DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse a xornada de peche deste proxecto Interreg

A UVigo conclúe a súa participación en Nanoeaters presentando un sistema de iluminación LED intelixente que permite obter información ambiental

Púxose en marcha unha instalación demostrativa de 15 lámpadas nos xardíns do campus

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 22/09/2021

Este mércores celebrouse, de xeito virtual, a xornada de peche do proxecto Interreg Nanoeaters. Nela presentáronse as solucións nanotecnolóxicas desenvolvidas ao seu abeiro para atender as necesidades das empresas da Eurorrexión. Entre elas, o equipo da Universidade de Vigo presentou un sistema de iluminación LED intelixente que permite obter información ambiental da contorna e que se ten instalado nas lámpadas do Camiño da Igualdade do campus de Ourense.

O proxecto Nanoeaters, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (c) 2014-2020 cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, está liderado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia e conta coa participación do International Iberian Nanotecnology Laboratory, de Braga, Portugal; as universidades de Vigo e Santiago de Compostela; o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia-Gradiant; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia-CTAG; a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen), e a Fundación Biomédica Galicia Sur. A súa misión é apoiar ás empresas da Eurorrexión na aplicación de solucións nanotecnóloxicas que ofrezan respostas efectivas ás debilidades detectadas na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Instalación no campus de Ourense

A xornada celebrada este mércores, titulada Solucións nanotecnolóxicas orientadas ao mercado, tivo como obxectivo, segundo indican desde a súa organización, “compartir os resultados obtidos coas empresas dos sectores agroalimentario, acuicultura, medio ambiente, automoción e saúde, na procura de incrementar o impacto dos resultados obtidos e favorecer a súa implementación”. Nela, Humberto Michinel, catedrático do Departamento de Física Aplicada que lidera a participación da UVigo, foi o encargado de facer balance dos traballos levados a cabo desde o campus de Ourense. “A nosa contribución ao proxecto POCTEP Nanoeaters foi o desenvolvemento dun sistema de iluminación intelixente que permite obter información sobre variables medio ambientais”, sinala Michinel. O sistema tense instalado de xeito experimental en instalacións do campus de Ourense e foi levado a cabo en colaboración co INL de Braga e coordinado pola Axencia Galega de Innovación.

Segundo explicou Humberto Michinel na xornada celebrada este mércores, o reto afrontado foi o desenvolvemento de sistemas de iluminación máis eficientes baseados en LED para “cidades intelixentes”, empregando nanofotónica e integrando solucións IoT. Froito do traballo realizado desenvolveuse unha lámpada intelixente con chip LED e sistema de comunicacións baseado en IoT que permite monitorizar variables medio ambientais en contornas urbanas, como a calidade do aire, e estudar efectos térmicos. Igualmente, no proxecto traballaron a  incorporación destas lámpadas LED intelixentes a sistemas de eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e o control da polución luminosa. Desenvolveuse unha instalación demostrativa con 15 destas lámpadas LED intelixentes funcionando no campus de Ourense, concretamente na zona de xardíns, no coñecido como Camiño da Igualdade. Na iniciativa participaron tamén as empresas galegas Gallaecia Broadcast e Energesis Home.

Outros resultados

Ademais do proxecto realizado desde o campus de Ourense de xeración de sistemas de iluminación LED aplicando nanomateriais e técnicas nanofotónicas, as solucións froito de Nanoeaters abranguen a detección precoz da fibrose; o desenvolvemento de biosensores para caracterización de aceite de oliva virxe extra; un método de detección rápida de toxinas en mariscos e peixes; un sistema para controlar a presión intraocular; a fabricación de sensores para a detección de biotoxinas mariñas; o desenvolvemento dun sensor de ultra baixo consumo con capacidade de comunicación; o estudo e aplicación de tecnoloxías capacitivas en elementos de interface HMI do vehículo; a implantación de tecnoloxías de microfabricación e nanoestruturación para personalizar dispositivos nanofluídicos (un experimento coa empresa galega Nasasbiotech), e o desenvolvemento de novos biomarcadores para o diagnóstico do cancro colorrectal mediante estratexias baseadas en nanotecnoloxía.