñecemento arredor da auga, un ben esencial, transversal e necesario para toda a reconstrución verde, onde é un eixe principal, e para nós, no noso día a día”. Marcos Martín indicou que o convenio permitirá colaborar en temas como o Campus Auga e tamén para espertar o interese do alumnado universitario “por un campo que para nós é apaixonante e necesario para o desenvolvemento futuro non só de Ourense senón tamén de Galicia e de España” como é a auga.

Actividades

O convenio marco, que terá unha duración de dous anos, contempla diferentes modalidades de colaboración. Entre elas, a participación de Viaqua en xornadas académicas e eventos do Campus Auga, achegando gratuitamente relatores nas charlas, seminarios, mesas redondas e outros eventos previstos que estean relacionados co mundo académico para expor temas relacionados coa xestión e tratamento de augas. Igualmente, a empresa comprométese a promocionar visitas técnicas guiadas a instalacións do ciclo integral da auga co fin de que o alumnado teña un coñecemento directo dos procesos relativos ao ciclo urbano da auga.

Co fin de estimular o fomento da investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación científica relacionada co motor estratéxico de especialización do Campus Auga, ao abeiro deste convenio Viaqua tamén outorgará en 2021 e 2022 premios por un importe de 3600 euros cada ano. Do mesmo xeito, a empresa prestará asesoramento, a requirimento do Campus Auga, en canto a definir os contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias que estima de maior interese para as e os profesionais do sector nas titulacións relacionadas, de cara á súa posible inclusión na oferta formativa de grao e mestrado, cursos de especialista, complementarios e outros para as e os estudantes da UVigo.

Outras modalidades de colaboración incluídas no convenio marco son a oferta por parte de Viaqua de prácticas para o alumnado dos últimos cursos das titulacións que se impartan no Campus de Ourense-Campus Auga no ámbito das xestión e tratamento de augas, e a  execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar entre grupos de investigación das dúas entidades. Para o seguimento e control dos acordos adoptados neste convenio, así como a programación das actividades, constituirase unha comisión mixta formada por representantes das dúas entidades. As actividades e/ou programas de actuación que así o requiran serán reguladas a través de convenios específicos.