DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Cátedra NextChip, o peche da primeira edición tivo lugar este mércores en Citexvi

A UVigo clausura con éxito a primeira edición do Curso de Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada

Este programa intensivo e especializado é un referente en formación tecnolóxica punteira en Europa

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cursos
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/06/2025

No mes de febreiro botaba andar a primeira edición do curso de Experto en Desenvolvemento de Dispositivos de Fotónica Integrada, un programa intensivo e altamente especializado, promovido pola Cátedra NextChip e aliñado coa aposta estratéxica da UVigo e a Zona Franca para converter a cidade de Vigo nun referente europeo no eido dos semicondutores. Precisamente un día despois de coñecerse a participación da Sociedad Española para la Transformación Tecnológica (SETT) no proxecto Sparc cunha inxección de 17 millóns de euros, o curso celebraba o acto de clausura. O evento tivo lugar en Citexvi e nel participaron os alumnos e alumnas que durante os últimos catro meses se especializaron no deseño, medida, fabricación e empaquetado de dispositivos fotónicos e electrónicos, acadando así unha visión integral do ciclo completo de desenvolvemento de chips fotónicos.

Esta formación, punteira en Europa, foi deseñada para achegar a realidade industrial da fotónica integrada a perfís técnicos e científicos e, como culminación do curso, as e os estudantes recibiron este mércores os chips que eles mesmos deseñaron, fabricados grazas a un acordo coa foundry europea luvia Photonics. Neste evento estiveron acompañados polo coordinador do curso, Carlos Mosquera; o director da Cátedra Nextchip, Francisco Díaz Otero e o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez. 

“Unha formación de vangarda no ámbito da fotónica integrada”

O curso insírese dentro da oferta académica do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, promovido pola Cátedra NextChip e financiado polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital a través da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestructuras Digitales, con fondos do Mecanismo europeo de Recuperación y Resiliencia e no marco do PERTE Chip. O seu coordinador, o catedrático do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da UVigo e investigador de atlanTTic Carlos Mosquera, explica que este programa “ofrece unha formación de vangarda no ámbito da fotónica integrada, combinando unha sólida base teórica cun intenso compoñente práctico titorizado”. O docente destaca que o curso conta cunha “dirección de académicos e profesionais de alto nivel e brinda aos participantes a oportunidade de traballar en estrita colaboración coas principais entidades europeas do sector, dando como resultado unha experiencia formativa única, conectada co ecosistema tecnolóxico máis avanzado”. 

De feito, o curso comprendeu tanto formación na aula como de carácter práctico, coñecendo de primeira man o proceso de fabricación de chips no International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) en Braga (Portugal) e explorando o empaquetado de dispositivos fotónicos nunha visita virtual ás instalacións do prestixioso centro de investigación Tyndall National Institute en Irlanda.

Éxito de matrícula e alta empregabilidade

Dende a organización destacan que esta primeira edición do curso obtivo moi boa acollida, por riba do previsto, “o que pon de manifesto o crecente interese por esta formación, dada a necesidade de profesionais cualificados nesta tecnoloxía clave para o futuro”. De feito, a alta empregabilidade foi un dos aspectos máis destacados do programa, xa que “numerosos alumnos accederon a postos de traballo no sector durante o propio desenvolvemento do curso, consolidando así o valor desta formación como ponte directa ao mercado laboral”.

Por todo isto, dende a organización destacan que este curso contribúe a consolidar a Universidade de Vigo como “un referente no impulso ás tecnoloxías emerxentes, contribuíndo activamente ao fortalecemento do ecosistema de innovación e do talento no eido dos semicondutores e a fotónica integrada”.

Segunda edición en 2026

Dado o éxito acadado con esta primeira edición, dende o Centro de Posgrao e Formación Permanente xa está a traballar na posta en marcha dunha segunda edición do curso de experto, que comezará a principios de 2026. O programa estará formado por tres microcredenciais: deseño e proba de circuítos integrados fotónicos; fabricación e empaquetado de circuítos fotónicos e tecnoloxías cuánticas e xestión de Proxectos. A preinscrición está previsto que se abra en setembro e ofertaranse 20 prazas.