DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dous cursos para fomentar a presenza da Axenda 2030 nos TFG e TFM e en programas de voluntariado

A UVigo anima os estudantes a converterse en axentes de cambio

Celebraranse a través da plataforma Moovi do 1 ao 28 de febreiro

Tags
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 21/12/2020

De cara ao segundo cuadrimestre, a Vicerreitoría Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación quere impulsar o coñecemento e a implicación da comunidade universitaria sobre a Axenda 2030. Con este fin, pon en marcha dous cursos dirixidos ao alumnado para, por unha banda, fomentar esta temática nos traballos fin de grao e fin de mestrado e, por outra, para implicalos no voluntariado arredor destes contidos.

Dende a Área de Responsabilidade Social e Cooperación, a súa responsable, Henar Quintas, explica que se trata de consolidar o coñecemento da Axenda 2030 e trasladar os retos que representa ás aulas, fomentando investigacións centradas no seu estudo e poñendo en marcha políticas que contribúan a un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente son prioridades para a universidade de Vigo. Ambos cursos están destinados a estudantes da UVigo e son totalmente gratuítos. Impartiranse en modalidade virtual a través da plataforma Moovi dende o 1 ata o 28 de febreiro, cunha duración 30 horas e o recoñecemento de 1 ECTS . O prazo de prescrición está aberto ata o día 30 de xaneiro.

Potenciar a investigación e o voluntariado 

Por unha banda, o curso de Elaboración do TFG/TFM en perspectiva Axenda 2030 e Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento pretende dar a coñecer a Axenda 2030 e  fomentar a investigación nesta materia, así como en cooperación e responsabilidade social universitaria. Está organizado en catro módulos: Axenda 2030 e obxectivos de desenvolvemento sostible: que podes facer ti?; Elaboración de traballos de investigación; Citación e referencias bibliográficas e A defensa oral. Cada un deles comprende materiais de lectura, vídeos, pílulas explicativas e distintas actividades. Ademais, o alumnado disporá de titorías individualizadas a través de videoconferencia e foro de dúbidas.

O segundo curso, de Axenda 2030. Axentes do Cambio, está dirixido ao alumnado da Universidade de Vigo que teña un forte compromiso coa protección do medio ambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo. Posibilitará que o alumnado inscrito se achegue á Axenda 2030 e aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) dun xeito práctico incidindo en aspectos tales como a igualdade, a protección do planeta e o desenvolvemento sostible e inclusivo. Este curso compleméntase cun proxecto de voluntariado Axenda 2030. Axentes de cambio que se vai poñer en marcha no vindeiro mes de marzo “para o que buscamos estudantes comprometidos que, ademais de recibir 1 ECTS, queiran contribuír a cambiar o mundo desvelando aos seus compañeiros os elementos esenciais da Axenda 2030 e participar na organización de actividades”, explica Henar Quintas, directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación. Ambas actividades poden facerse de forma independente.