DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xornada Universitaria Galega en Xénero celebrarase entre os días 10 e 11 de xuño

As universidades galegas analizarán o impacto da covid-19 na violencia de xénero e na traxectoria investigadora das mulleres

O prazo de presentación de comunicacións está aberto ata o 30 de abril

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/04/2021

Desde 2013, as oficinas de igualdade de xénero das universidades galegas traballan conxuntamente na organización da Xornada Universitaria Galega en Xénero, un punto de encontro e reflexión para o persoal docente e investigador que traballa con perspectiva de xénero. A sétima edición, que se celebrará entre os días 10 e 11 de xuño de xeito virtual, centrarase en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, ademais das crises social e económica derivadas da pandemia da covid-19, en dous eidos principalmente: a violencia de xénero e a traxectoria investigadora das mulleres. Paralelamente tamén se analizará a importancia de apostar por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.

Dende a organización agardan contar, como en edicións anteriores, con preto de 100 asistentes e arredor de 40-50 poñentes, aínda que barallan que ao optarse por un formato virtual estas cifras se poidan ver incrementadas. O prazo de presentación de propostas de comunicacións está aberto ata o 30 de abril.

Unha oportunidade para incorporar a mirada feminista ao coñecemento científico

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, como unha das responsables da organización, convida “a todas as nosas académicas e académicos a presentar os seus traballos de investigación neste ámbito. É unha marabillosa oportunidade para seguir incorporando a mirada feminista ao noso coñecemento e saber científico, e así impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica, intercambiar experiencias entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora e quen teña interese en incorporala, potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria”. Todos os traballos presentados e defendido recolleranse nunha publicación que disporá de ISBN.

O impacto da pandemia na violencia de xénero

Dada a excepcionalidade da situación actual, a pandemia non só obrigará a realizar as xornadas en modalidade virtual, senón que a covid-19 tamén será un fío condutor das temáticas. Así, un dos eixos centrais será a análise do impacto da pandemia na violencia de xénero. Segundo avanza Águeda Gómez, “a violencia de xénero e a súa inhumana crueldade non cesou durante a pandemia” con 43 asasinatos de mulleres e catro asasinatos dos fillos e fillas dalgunhas destas mulleres a mans das súas parellas ou exparellas ou pais en 2020. En 2021, son xa sete as mulleres asasinadas, ás que hai que engadir a filla dunha delas. A directora da Unidade de Igualdade agarda que este encontro “sirva para expoñer o traballo de investigación e análise das investigadoras neste senso e que permita reflexionar sobre por que este grave problema durante a covid-19 non cesou en ningún momento, pese á vulnerabilidade vital e o impacto social da mesma, que podería ter sido unha oportunidade para unha reflexión colectiva que, dalgún xeito, nos humanizara e nos fixera máis solidarios e solidarias entre todas nós”. 

Neste sentido, resalta que unha de cada tres mulleres sufriu acoso na rúa durante a pandemia en 14 países, segundo un estudo da consultora Ipsos e engade que haberá que esperar a outros estudos sobre este tema como o que están a desenvolver as profesoras do campus de Ourense María Lameiras e Yolanda Rodríguez. Tamén apunta que a demanda de prostitución tampouco cesou, “outra das formas máis extremas de violencia contra as mulleres, pese ao risco para a saúde e a vida”. Ademais, as xornadas tamén servirán para confirmar a sospeita de que a violencia machista dixital tamén se incrementou nos períodos de confinamento e semiconfinamento que nos obrigou a estar máis recluídos nas nosas casas”.

Os efectos da pandemia na traxectoria de investigación da mulleres

Outro dos temas principais que se abordarán nesta xornada é o impacto que a pandemia tivo na carreira investigadora das mulleres. Águeda Gómez remarca que a fenda de coidados foi máis que evidente nestes meses de confinamentos e teletraballo, “o que ocasionou unha sobrecarga de responsabilidades e tarefas nas mulleres que tiveron que sacrificar as súas horas de descanso, a súa saúde e o seu tempo propio en aras de poder compaxinar o traballo de coidado, reprodutivo e o traballo asalariado”. En concreto, nestas xornada abordarase o impacto no caso concreto das mulleres investigadoras, un feito que segundo Gómez “se vai notar a medio prazo, pois en moitos casos o confinamento (máis durante os primeiros meses) supuxo un parón significativo na súa produción científica que finalmente se traducirá en menos remuneración e peores condicións laborais”. Na súa opinión, isto vai provocar o aumento da fenda salarial “que xa existe entre mulleres e homes na academia, que estimamos que aumentará moi considerablemente nos próximos anos”.