DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mercedes Siles reuniuse hoxe con Manuel Reigosa e o seu equipo de goberno

UVigo e Aneca reforzan a súa sintonía e o seu compromiso para seguir traballando de xeito conxunto

“A UVigo vaise sumar a todas as iniciativas que saían da Aneca”, asegura o reitor

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/01/2022

A Universidade de Vigo incorporouse este mediodía á relación de institucións de educación superior que a directora da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación, Aneca, Mercedes Siles Molina, está a visitar co obxectivo de trasladarlles de primeira man o traballo que a Axencia desenvolve para contribuír á mellora do sistema universitario español, así como para intercambiar impresións sobre posibles melloras que se poidan levar a cabo. “Foi un encontro moi en sintonía. Falamos da visión que ten a UVigo da Aneca, en que podemos traballar de xeito conxunto e os proxectos que temos en Aneca. O reitor, Manuel Reigosa, fixo unha valoración dos mesmos e a verdade é que estamos en moi boa sintonía e creo que avanzaremos moito conxuntamente”, asegurou a directora da Aneca, que estivo acompañada na súa visita á UVigo por Jose Miguel Tuñez, responsable de Audiovisuais da Axencia e docente da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, o reitor da UVigo agradeceu que por vez primeira, “alguén do primeiro nivel de Aneca  visite as universidades públicas e comente con nós as inquedanzas que teñen en mente e nas que están a traballar, que creo que están moi ben encamiñadas para facer que a universidade española sexa aínda mellor”, sinalou Reigosa, que aínda que incide no bo posicionamento das universidades galegas a todos os niveis, sinala que “aínda queremos chegar máis lonxe e ademais, como di a directora, que se saiba, tamén hai que comunicar non só facer”. Finalizada a reunión que este mediodía mantivo coa directora da Aneca e antes da que Siles tivo con parte do equipo de goberno, o reitor confirmou que “ a UVigo vaise sumar a todas as iniciativas que saian da Aneca. Algúns dos proxectos que xa están en marcha xa os coñecía e outros gústanme moitísimo, así que espero que supoñan unha mellora e un incentivo para traballar aínda mellor por parte das universidades españolas”, detalla o reitor. Reigosa considera ademais que hai un cambio substancial nos procesos de captación de profesorado desde que funciona a Aneca, “que eu creo que é unha parte importantísima do sistema”, asegurou o reitor da UVigo. 

Cumprindo obxectivos á fronte a Aneca 

Logo de 18 anos centrada no obxectivo de contribuír á mellora da calidade do sistema de educación superior mediante a avaliación, certificación e acreditación de ensinanzas, profesorado e institucións, a Aneca pasou a ser dirixida hai case dous anos por Mercedes Siles, que destaca que “se van cumprindo os obxectivos marcados cando accedín ao cargo. Fixemos un plan de traballo fundamentalmente para mellorar todo o que Axencia estaba a facer, cunha mirada global: a nivel interno de todos os programas da Axencia  e a nivel externo para conseguir que se mirase Aneca como un ente que posibilitase a mellora no espazo de educación superior”, detalla a directora. Siles asegura que “pouco a pouco imos mirando melloras e imos traballando para acortar tempos, para ser transparentes, para dar mellor servizo publico e pouco a pouco eu creo que si conseguimos cousas”, afirma.

Mercedes Siles destacou que o principal obxectivo que o seu equipo e ela tiñan era o facer un plan de dixitalización da Aneca e “o ano pasado tivemos por vez primeira sede electrónica propia e esta é unha das pezas clave para que Aneca poida ser unha axencia eficaz. A medio prazo temos posto en marcha o Espazo Aneca para crear todo tipo de oportunidades de colaboración entre a Axencia e as universidades para mellorar o noso sistema”, explica a directora. 

A Aula Aneca , con toda a formación que ofrece a Axencia en programas como Docentia ou Audit Internacional de aseguramento interno da calidade, ou toda a formación dirixida ao persoal que colabora para facer avaliación, son outras accións que destaca Mercedes Siles, que tamén apunta a iniciativa, a través da Aula Aneca, para dar formación a doutorandos novos. “O proxecto piloto ímolo facer nuns días en Lugo, onde teremos un encontro con todos os doutorandos das universidades galegas e creo que vai ser un proxecto moi bonito”, asegura a directora da Aneca.