DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro en liña con responsables do ránking GreenMetric, un dos máis prestixiosos

Universidades españolas debaten en Vigo as principais medidas para lograr campus máis sostibles

Vigo posiciónase entres as 300 máis verdes a nivel mundial e ocupa o posto 12 en España

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Medio Ambiente
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/05/2024

Debater sobre como as universidades poden responder de maneira efectiva os retos da sostibilidade e explorar oportunidades para a innovación conxunta e a transferencia de boas prácticas entre universidades e cara a sociedade. Estes son os dous principais obxectivos co que este venres se celebrou en Vigo o I Encontro nacional das universidades españolas pola sostibilidade, unha xuntanza en liña organizada pola UVigo na que se contou coa participación dalgúns dos principais responsables do GreenMetric University Ranking, un dos máis prestixiosos a nivel internacional que avalía a sustentabilidade ambiental de máis de 1000 centros de ensino superior de todo o mundo.

O encargado de abrir a xuntanza foi o reitor, Manuel Reigosa, quen, ademais de darlles a benvida,  remarcou a importancia “deste tipo de enccontros nos que compartir experiencias e ideas sobre cara onde debemos camiñar para conseguir universidades cada vez máis sostibles”. Xunto a el compartiron espazo, no edificio Redeiras, o director da nova Oficina de Servizos Enerxéticos, o profesor Camilo J. Carrillo; a directora da Oficina de Medio Ambiente, Delfina Couce, e o profesor da Universidade de Vigo Xavier Labandeira, director do centro de investigación Ecobas, que foi o encargado de impartir a charla inaugural do encontro.

GreenMetrics mide o compromiso ambiental de máis de 1000 universidades de 84 países

En nome do GreenMetric University Ranking, contouse coa participación de dous dos seus responsables, docentes ambos da Universidade de Indonesia, a profesora Riri Friti Sari, e o vicepresidente da clasificación, o doutor Junaidi Junaidi. Ambos explicaron en detalle as características desta clasificación, “un ránking mundial que busca inspirar as institucións académicas porque todas e cada unha de elas ten cousas que ensinar e das que todas as demais poden aprender”, deste xeito destacaron a importancia de “traballar xuntos para lograr lugares mellores e poder así deixarlles ás xeracións futuras campus máis verdes”.

O doutor Junaidi explicou en detalle a historia do ránking e as principais categorías que avalía. Trátase, tal e como foi explicando, dunha iniciativa desenvolvida pola Universidade de Indonesia desde 2010  e que clasifica as universidades de todo o mundo segundo o seu compromiso e desempeño en sostibilidade e xestion ambiental.  “A idea é incentivar ás universidades a desenvolver políticas ambientais efectivas e mellorar a sostibilidade nos seus campus”, recalcou Junaidi.

Na edición de 2023 participaron no ranking 1183 universidades de 84 países, 29 delas españolas. Cada unha delas foi avaliada tendo en conta seis categorías: infraestruturas, que avalía os espazos amigables co medio ambiente da universidade, incluíndo a xestión de edificios sostibles e o uso de espazos verdes; enerxía e cambio climático, centrada no uso da enerxía renovable, a eficiencia enerxética e as políticas relacionadas coa redución da pegada de carbono; xestión de residuos; uso da auga; transporte e educación, e, por último, investigación en sostibilidade, onde se considera a incorporación da sostibilidade na docencia e na investigación, así como a promoción da conciencia ambiental entre o estudantado e o persoal.

A UVigo rebaixou un 30% a súa pegada de carbono en só tres anos

Nesta última edición do ránking a Universidade de Vigo acadou o posto 252, situándose entre as 300 universidades máis verdes a nivel mundial. A nivel europeo acadou a posición 74 de 295 e o 12 de 29 a nivel español. “Dende o 2008 a UVigo aumentou nos seus indicadores, sendo este incremento superior o 20% no cómputo global”, explicou Camilo Carrillo, que destacou como especialmente relevante o crecemento na área de Educación e Investigación (mais dun 40%), na xestión de residuos e nas infraestructuras (máis dun 30%). “A integración da UVigo neste indicador serve como motor para aumentar a sustentabilidade dos campus, cuxa pegada de carbono se rebaixou preto dun 30% nos últimos tres anos”, engadiu o responsable da Oficina de Servizos  Enerxéticos.

A nivel español encabeza o ránking a Universidade Complutense de Madrid (posto 35 a nivel mundial); a Universidade de Granada (posto 61 mundial) e a de Alcalá (posto 79). As tres participaron neste xuntanza, xunto con representantes das tres universidades galegas.

Solucións para a sostibilidade

Na charla inaugural o director de Ecobas, Xavier Labandeira, puxo o acento no lado económico de todas estas cuestións. Salientoulle ás persoas asistentes, profesionais con diferentes responsabilidades no eido da sustentabilidade nas  súas universidades, do papel do mundo académico na busca de solucións para a sostenibilidade e tamén da importancia de que o coñecemento universitario se transfira á sociedade. 

“Os economistas temos dito bastantes cousas en todos estes ámbitos e penso que unha das nosas achegas máis relevantes son os denominados prezos/impostos ambientais ou elementos similares como os mercados de dereitos de emisión”, explicou o investigador, quen defendeu a utilidade de todos estes elementos para defender a sostenibilidade, tamén desde as universidades. “No que se refire ás políticas medioambientais, centrándonos sobre todo en termos de descarbonización en 20 anos, é imposible pensar que imos conseguir os obxectivos que temos, tan ambiciosos e tan afastados nestes momentos, sen o uso deste tipo de instrumentos”.