DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dúas mesas redondas os días 25 e 27 en Miralles sobre recursos educativos e ciencia aberta

A Universidade únese, un ano máis, á celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto

O 63% dos documentos da UVigo na Web of Science non teñen restricións

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/10/2022

Do 24 ao 30 de outubro celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto, unha iniciativa anual que busca fomentar a dispoñibilidade en liña da información científica e académica de xeito gratuíto e baixo licencias que permitan o seu uso sen limitacións económicas, legais ou tecnolóxicas. Este ano o lema é Aberto para a xustiza climática e ten como obxectivo concienciar sobre como este tipo políticas poden axudar na procura dunha xustiza climática. A UVigo, un ano máis, únese a esta celebración cun programa de actividades que inclúe a presentación do informe O acceso aberto na Universidade de Vigo e dúas mesas redondas programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación no marco da estratexia de persoal investigador (HRS4R).

O acceso aberto, en auxe na UVigo

O informe sobre o acceso aberto na UVigo foi elaborado con datos obtidos da Web of Science (WOS) por Sonsoles Pousa, responsable da Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria. Os resultados constatan que na institución viguesa a publicación de documentos baixo esta premisa logra a maior subida nos últimos anos. O 63,58% do total dos documentos da Universidade publicados no 2021 e indixedos na WOS están en aberto, o que representa 13 puntos máis que no ano 2020. 

Ademais, o informe tamén constata que a porcentaxe de citas obtidas polos documentos en acceso aberto con respecto ao total de citas recibidas polas publicacións da UVigo indexadas en WOS no 2021 é de 71,03%, o que corrobora o impacto e visibilidade dos traballos en acceso aberto. Por outra banda, o estudo tamén recolle a tendencia ascendente no número de artigos publicados en revistas Gold-Hybrid na maior parte das editoriais coas que a Universidade de Vigo ten algún tipo de acordo ou desconto para o pago por publicar. 

O informe completo poderase consultar a partir do venres na páxina web da Semana do Acceso Aberto.

Mesa redonda sobre os recursos educativos abertos e os ODS

A programación deseñada pola Biblioteca Universitaria arrancará o martes 25, cunha xornada sobre a contribución dos recursos educativos abertos ao logro dos ODS da Axenda 2030. A cita será no edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través da canle 2 de UVigoTV entre as 11.00 h e as 12.00 h. 

A mesa redonda, aberta tanto ao persoal docente e investigador e persoal bibliotecario como a calquera persoa interesada nestas temáticas, contará coa intervención de Brigit Nonó Rius, xefa da Unidade de Desenvolvemento de Proxectos e Comunicación da Biblioteca da Universitat de Girona; Sergio Luján-Mora, catedrático de Universidade do Departamento de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universitat d’Alacant e Gerardo Marraud González, director da Biblioteca Universitaria da UVigo.

As e os convidados analizarán o papel dos recursos educativos abertos, materiais que se atopan en dominio público ou que foron publicados con licenzas abertas que permiten o seu uso, adaptación ou distribución respectando a autoría. Segundo a Unesco, este tipo de ferramentas favorecen unha educación de calidade, equitativa, inclusiva, aberta e participativa, o cal coincide coa meta 4.3 da Axenda 2030. Moderará o debate María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo. 

Mesa redonda sobre as políticas de ciencia aberta 

Na xornada do xoves 27 a temática elixida serán as políticas de ciencia aberta en Europa, España e América Latina. A cita será de 12.00 a 13.30 h a través da canle 2 de UVigoTV coa participación de Pilar Rico Castro, xefa da Unidade de Acceso Aberto, Repositorios e Revistas da FECYT; Javier López Albacete, Policy Officer na Unidade de Ciencia Abierta da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea e Eduardo Aguado López, sociólogo e investigador da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Autónoma do Estado de México (UAEM). O debate será moderado por Ana Bernabeu Tello, directora da Área de Investigación da UVigo e abordará os desafíos e oportunidades que supón a ciencia aberta para o PDI e para as institucións, así como as novidades nas políticas de ciencia aberta no ámbito nacional e a reforma do sistema de avaliación da investigación que propón a Comisión Europea. Tamén se analizará o modelo latinoamericano de financiación pública para as revistas, o acceso aberto diamante. Serán así tres perspectivas que ofrecerán unha visión panorámica sobre as políticas actuais de ciencia aberta e as súas implicacións na transición a este novo paradigma de comunicación científica. 

O compromiso editorial do Servizo de Publicacións da UVigo

Á celebración desta Semana do Acceso Aberto tamén se une o Servizo de Publicacións da Universidade que, dende 2018, decidiu poñer en marcha para as novas publicacións do seu catálogo un sistema mixto que mestura a publicación en papel co espazo aberto gratuíto. Así, transcorridos 18 meses desde a posta en circulación dos exemplares físicos, as obras publicadas pasan a comunicación pública baixo unha licenza Creative Commons. Os volumes pódense consultar en acceso aberto gratuíto a través do Catálogo de libros. Ademais, o Repositorio institucional Investigo enlaza estas publicacións para darlle unha maior visibilidade e garantir o seu acceso e preservación a longo prazo. Deste xeito, destaca o director do servizo, Jorge Luis Bueno, “as publicacións aproveitan a súa vida ao máximo”.

No que atinxe ás revistas científicas e dada a natureza da investigación, recoñece Bueno, “non tiña sentido manter o papel, por iso Revistas Uvigo constituíuse como a páxina web oficial do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo que aloxa as revistas que edita o servizo en formato electrónico aberto co sistema Open Journal System”. A día de hoxe, destaca o seu responsable, “temos nove revistas de diferentes ámbitos de coñecemento que achegan a súa investigación científica á sociedade dun xeito efectivo e rápido”. De feito, das 7966 descargas rexistradas en 2019, pasouse ás 55148 deste 2022, cifra que para nove revistas “nos fai mirar cara o futuro con certa tranquilidade”.

En resumo, Jorge Luis Bueno destaca que “este modelo é o que nos permite decididamente facer máis con menos. Apostamos con claridade polo futuro da ciencia aberta sen esquecer a utilidade do libro impreso. Non podemos ter mellor forma de transferir á sociedade o noso coñecemento”.