DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ocupa o posto 25 na clasificación das institucións estatais

A UVigo ascende ata o posto 308 no ránking QS de universidades europeas

Sostibilidade e redes de investigación internacionais seguen a ser os indicadores mellor valorados

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • HR
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 29/01/2026

A Universidade de Vigo mellora os seus resultados na nova edición do QS World University Rankings: Europe. A institución académica viguesa ascende ao posto 308 desta clasificación continental que avalía máis de 950 institucións de toda Europa e sube 14 postos respecto da edición de 2025, na que ocupaba o posto 322. 

O ránking, feito público este mércores por QS Quacquarelli Symonds, emprega 12 indicadores de desempeño académico, científico e innovador. A Universidade de Oxford lidera a listaxe e acada o 100% dos puntos posibles en cinco destes indicadores.

Sustentabilidade e redes de investigación internacionais, os puntos fortes

O ascenso da Universidade de Vigo débese principalmente á mellora dos seu resultados en dous eidos, sostibilidade e redes de investigación internacionais, que son ademais os indicadores nos que a UVigo obtén os seus mellores resultados. Así, mentres a institución acada o posto 308 na clasificación global, en sostibilidade ocupa o posto 166 (87.3 puntos sobre 100), dous postos máis arriba que na edición anterior. No que respecta á redes de investigación internacionais, sitúase no lugar 185 (74.9 puntos), subindo tres postos respecto de 2025.

No que se refire ao resto dos indicadores, a UVigo sitúase no posto 219 en estudantes de intercambio entrantes; no 222 en artigos por facultade; no 248 atendendo aos estudantes de intercambio saíntes; no 297 en reputación académica; na franxa 301+ en reputación do empregador e no 328 no que se refire ás citas por artigo. Nos outros aspectos avaliados (inserción laboral, ratio de estudantes por facultade, ratio de docentes internacionais e diversidade de estudantado internacional ) a UVigo queda na franxa de máis de 400.

Posto 25 entre as mellores universidades de España

O QS World University Rankings: Europe 2026 tamén permite realizar unha clasificación por países, que no caso de España a UVigo ocupa o posto 25 dun ránking liderado pola Universitat de Barcelona, seguida da Universitat Autònoma de Barcelona e da Autónoma de Madrid. Xunto coa Complutense de Madrid e a Pompeu Fabra, estas cinco universidades entran no top 100 das universidades europeas.

As mellores universidades do continente 

A Universidade de Oxford lidera a clasificación nesta nova edición de QS World University Rankings: Europe cunha puntuación perfecta de 100 puntos sobre os 100 posibles. A universidade inglesa supera así á ETH Zurich e ao Imperial College de Londres, no segundo e terceiro lugar, respectivamente. Destacan os resultados de Reino Unido, que sitúa sete das súas  universidades entre as 10 mellores deste ano, sendo a ETH de Zúrich, en segundo lugar, a mellor universidade do resto de Europa. A francesa Université PSL ocupa o posto 8 e a EPFL – École polytechnique fédérale de Lausanne o 10.

Nesta edición, o ránking comprende a análise de 958 institucións de toda Europa empregando 12 indicadores de desempeño. Están representados 42 países e territorios e os resultados amosan un movemento significativo na táboa, con 291 institucións recentemente clasificadas e con Irlanda como o país que máis mellora os seus resultados, cun 87,5% das súas universidades ascendendo.