DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades galegas dan un paso máis cara á ciencia aberta asinando un acordo coa editorial científica Wiley

A licenza permitirá que os investigadores, ademais de ler, poida publicar nas revistas do grupo

Tags
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 30/04/2021

O sistema universitario galego segue dando pasos de cara a xerar unha contorna que aposte pola ciencia aberta. En concreto, o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), constituído polas tres universidades e a Xunta de Galicia, participou activamente nos traballos que permitiron acadar o acordo transformativo entre Crue Universidades Españolas‐CSIC e a editorial John Wiley & Sons. Este tipo de alianzas con editoriais científicas teñen como finalidade “transformar” o modelo de pago de licenzas por “ler” ao pago por “ler e publicar en acceso aberto”. Deste xeito, as universidades achéganse un pouco máis ao obxectivo final de publicar os resultados da investigación científica en modo de acceso libre, contribuíndo así ao crecemento económico, á competitividade, á innovación, á creación de traballo e ó progreso da sociedade en xeral mediante un novo modelo de facer e difundir a ciencia (Open Science). 

Ás universidades este acordo permítelles dispoñer de acceso de lectura a todas as revistas científicas de Wiley, ao tempo que impulsa o aumento das publicacións dos seus investigadores en acceso aberto. Ademais, estímase que habilitará o acceso aberto, eliminando o custo de APC (Article Procesing Charges), a preto das dúas terceiras partes dos artigos publicados polas institucións participantes nas revistas científicas do editor con modelo de subscrición que ofrecen esta posibilidade coma opción (Híbridas). O acordo estende a súa vixencia aos artigos que vaian a ser publicados en 2021 sempre que foran aceptados despois do 1 de xaneiro de 2021.

A Biblioteca Universitaria será a encargada de xestionar as solicitudes e ofrece soporte e asesoramento. Nos vindeiros días estará dispoñible unha guía que recollerá as características deste acordo, o procedemento a seguir e os requirimentos para beneficiarse destas axudas. Mentres, calquera consulta poder dirixirse a accesoaberto.biblioteca@uvigo.es