Este xoves celebrouse unha xornada sobre as Accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA)
A UVigo busca docentes dispostos a converterse en ‘supervisores científicos’ de talento internacional
O seu papel é guiar e apoiar ao persoal investigador estranxeiro que chegue con este programa da UE
“Vale a pena investir en xente con ideas excelentes, xente que trae novidades e paixón por investigar”. Con esta idea de fondo, este xoves celebrouse no campus unha xornada informativa organizada desde a Oficina de Proxectos Internacionais co obxectivo de pór ao día ao persoal investigador sobre as múltiples oportunidades que ofrece a convocatoria europea Marie Skłodowska-Curie Actions Postdoctoral Fellowship (MSCA PF), unha “excelente oportunidade” para atraer talento internacional aos grupos de investigación, institutos e centros de investigación da Universidade de Vigo.
Tal e como se explicou durante o evento, o obxectivo principal das Accións Marie Skłodowska-Curie é promover a mobilidade internacional, a formación e o desenvolvemento do persoal investigador e, no caso concreto do programa MSCA PF, búscase mellorar o potencial creativo e innovador de investigadores e investigadoras con experiencia posdoutoral financiando proxectos individuais e ofrecendo unhas condicións laborais moi atractivas. Por unha banda, hai un investigador/a que solicita unha estancia internacional e, pola outra, un investigador/a local que o acolle, exercendo o papel de supervisor científico, de maneira que ambas partes se beneficien e enriquecen. A figura do supervisor é a que se encarga de acoller, guiar e apoiar ao investigador internacional durante todo o proxecto, e nesta figura, precisamente, e na que centrou a xornada deste xoves.
“Unha cuestión non só de prestixio, senón, sobre todo, de futuro”
“En 2024 organizamos unha actividade orientada ás persoas solicitantes dunha axuda e este ano quixemos centrala nas solicitudes para ser supervisor/a científica”, indicou na apertura do evento a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen salientou a necesidade de atraer talento á UVigo, “unha cuestión non só de prestixio, senón, sobre todo, de futuro”. Desde o seu punto de vista, acoller persoal Marie Curie “é un xeito de investir en persoas con traxectorias excelentes, con moi boas ideas e paixón pola investigación”, e, neste senso, destacou a importancia de contar na UVigo con persoal supervisor para conseguir atraer talenteo. “Exercer como supervisor é todo un privilexio e, á vez, tamén unha responsabilidade, xa que elas e les son as persoas encargadas de acompañar a estes científicos, darlles acubillo na Universidade e tamén guialos de cara a conseguir unha continuidade na institución”, explicou a vicerreitora.
Xunto á vicerreitora, a apertura da xornada contou coa participación da directora da Área de Proxectos Internacionais, Sabela González; as técnicas da OPI, Ana F. Mosquera, que explicou os aspectos clave da convocatoria, e Adriana Santos, que se centrou nos servizos de apoio que atoparán na OPI as persoas interesadas en presentarse á convocatoria .
Ademais interviñeron tamén Mª José Mariño Fontela, directora da Área de Talento e Transferencia da Axencia Galega de Innovación, GAIN; representantes da Asociación de Alumnos Marie Curie (MCAA) e o profesor da UVigo Félix Freire, responsable do grupo de Materiais Quirais do CINBIO, que achegou a súa experiencia como supervisor.
Oportunidade única para internacionalizar os grupos de investigación
A través de todas estas intervencións, informouse ao PDI da UVigo dos detalles da convocatoria para supervisores/as -responsabilidades, implicación na proposta, perfil requirido- , así como información sobre o apoio que van a atopar na OPI a todo este proceso, tanto na busca de candidatos como na elaboración de propostas. “Desde a OPI cremos fundamental informar ao noso PDI para que saiban o que supón ser persoa supervisora, para que atopen nas MSCA PF a oportunidade, que son, para poder atraer novo talento”, explicaron desde a OPI.
“É unha convocatoria moi importante xa que os científicos que se incorporan ao grupo de investigación son altamente cualificados e pasaron un filtro moi importante, non só eles, senón tamén os seus proxectos, e aí ten que haber unha sinerxía moi grande entre a persoa que vén e o propio grupo”, explicou o docente vigués Félix Freire, supervisor dun investigador Marie Curie procedente da India. O máis importante desde o seu punto de vista é que ambas partes, investigador/a visitante e grupo que acolle, teñan “liñas de traballo complementarias para que así se beneficien ambas partes, a persoa que vén e o equipo que o acolle”.