DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promoverá a investigación no estudo da paisaxe como espazo histórico, económico e social

As universidades galegas asinan o convenio para a creación do Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 07/12/2021

Os reitores da USC, Antonio López Díaz; da UVigo, Manuel Reigosa e da UDC, Julio Abalde, asinaron este martes, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, o convenio de colaboración polo que as tres universidades galegas crean o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). O novo centro de investigación é resultado dun achegamento entre grupos de investigación de distintas disciplinas das Ciencias Sociais e as Humanidades á procura de entender e dar resposta a retos sociais que abarcan a posta en valor do patrimonio, a recuperación da memoria histórica e social, as políticas de inclusión, o entendemento dos cambios no territorio nas súas dimensións económicas e sociais, as súas formas de goberno ou a elaboración de solucións en co-desenvolvemento coa comunidade. A partir da consideración do territorio como espazo habitado, produtivo, visitado, gobernado e en transformación, o CISPAC encamíñase cara á xeración de coñecemento científico de excelencia a través da conformación dunha masa crítica de investigadoras e investigadores experta nas diferentes dimensións da paisaxe e dunha axenda científica especializada dirixida á consecución dos retos da sociedade. 

O CISPAC terá a súa sede principal no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, se ben tamén poderá contar con outros espazos nos campus galegos nos que estea situado o persoal investigador a el vencellado. Como centro interuniversitario, dependerá dos consellos de goberno das tres universidades e rexerase por un regulamento interno asinado polos seus representantes. A súa estrutura conta cun órgano de goberno, o Consello reitor, presidido de forma rotativa polas reitorías das tres universidade. Dispón, así mesmo, de tres órganos executivos, a Dirección Científica, a Dirección Adxunta e o Comité Científico; e de dous órganos consultivos, o Consello Asesor Científico Externo e o Consello de Transferencia.