Contan para facelo cunha axuda de 90.000 euros do Ministerio de Ciencia
UVigo e Academia de Cine poñen en marcha diferentes iniciativas conxuntas para mellorar a accesibilidade do audiovisual español
Inclúense cursos de formación, únicos en España, e a creación da primeira base de datos de cine acce
O grupo Galma -Galician Observatory for Media Accessibility- da Universidade de Vigo, liderado polo investigador Pablo Romero, leva anos traballando para visibilizar e potenciar a diversidade e inclusión na industria audiovisual. Desde hai uns meses contan para facelo cun novo aliado, nada máis e nada menos que a Academia de Cine. Froito desta unión puxeron en marcha o primeiro curso de formación de coordinadores e coordinadoras de acceso en España, unha nova figura profesional cuxa principal función é encargarse de todos os temas de accesibilidade dun filme, desde que arranca o proceso creativo ata que se distribúe ás salas. Agora, reforzados cunha axuda de 90.000 euros concedida polo Ministerio de Ciencia dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Investigación, están a organizar toda unha serie de novas iniciativas destinadas a garantir a accesibilidade da industria cinematográfica española.
A idea do grupo Galma non se limita a formar ás persoas que se encargan do subtitulado para persoas xordas ou da audiodescrición para cegos/as, senón que vai moito máis aló. O labor deste novo perfil profesional, xa asentado noutros países europeos, baséase en tres aspectos fundamentais: a participación, a representación e a accesibilidade das propias persoas discapacitadas no cine. “Se ti traballas como coordinador ou coordinadora de accesibilidade tes que garantir que calquera persoa que teña unha discapacidade poida traballar na produción dunha película, en calquera dos seus roles; que se hai personaxes con discapacidade sexan retratadas sen estereotipos e, por último, que desde que se inicia o proceso de creación ata que se distribúe o filme se teñen en contan os temas de inclusión e diversidade”, explica Pablo Romero.
Defenden pois que todas as cuestións relativas á accesibilidade se teñan en conta desde o minuto cero, desde o propio momento no que se pon en marcha o proceso de creación. É un cambio de concepción que pon sobre a mesa a necesidade de dotar a esta industria de novos profesionais capacitados para levar a cabo este labor.
Cine accesible, moito máis aló do subtitulado e a audiodescrición
“Tradicionalmente as medidas de accesibilidade só se tiñan en conta ao final, era, e segue a ser na maioría dos casos, un engadido cando a película xa está finalizada e hai que distribuíla”, salienta Romero, ao tempo que explica que isto provoca que, ao seren cuestións engadidas ao final, non se fan en colaboración co equipo creativo, o cal pode ter un impacto no produto final. “Nós o que promovemos é a integración da accesibilidade desde o principio, que haxa unha colaboración entre o equipo creativo e o de accesibilidade, de maneira que estea planificado desde o comezo como vai chegar esa película a unha persoa xorda, cega ou a espectadores que por diferentes motivos precisen accesibilidade”, salienta o investigador.
Levan anos traballando en todos estes temas e toda esta experiencia traduciuse xa en moitos traballos previos realizados en colaboración con empresas como Neftlix, diferentes cadeas de televisión, institucións e organismos de diferentes países, incluído o Parlamento europeo, e agora a colaboración céntrase na Academia de Cine.
A formación das e dos coordinadores de acceso recae na UVigo
Romero explica que no Reino Unido esa figura creouse hai uns anos e está xa moito máis consolidada. Non obstante, as súas funcións non son tan amplas como as que se formulan a nivel español. Alí só se ten en conta a representación e a participación de persoas discapacitadas, pero non as diferentes medidas de accesibilidade como o subtitulado ou a audio descrición, mentres que aquí, “pola contra, si se teñen en conta todas estas cuestións”.
O primeiro curso de coordinación de acceso realizouse en liña durante tres meses na primavera de 2024. “Foi unha experiencia moi enriquecedora, pero tivemos o inconveniente de que todos os participantes eran persoas non discapacitadas e a nós gustaríanos promover que haxa persoas cegas e xordas que poidan traballar nisto, porque, se non é así, seguimos promovendo un mundo un tanto capacitista no que somos nós, as persoas sen discapacidade, as que decidimos por eles e elas”, recalca Romero.
Novos cursos pensados para persoas con discapacidade
Na actualidade España conta só con 20 coordinadores/as de acceso, as 20 persoas que se formaron coa UVigo en 2024, e o obxectivo é ir incrementando progresivamente este número. Sumarán a este curso toda unha serie de iniciativas dirixidas a consolidar este novo perfil profesional, pero tamén a facelo máis accesible, de maneira que sexan as propias persoas discapacitadas as que poidan exercer ese tipo de responsabilidade.
Para conseguilo teñen planificado diferentes accións que se levarán a cabo desde este mes ata xuño. As actividades arrancaron a a pasada semana cunha xornada na sede da Academia de Cine en Madrid á que asistiron coordinadores e coordinadoras de acceso doutros países para expor a súa experiencia, “o que nos axuda a definir o mellor xeito de facelo no noso país”.
A segunda iniciativa será unha semana de formación presencial sobre participación e representación da discapacidade en cine e, xa logo, comezarán dous novos cursos en liña, dos que, de novo, tamén se encargarán desde Galma. Son dúas formacións de tres meses, unha sobre audiodescrición para persoas cegas e outra sobre subtitulado para persoas xordas, dirixida especificamente a persoas con discapacidade .
En canto á irrupción da Intelixencia Artificial en todo este proceso, Romero considera que na actualidade se está nese intre no que “os asiste ou os reempraza”. Nesta liña destaca que é posible que nalgún intre a IA empece a substituír ao especialista nalgunha tarefa de tradución ou accesibilidade, pero, máis aló diso, desde Galma están a crear “un oco para o que o humano é absolutamente necesario: o labor de coordinación, colaboración e cocreación da accesibilidade co equipo creativo das películas. Iso non se pode substituír por unha IA”.
Base de datos coas 900 películas inclusivas da historia do cine
Os resultados de toda esta formación, que é a primeira vez que vai levar a cabo en España, presentaranse de maneira coordinada coa Academia de Cine no seu Campus de Verán o vindeiro mes de xuño, intre no que tamén darán a coñecer unha base de datos na que están a traballar na actualidade e na que se recollen preto de 900 obras de toda a historia do cine na que se tivo en conta a accesibilidade desde o principio, “de maneira que se poidan ver exemplos concretos de como se fai isto”.
A maiores, a idea é presentar tamén neste mesmo campus unha Guía de cine accesible en liña dirixida a todas aquelas persoas que non se poidan formar pero que queiran ampliar os seus coñecementos sobre o tema.