DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ás vitorias acadadas nos CGU de Deportes Colectivos que se celebraron na Coruña

A UVigo clasifícase para os Campionatos de España Universitarios de balonmán e fútbol feminino e rugby masculino

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 14/03/2025

A Universidade de Vigo será a presentante galega nos Campionatos de España Universitarios de balonmán e fútbol feminino e de rugby masculino. Os tres equipos da UVigo acadaron cadansúa praza ao impoñerse esta semana ás universidades de Santiago de Compostela e da Coruña nos Campionatos Galegos Universitarios de deportes colectivos que se celebraron na cidade herculina.

As competicións remataron na tarde deste xoves e deixaron a UVigo no segundo posto da clasificación xeral por universidades, na que se computan os resultados acadados en cada unha das competicións. Así, a gañadora foi a USC con 25 puntos, seguida da UVigo con 25 e a UDC con 23. 

Ademais da vitoria balonmán e fútbol feminino e rugby masculino, a UVigo foi segunda clasificada en balonmán masculino e segunda tamén en fútbol masculino. No voleibol, os equipos vigueses acadaron a terceira posición na categoría feminina e a segunda na masculina, mentres que en baloncesto, o equipo feminino foi segundo e o masculino, terceiro. En fútbol sala, o equipo feminino foi segundo e masculino, terceiro. Finalmente, a UVigo foi segunda en rugby feminino.

Tres citas nos CEU

Os resultados acadados na Coruña esta semana permiten á UVigo clasificar tres equipos para os Campionatos de España Universitarios de deportes colectivos. O equipo feminino de balonmán terá que disputar a competición nacional en Leganés, nunha cita organizada pola Universidad Camilo José Cela entre o 20 e o 23 de maio. A mesma institución será a que organice o CEU de fútbol, no que participará o equipo de fútbol feminino da UVigo, que terá lugar entre os días 8 e 11 de abril en Boadilla del Monte. Finalmente, o CEU de rugby, no que participará o equipo masculino da UVigo, será en Madrid, organizado pola Universidad Complutense, entre os días 28 e 30 de abril.