DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola recibirá neste acto o distintivo de galeguización Gal Ego

A UVigo celebrará o martes o Día das Letras Galegas 2026 na EE Minas e Enerxía

Paula Carballeira, o dúo Pärbo e a entrega de premios protagonizarán a homenaxe a Begoña Caamaño

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/05/2026

A Universidade de Vigo celebrará o vindeiro martes, ás 12.00 horas, o acto institucional do Día das Letras Galegas 2026 na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, centro no que recaeu este ano o distintivo de galeguización Gal Ego, unha iniciativa coa que a institución académica viguesa pretende incentivar o emprego da lingua galega nas facultades e nas escolas en todas as súas actividades.

O acto, concibido en homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, a quen se dedica esta data en 2026, combinará música, literatura e diferentes recoñecementos institucionais arredor da cultura e da lingua galega.

Unha ollada á figura de Begoña Caamaño da man de Paula Carballeira

Arrancarase coa actuación do dúo Pärbo, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que presentarán a peza Limons + Golpe de Carballiño. De seguido, terá lugar a apertura institucional a cargo do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a intervención da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda.

Para afondar na figura de Begoña Caamaño contarase coa participación da escritora e actriz Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e autora do libro O transgredir das ondas, un texto que percorre a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun podcast titulado co mesmo nome, no que a xornalista Xoana Barreiro recompila voces, lembranzas e testemuñas para reconstruír a figura dunha autora esencial, con quen Carballeira mantivo unha estreita relación de amizade, polo que non faltarán as anécdotas.

Entrega de premios e presentación dun glosario científico

Como é habitual o acto incluirá a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2026, acompañada da lectura de fragmentos dos textos gañadores e, como novidade, este ano contarase tamén coa presentación do Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais, unha obra redactada elaborado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e, en particular, polo profesorado da Área de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica implicado na comisión de normalización lingüística da escola, con motivo das Letras Galegas 2026, como ferramenta de apoio ao estudantado preuniversitario que se inicia no ámbito da ciencia e da tecnoloxía de materiais, especialmente en titulacións de enxeñaría.

EE Minas e Enerxía, 4º centro da UVigo con distintivo Gal Ego

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía é o cuarto centro da Universidade de Vigo en recibir o distintivo Gal Ego, un selo cunha vixencia de catro anos, que xa recibiron, no 2024, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense de xeito conxunto coa Filoloxía e Tradución, a quen se lle entregou un galardón honorífico, e, no 2025, á Facultade de Comunicación, no campus de Pontevedra.

Para a súa concesión, a comisión avaliadora ten en conta unha serie de criterios, como o número de materias impartidas en galego, o número de traballos de fin de grao e máster desenvolvidos neste idioma, a realización de actividades nesta lingua e o seu uso na comunicación interna e externa.

CC Xurídicas e do Traballo adianta a este xoves a celebración 

Desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo adiantarán a este xoves a celebración das Letras Galegas 2026 e farano nun acto no que combinarán a lembranza a Begoña Caamaño, da man do profesor Xosé Manuel Pacho, coordinador de Normalización Lingüística da facultade, coa lectura do fallo do V Premio xurídico de investigación en lingua galega Xosé Luis Franco Grande, galardón co que o centro busca fomentar o uso da lingua galega no eido xurídico e poñer en valor os traballos de investigación realizados neste eido que aposten polo uso da lingua propia.