Co gallo da celebración da feira Study in Spain en Casablanca, Rabat e Tánxer
A UVigo amosa a súa oferta de grao e posgrao ao estudantado marroquí na procura de máis alumnado internacional
Máis dun cento de estudantes do país alauita están matriculados na UVigo
Por segundo ano consecutivo a Universidade de Vigo está presente na feira Study in Spain, que o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) organiza nas cidades marroquís de Casablanca, Rabat e Tánger. Durante catro días, os representantes da Vicerreitoría de Internacionalización da UVigo, Santiago Pozo e Óscar Ferreiro, promocionan entre o alumnado marroquí a oferta académica de grao e posgrao da institución académica viguesa.
“A UVigo decidiuse participar de novo nesta feira porque o ano pasado foi a primeira vez que asistimos e tivemos moi boas sensacións. Alén de máis, trátase dun punto estratéxico de captación no que participan máis de 20 universidades españolas”, sinala Óscar Ferreiro, director da Área de Plurilingüismo, que explica que o marroquí “é un estudantado que coñece moi ben o sistema educativo español e, así mesmo, en Marrocos existen once centros de ensino de titularidade española, con alumnado marroquí e español, fillos e fillas de persoas traballadoras españolas no país alauita, o que facilita unha continuidade natural dos seus estudos universitarios en España”.
Razóns ás que se engaden que, Marrocos ten unha poboación cunha media de idade moi nova e o desenvolvemento económico dos últimos anos está facer posible que unha parte importante da clase media valore a posibilidade de realizar a formación universitaria en Europa, sendo España un dos países con maior atractivo polos aspectos culturais, históricos e de colaboración. Ademais, o goberno marroquí está a promover dende hai anos a implantación do estudo do español nos centros de estudos secundarios.
Máis dun cento de estudantes marroquís na UVigo
No curso 2025/2026, 105 estudantes de Marrocos cursan titulacións de grao na UVigo, aos que suman un de mestrado e outro de doutoramento, unhas cifras que desde a Vicerreitoría de Internacionalizacion se aspira a incrementar a través de accións como a participación en Study in Spain. “Agardamos unha resposta moi positiva. Na edición pasada puidemos comprobar que o alumnado estaba moi entusiasmado e con moitas ganas de estudar en España. Trátase, ademais, de estudantes cunha boa capacidade para aprender varias linguas, xa que Marrocos é un país multilingüe, o que facilita a súa adaptación académica”, explica Óscar Ferreiro. Un interese do alumnado marroquí que se ve reforzado tamén polos fortes vínculos familiares con España, xa que moitas e moitos destes estudantes teñen familiares en España. “Tal e como sinalou o conselleiro de Educación de España, arredor dun millón de persoas marroquís viven actualmente en España, e esa rede social e familiar anima a que os seus familiares aposten por cursar estudos nas universidades españolas”, sinala o director da Área de Plurilingüismo da UVigo.
5000 visitantes na feira
O SEPIE organiza a feira Study in Spain, á que asisten uns 5000 estudantes, dende hai anos e considera o Magreb unha rexión de interese para a captación de estudantes internacionais. O número de estudantes marroquís en universidades españolas continúa medrando cada ano e xa constitúe o grupo máis numeroso de estudantes internacionais despois dos procedentes de países non iberoamericanos e non UE.
