DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura este xoves dun convenio de colaboración

As universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba dan continuidade á súa cátedra no ámbito TIC

O seu obxectivo é potenciar o sector desde unha perspectiva de xénero

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Reitora
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 10/09/2026

A finais do ano 2019, a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña e a empresa Aldaba puxeron en marcha a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC pero facéndoo desde unha perspectiva de xénero. Este xoves, as tres entidades asinaron o convenio de colaboración que renova por catro anos máis a actividade desta cátedra. 

Fomentar a igualdade 

No acto de sinatura, Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, subliñou que esta cátedra é “un exemplo de éxito” na cooperación interuniversitaria e co sector empresarial, destacando a necesidade deste tipo de iniciativas “para facer una sociedade cada vez máis xusta e igualitaria”. Como muller e como enxeñeira de Telecomunicacións, a reitora sinalou a importancia de que “neste mundo no que aínda hai que proseguir a igualdade entre homes e mulleres, o foco desta cátedra sexa a potenciación das vocacións femininas no mundo das TIC”. A reitora quixo igualmente agradecer aos socios da cátedra e ás persoas implicadas no seu desenvolvemento o traballo feito ata o de agora e o seu compromiso con esta iniciativa. 

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, coincidiu nestes agradecementos e na posta en valor dunha cátedra que, dixo, “representa moi ben o que deben ser as cátedras institucionais, espazos de colaboración real entre universidade e empresa ao servizo da sociedade”. O responsable académico destacou “a actividade intensa” desenvolvida por esta cátedra desde a súa creación “para achegar oportunidades e referentes ao noso estudantado”. Malia aos avances acadados, dixo, “os desafíos continúan presentes” e lembrou que a presencia de mulleres en estudos de enxeñaría informática ronda só o 14%. A renovación do convenio celebrada este xoves, afirmou, “é unha aposta polo talento sen barreiras, pola igualdade de oportunidades e por un sistema tecnolóxico e innovador máis diverso e forte”. 

Pola súa banda, Enrique Fernández, socio-conselleiro Aldaba, afirmou que na súa empresa están “enormemente satisfeitos” co desenvolvemento da cátedra, á que teñen destinado máis de 150.000 euros desde 2019, e adiantou o seu compromiso por “seguir apostando por esta colaboración no futuro”. Con este tipo iniciativa sinalou que a consultora quere “devolver á sociedade o que a sociedade nos ten dado a nós como empresa”. As TIC, lembrou, “cada vez son máis imprescindibles en calquera sector de actividade” e, afirmou, “vemos con preocupación desde fai tempo que as mozas non se vexan motivadas por este mundo, que estean quedando á marxe”. Neste senso, o responsable empresarial advertiu das consecuencias de que esta situación se mantén “a IA que está movendo neste momentos os fíos e que vai a seguir movéndoos no futuro terá sido deseñada maioritariamente por homes”, cos nesgos que iso supón.

Por último, Alma Gómez Rodríguez, directora da cátedra pola Universidade de Vigo, puxo en valor o traballo feito ao abeiro deste órgano desde a súa posta en marcha e a súa contribución a que “a tecnoloxía sexa cada vez máis de todos e non estea nesgada por un xénero”. E Virginia Mato, directora da cátedra pola Universidade de Coruña, destacou a importancia desta alianza entre a universidade e a empresa para contribuír a ter “un sector TIC cada vez máis diverso e plural”. 

Actividades de formación, investigación e divulgación

A finalidade desta colaboración é “promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario; mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa e fomentar a formación continua, a innovación e a investigación”. Os centros de adscrición da cátedra seguirán sendo a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, na Universidade de Vigo, e a Facultade de Informática, na Universidade da Coruña. O convenio, que terá unha duración de catro anos, establece que a dotación anual da cátedra será de 20.000 euros, achegados pola empresa Aldaba. 

A Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business ten como obxectivo principal potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por un lado, promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e, por outro, establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa. Ao abeiro deste obxectivo, as liñas de actuación estratéxicas da cátedra continuarán sendo a formación, a investigación e a divulgación. Así, o convenio establece a realización de actividades e proxectos en forma conxunta nestes eidos de actuación que resulten de interese para as institucións implicadas. 

En formación, o convenio asinado este xoves contempla a realización de actividades como un programa de bolsas en prácticas para estudantes ou recentemente titulados e tituladas dos dous centros participantes; e a posta en marcha de actividades formativas, dirixidas a estudantado, que pretenden capacitar, especializar e/ou actualizar as competencias de valor no ámbito TIC empresarial. Tamén inclúe a organización de seminarios ou conferencias relacionadas con prácticas de excelencia tecnolóxica, impartidos por profesionais ou responsables de departamentos TIC de empresas de primeira liña no tecido empresarial galego; a colaboración na proposta de traballos fin de estudos e de titorización de estudantes dende a empresa e axudas a alumnas  para a súa asistencia a congresos tecnolóxicos.

Polo que respecta a actividades de investigación e transferencia, o convenio establece desenvolver liñas de investigación conxuntas; cooperación para emprender e desenvolver proxectos de investigación en programas rexionais, nacionais ou europeos; e a posta en contacto das empresas con necesidades innovadoras no campo das TIC e grupos de investigación das universidades. Por último, en divulgación cítase a realización de actividades, en colaboración con administracións públicas, para dar a coñecer e facer visible a participación das mulleres no sector das TIC, dirixidas principalmente a estudantes de colexios e institutos; a publicación en redes sociais e medios on-line de temas de interese no ámbito da cátedra e a divulgación das actividades da cátedra a través da páxina web e diferentes medios.

Balance do feito ata agora

O convenio asinado agora permitirá dar continuidade ás actividades desenvolvidas ao longo destes anos pola cátedra, que estiveron articuladas arredor dos tres citados grandes eixes de actuación: formación, investigación e divulgación. No ámbito formativo e de investigación, desde a cátedra destacan entre as iniciativas feitas o campamento tecnolóxico para a rapazada Aldaba-TIC Camp; o ciclo de charlas Aplicacións prácticas das TIC na empresa, nos campus de Ourense e A Coruña, e o programa de bolsas Aldaba-WIB. No ámbito da investigación, sobresae o barómetro BBG-TIC (wib.aldaba.es/bbg-tic), feito para analizar a fenda de xénero nas titulacións tecnolóxicas galegas. Ademais, as actividades de divulgación e a sensibilización incluíron charlas en institutos, a participación en feiras de emprego e a publicación de novas de impacto social e educativo.  Así mesmo, fíxose a convocatoria de premios específicos, como galardóns ao mellor traballo fin de grao ou un certame de vídeos pola igualdade. O programa completouse con colaboracións externas en eventos como o Congreso XoveTIC e a feira científica eXXperimenta en Feminino, “consolidando o compromiso coa visibilización do talento tecnolóxico e a igualdade de xénero”.