DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo grupo HealthyFit, co financiamento do Concello e da Xunta de Galicia

A UVigo analizará o perfil físico e sociocognitivo das persoas maiores de Sanxenxo, nun estudo pioneiro

O proxecto completarase cunha aplicación para un seguimento individual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/05/2026

O grupo de investigación HealthyFit desenvolverá en Sanxenxo un estudo pioneiro en España, consistente na realización dunha análise do perfil físico e sociocognitivo das persoas maiores residentes neste municipio. Financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e polo Concello de Sanxenxo, esta investigación permitirá dispor dunha ‘radiografía’ das persoas de máis de 65 anos residentes nas sete parroquias deste municipio, con información sobre a súa condición física, o seu estado cognitivo e a súa rede social. O proxecto abranguerá tamén o desenvolvemento dunha aplicación web para a realización dun seguimento individual.

A iniciativa foi presentada este venres no Concello de Sanxenxo polo alcalde, Telmo Martín; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, investigador principal do grupo HealthyFit. “O que se pretende con este proxecto de investigación é mellorar a calidade de vida dos maiores das sete parroquias de Sanxenxo”, salientou Cancela nesta presentación, na que Martín puxo o foco en que as persoas maiores de 65 anos representan máis do 26% da poboación total deste concello. De aí que o obxectivo do proxecto, subliñou o rexedor, sexa “mellorar a súa atención e responder ás súas necesidades”. Nesa mesma liña, a conselleira apuntou que esta iniciativa “axudará a coñecer o que queren os maiores de 65 anos de Sanxenxo, porque cada núcleo de poboación é diferente e precisa de cousas diferentes”. Fabiola García destacou a aposta do Concello de Sanxenxo por un modelo de envellecemento máis activo, saudable e participativo, sinalando que este proxecto constitúe "unha iniciativa única en Galicia", que permitirá realizar "unha foto fixa sobre a poboación maior do Concello, axudando a deseñar as políticas e os servizos municipais".

Preto de 400 avaliacións

Esta “caracterización do perfil da persoa maior residente en Sanxenxo” implicará a realización dunhas análises que abrangan tanto aspectos “funcionais e cognitivos” como outros relativos “á cohesión social”. explica Cancela, integrante tamén do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega). Con ese propósito, o grupo HealthyFit levou a cabo en primeiro termo “un estudo piloto” dirixido a validar as ferramentas de avaliación, que agora se empregarán para realizar valoracións dunha "mostra estratificada por idade e sexo” de preto de 400 veciños e veciñas das parroquias de Noalla, Vilalonga, Adina, Nantes, Padriñán, Bordóns e Dorrón. Esta investigación centrarase en avaliar diferentes aspectos relacionados coa condicións física, a autonomía funcional, o estado cognitivo e afectivo, así como a contorna social das persoas participantes, prestando especial atención a posibles situacións de illamento ou soidade non desexada.

O obxectivo, explica Cancela, é coñecer "que perfil” hai en cada unha das parroquias e “identificar posibles actuacións”, o que á súa vez permitirá ao Concello comprobar se os programas que se desenvolven nos diferentes núcleos de poboación “axústanse ou non as necesidades” das e dos maiores, “e a partir de aí, realizar un plan de mellora”. Do mesmo xeito, esta recollida de datos verase complementada polo desenvolvemento dunha aplicación web que permitirá a cada participante consultar os seus resultados e comparalos con persoas de características similares.