DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta foi abordada este mércores nunha sesión extraordinaria do Consello de Campus

A Universidade ve na cesión do Hospital Provincial a posibilidade de “programar o futuro” do campus de Pontevedra

A institución académica deberá elaborar unha “memoria de necesidades” para este espazo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/02/2023

A proposta de cesión á Universidade do edificio do Hospital Provincial centrou este mércores unha sesión extraordinaria do Consello de Campus de Pontevedra, dirixida a dar a coñecer aos e ás integrantes deste órgano colexiado unha proposta que, como sinalou o reitor, Manuel Reigosa, permitiría “programar o campus de Pontevedra do futuro” e contribuír “a que dentro de dez anos poida ser un dos campus con maior resiliencia de Galicia”. Nese senso, o propósito desta xuntanza era tamén reunir as primeiras valoracións dunha proposta respecto “da que non hai nada pechado” e que implicaría traballar nos próximos dous anos na definición dunha planificación que recolla os usos que a institución académica proxectaría darlle a “un edificio con máis de 23.000 metros cadrados útiles”, para o que “as posibilidades están totalmente abertas”, salientou.  

Como explicou Reigosa nesta sesión extraordinaria, a proposta que se lle trasladou desde o Goberno galego conta coa aceptación tanto da Consellería de Educación como de Sanidade e comprendería que a Xunta acometese as obras de remodelación dos espazos antes de “facer a entrega do edificio”. Previamente, deberá completarse o traslado dos servizos do Hospital Provincial ao Gran Montecelo, unha vez se completen as obras desta infraestrutura hospitalaria. Nese senso, o reitor indicou en que desde a administración autonómica “falaban inicialmente de dous ou tres anos”, como o prazo previo a poder iniciar os traballos para esta posible cesión. Un período no que a institución académica debería definir “o plan de usos do edificio”, no que se recollan que titulacións ou servizos se emprazarían nel, así como as necesidades que isto implicaría en materia “de espazos, aulas, laboratorios ou despachos”.  

“Pareceume un ofrecemento útil para a Universidade, que agradezo”, recoñeceu o Reigosa dunha proposta que ve como “unha xanela de oportunidade”. Non obstante, recalcou, “logo haberá que poñer negro sobre branco”, xa que polo de agora “non hai nada definido nin debatido”.. 

Posibilidades abertas

“Temos liberdade absoluta para facer os movementos que queiramos”, recalcou Reigosa, que apuntou en primeiro termo á posibilidade de que este inmoble acollese a futura Facultade de Enfermaría, dado que actualmente xa é a sede da Escola Universitaria. Alén disto, apuntou, “poderíamos valorar o traslado dalgunha titulación da Xunqueira”, ao igual que podería tamén ser sede de novas titulacións que poidan incorporarse á oferta académica do campus. 

Nesta planificación do futuro do campus pontevedrés inclúese así mesmo o proxecto de construír unha nova infraestrutura na parcela da antiga Tafisa, na que está inicialmente previsto realizar “un edificio modular” que albergue tanto a Facultade de Deseño como a de Dirección e Xestión Pública. “O convenio aínda non está asinado, pero contamos co apoio incondicional do Concello para a cesións deses terreos”, recalcou Reigosa. De feito, a construción deste inmoble, explicou, forma parte das propostas que a UVigo incluíu na súa solicitude ao plan de infraestruturas da Xunta de Galicia.  

Diferentes necesidades sobre a mesa

Coa idea tamén de incidir nesa idea de planificar o futuro do campus, Reigosa puxo sobre a mesa as diferentes “necesidades” do campus en materia do espazos. Por unha banda, sinalou, unha sede para a Facultade de Deseño, xa que está previsto que o Grao en Deseño poida comezar a impartirse o vindeiro curso. Inicialmente, a nova titulación arrancará no espazo destinado á Universidade no antigo Edificio Administrativo de Benito Corbal, mais esta será unha sede “temporal”, subliñou. Outra das necesidades sería a dun novo emprazamento para a Facultade de Dirección e Xestión Pública, que á súa vez implicaría “unha serie de remodelacións na Facultade de Comunicación”, coa que comparte edificio. Outra das necesidades é a ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, unha acción “xa comprometida e na que xa empezaron a traballar os arquitectos”, explicou o reitor. A estas súmase á súa vez a necesidade de espazos para a futura Facultade de Enfermaría, que agruparía con tres sedes aos actuais centros adscritos.

Do mesmo xeito, Reigosa sinalou tamén a posibilidade de que o campus puidese “incorporar algunha titulación adicional”, o que obrigaría tamén a pensar en que lugar se instalaría. Así mesmo, outra das opcións que podería valorarse para este espazo podería ser tamén a residencia de estudantes, apuntou. Como primeiro paso, desde a Vicerreitoría do campus traballan na elaboración dunha enquisa que se lle trasladará ao alumnado co obxectivo de “coñecer cales son as necesidades reais” de aloxamento na cidade por parte do estudantado. 

Nese senso, o propósito desta xuntanza era tanto coñecer a opinión dos membros do Consello respecto da proposta do Goberno galego como escoitar as súas primeiras ideas ao respecto. Nese senso, o informe do reitor viuse sucedido por unha rolda de intervencións nas que se incidiu, entre outras cuestións, nas “solucións a longo prazo” que podería achegar esta cesión en materia de espazos, así como a posibilidade de “ampliar as relacións coa cidadanía”. Non obstante, tamén se puxo de relevo a necesidade de que esa planificación do futuro teña en conta “os recursos humanos que temos e os que precisaremos”, como sinalou decana de Comunicación, Emma Torres. Así mesmo, o profesor Álvaro López Mira sinalou “que os prazos que dá a Xunta de dous ou tres anos non resultan cribles”, polo que avogou por “non cambiar as prioridades” pensando no tempo que poderían dilatarse os posteriores traballos de adecuación do inmoble no caso de levar adiante a cesión.