DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da cátedra impulsada pola institución académica, Afaga e Atendo

A UVigo colabora coa Xunta na elaboración dunha estratexia contra o idadismo pioneira en Europa

Este luns avanzaron na elaboración do documento nunha reunión coa conselleira de Política Social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/03/2023

A Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo colabora coa Xunta de Galicia na elaboración da primeira Estratexia galega contra a discriminación por idade, unha medida pioneira en Europa que buscará afrontar este fenómeno desde distintos ámbitos, segundo informou este luns o Goberno galego. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo nesta xornada unha reunión coas persoas responsables desta cátedra, que dirixe a profesora da Facultade de Comunicación Ana Belén Fernández Souto. A xuntanza tiña como obxectivo avanzar na preparación dun documento “que permitirá estudar, reflexionar e formular propostas para erradicar os estereotipos e a discriminación contra as persoas maiores”, segundo salientou o Goberno galego.

Impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares e Enfermos de Alzhéimer y otras demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, esta cátedra naceu en 2022 co obxectivo de combater o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade. Impulsada tamén coa colaboración da Xunta, converteuse entón na primeira cátedra dunha universidade española que puña o foco no fenómeno do idadismo, como fará tamén a estratexia que deseñan conxuntamente coa administración autonómica. Nese senso, Fernández Souto pon de relevo o positivo de que “a Universidade e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, poidan xerar sinerxías e traballar nunha mesma dirección”, tendo en conta ademais que “un dos obxectivos da cátedra era propor actuacións desde o punto de vista político e social” á hora de facer fronte a esta forma de discriminación.

Actuacións no eido lexislativo, educativo e social

Segundo informou a conselleira, esta estratexia buscará actuar contra o idadismo tanto desde o ámbito político e lexislativo, “co impulso de normativas que impidan este fenómeno”, como desde o educativo, co propósito de “corrixir conceptos e estereotipos sobre os distintos grupos de idade”. Así mesmo, un terceiro eixe do plan será o campo social, “a través da promoción de máis encontros interxeracionais que faciliten a interacción entre persoas de distinta idade”, informou o Goberno galego. Nese senso, Fernández Souto pon de relevo que se trata dunha estratexia “aliñada cos obxectivos da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o idadismo, nos que se propoñen actividades educativas, actividades interxeracionais e tamén accións no ámbito da política e a lexislación, que é fundamental para protexer dereitos e combater a desigualdade por razóns de idade”.

Xunto a Fernández Souto, a Cátedra de Idadismo estivo representada nesta xuntanza presidente da xunta directiva de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e o responsable do seu departamento xurídico, Iván Rarís; polo fundador de Atendo, Luis Barros, e polo ex-profesor da UVigo e membro da comisión da cátedra Xaime Fandiño. Como explica a súa directora, a cátedra colaborará nas diferentes fases de elaboración deste documento, que nesta xornada analizaron coa conselleira Fabiola Rodríguez; o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo; e o subidrector xeral de Envellecemento Activo, Alfredo Silva. “Actualmente estamos nunha fase de entrevistas a distintas personalidades que poidan achegar a súa visión, coa idea de poder presentar xa unha estratexia definida nuns meses”, salienta Fernández Souto, que explicou que estes traballos contan tamén coa participación da responsable da campaña mundial contra o idadismo da OMS Vânia de la Fuente, coautora do primeiro Informe mundial da ONU sobre este fenómeno social.